“Quíxose con primor e feitura”. Filgueira Valverde homenaxe
Cadernos Ramón Piñeiro XXXI
Edición de Luís Cochón e Laura Mariño Taibo
Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, Santiago de Compostela, 2015, 468 páxinas.
En edición de Luís Cochón e de Laura Mariño Taibo ve a letra de molde o número XXXI dos Cadernos Ramón Piñeiro, que aparece como libro -así o consideran os responsables da edición- de homenaxe ao persoiero elixido pola Real Academia Galega na celebración do Día das Letras Galegas no ano no que andamos: Xosé Fernando Filgueira Valverde. “Homenaxe gratulatoria” de louvor e lembranzas, conxuntada por vinte e nove artigos escritos por trinta e dous autores ou coautores do presente Caderno (estudosos, críticos, científicos, médicos, xornalistas, profesores, poetas…), moitos deles discípulos no seu día de Filgueira Valverde.
Unha colectánea amplamente miscelánea que se configura como a ollada máis completa, e sobre todo a máis variada, dentro da bibliografía filgueiriana, sobre todo se a comparamos coa doutros anos, en honor do personaxe cabezaleiro da celebración do Día das nosas letras.
Un poema de Arcadio López-Casanova (“Mester de louvor”) e unha “Miscelánea introdutoria” escrita por Luís Cochón figuran no pórtico do volume. Luís Cochón, alumnos de Filgueira Valverde e membro do coro do Instituto pontevedrés, deita abondosa información verbo de Filgueira Valverde como docente (“mestre insigne da paideia de noso”, páxina 11), e talvez sen se decatar ou á mantenta escribe algo que, ao seu ver, reflicte un modo de ser filgueiriano: quedar a ben con todos sen mollarse por ninguén (páxina 16).
Coido que sería demasiado tedioso referir os nomes dos autores e os títulos dos artigos recollidos nesta homenaxe, todos eles, agás tres, relacionados coa figura do polígrafo pontevedrés. Tampouco falta algunha achega haxiográfica. Algúns dos textos son lembranzas persoais que reproducen a relación dos autores con Filgueira Valverde, quer como docente e director no Instituto de Pontevedra, quer como fundador do coro escolar “Os cantores do Instituto”. Mais a meirande parte dos artigos son estudos nos que, con dispar profundidade, se analiza o labor do erudito pontevedrés como investigador do feito trobadoresco, a súa tentativa teatral, a súa contribución aos estudos da épica galego portuguesa medieval, á ciencia ou á arte galegas. Filgueira Valverde como camonista, como procurador en Cortes. O seu papel na creación do Consello da Cultura Galega ou como importante rosalianista, entre outros títulos.
Saliento o estudo que fai Arcadio López-Casanova de Filgueira como representante na lírica galega do neotrobadorismo. Así mesmo o de Francisco Cerviño González, “Filgueira Valverde. Literatura e política”, no que cualifica a Filgueira Valverde como franquista vido a demócrata non por oportunismo, ou non só, senón por convencemento; que non concorreu ao Consello de guerra contra Alexandre Bóveda como testemuña da defensa, posiblemente por medo invencible. Tamén os recordos de Cipriano Luís Jiménez Casas, alumno en 1957 no Instituto de Pontevedra que cos seus compañeiros do curso preuniversitario saíu en manifestación á Alameda cunha bandeiriña na que se lía “¡¡Queremos papel!!” e que non ten reparo en afirmar que a participación ou responsabilidade de Filgueira Valverde na construción da fábrica de Celulosas de Pontevedra “é totalmente evidente”.
Resulta así mesmo de lectura moi ilustrativa e interesante o artigo memorialístico de Xesús Alonso Montero no que recupera a súa relación persoal e literaria con Filgueira. Un traballo amplamente documentado e que pode dar pé, e mesmo xustificar esa interpretación de que Alonso Montero “é parte interesada dun xuízo moral ao autor homenaxeado” ao que un recente libro seu (Xosé Filgueira Valverde. Biografía intelectual) lle salva a cara, como atinadamente escribe Mario Regueira.
Libro pois de honra e homenaxe laudatoria que, á vez que ofrece ampla información, achégalle aos lectores luces e sombras dun personaxe moi controvertido.