O derradeiro agasallo

Xose Neira Vilas e Anisia Miranda reducidooooooooooXosé Neira Vilas e Anisia Miranda
no corazón dos nosos nenos
Loli Beloso Neira
Prólogo de Fina Casalderry
Finisterrae Ediciones, Santiago de Compostela, 2015, 68 páxinas.

O pasado 21 de novembro, escasamente cinco días antes do pasamento do escritor, tivo lugar na parroquia de Tomeza a presentación do que, sen dúbida, foi o derradeiro agasallo que recibiu en vida Xosé Neira Vilas. Un volume, non abondoso en páxinas, mais si en agarimoso achegamento ás figuras, e sobre todo ás persoas, de Xosé Neira Vilas e Anisia Miranda. Ao acto, con grande afluencia de público e éxito de vendas, malia ter coincidido cun deses partidos de fútbol do século, asistiu Neira Vilas e tamén o Dr. Ángel Carracedo, presidente da Fundación de Medicina Xenómica de investigación e loita contra o cancro, fundación á que a autora acostuma a doar todos os beneficios obtidos nas vendas dos seus libros.
Xosé Neira Vilas e Anisia Miranda no corazón dos nosos nenos é a terceira monografía coa que Loli Beloso homenaxea a figuras sobranceiras da cultura galega: Isaac Díaz Pardo e Luís Seone antecederon e encabezaron o interese de Loli Beloso en espallar nos corazóns e nas mentes dos nosos cativos, e tamén nos de mulleres e homes galegos, a cultura de noso, representada por algunhas das súas figuras máis emblemáticas.
Algún día cumprirá inquerir o porqué do éxito dos libros de Loli Beloso, unha persoa que non aspira a ningún olimpo literario, que foxe de cenáculos e mesmo dos medios de comunicación. A explicación reside, na miña estima, no feito de que a autora dá no albo ao escoller o formato axeitado para trasladar ás mentes lectoras as biografías, narradas coma un conto, dos persoeiros da nosa cultura, sen deixar ao mesmo tempo de ser fiel aos datos históricos. De por parte, Loli Beloso sabe proxectar na súa escrita o que ela é como persoa: aguda sensibilidade e agarimosa proximidade, a mesma que, con ledicia e xenerosidade, lles proporcionou a Xosé Neira Vilas e a Anisia Miranda des que Anisia lee pediu a Loli e ao seu home que fosen os seus amigos. Acerta de cheo Fina Casalderrey, autora das tres planas que introducen a publicación, coas palabras que definen á autora: “Loli Beloso é desas persoas tenaces á hora de perseguir soños e persuasiva nos afectos.”

Loli Beloso

Loli Beloso

Mais indo á cerna, direi que o libro de Loli Beloso segue o formato dun conto que unha nai, alter ego da propia autora, lle conta a súa filla: a súa infancia e adolescencia e o contacto con Neira Vilas a través do seu libro Memorias dun neno labrego. Foi pois Balbino o que levou á narradora ao coñecemento de Xosé Neira Vilas e da súa dona, Anisia Miranda. E a seguir, co formato igualmente contístico, Loli Beloso achéganos a historia da vida de dúas persoas, Xosé Neira Vilas e Anisia Miranda, exemplos senlleiros de traballo, superación, humanidade e amor a Galicia. A infancia en Gres, o traballo na terra ou coas bacas no monte; o comezo da escola cun único libro de texto, o reparto do correo, obrigado a recorrer catorce quilómetros antes de entrar na aula; emigración a Bos Aires para seguir estudando, mais dedicado, sobre todo, a sobrevivir traballando e a descubrir a Galicia emigrante ou exiliada. Encontro e namoro con Anisia Miranda, envorcándose os dous na defensa de Galicia e da súa cultura. A fundación da editorial, os primeiros libros (Dende lonxe, Esta es Cuba, hermano, Memorias dun neno labrego). Traslado para Cuba en 1961 onde o labor cultural da parella non deixa de medrar. En 1992, retorno definitivo a Galicia, traballando arreo a prol da nosa terra e da súa cultura.
E aquí en Galicia, Anisia, a estreliña de Gres (páxina 53) segue brillando incluso despois da súa morte no ano 2009. E Neira Vilas, vivindo unha existencia feliz axudando aos demais, sendo útil a este país como un sinxelo traballador da cultura.

 

X.Neira Vilas, Loli Beloso e Ángel Carracedo na presentación do libro

X.Neira Vilas, Loli Beloso e Ángel Carracedo na presentación do libro

Unha fervenza de anécdotas, pero sobre todo de feitos que amosan un profundo e perdurable amor a Galicia, por parte de dúas persoas que lle dedicaron toda a súa humanidade, o seu traballo e a súa creatividade; e que Loli Beloso nos fai chegar coa lingua dos afectos, cunha escrita transida pola naturalidade da fala diaria.
Os debuxos e ilustracións de Lino Lago, Tato Heredia, Rofer, Kiko da Silva, Cecilia M. Benítez e as dúas fotografías de Vicente Ansola achegan un plus engadido, convertendo a publicación de Loli Beloso nunha pequena obra de arte.

O Isaac dos nenos galegos

 

Isaac Díaz Pardo para as nenas e nenos galegos

Loli Beloso Neira

Finis Terrae Ediciones, Santiago de Compostela, 2013, 56 páxinas

   

   Como escribiu Xosé Ramón Fandiño, o 5 de xaneiro de 2012 Isaac Díaz Pardo internouse   para sempre polo vieiros da saudade. Desapareceu a súa enxoia figura, pero quédanos o pracenteiro consolo da súa obra e dos seus emprendementos, tras noventa e un anos ao servizo da dignidade humana e da ética por riba de todo. O incansable labor dese campión da ética, da arte e do pulo industrial, gobernado por criterios ben afastados das políticas capitalistas hexemónicas, acaba de ser recuperado arestora por Loli Beloso Neira nunha publicación editada por Finis Terrae Ediciones, Isaac Díaz Pardo para as nenas e os nenos galegos. Un impagable galano editorial fermosamente ilustrado por Rubén Calles Lijo coa colaboración de Loli Chan Beloso. Un limiar, escrito coa pluma do corazón, por Xosé Neira Vilas achéganos aos últimos días de Díaz Pardo e á súa relación de agarimo que con el tivo Loli Beloso nos derradeiros anos da vida de Isaac, “o Sol de Galicia” como o cualifica a autora.

  

Isaac Díaz Pardo e Loli Beloso

Nesta publicación, escrita ao xeito dun conto para nenos, Loli Beloso acércanos á traxectoria vital, artística, empresarial e sobre todo humana de Díaz Pardo. A autora, botando man dunha escrita sinxela para que os cativos da nosa terra non teñan ningunha barreira ou atranco co seu texto, percorre a vida de Isaac desde o seu nacemento en Santiago ata os últimos anos ateigados de tristura e amargor ao ver a súa obra rachada en anacos por aqueles que se aproveitaron da súa xenerosidade no ano 2006, o ano da traizón.

   Díaz Pardo, un home renacentista que xa desde os primeiros anos da posguerra asumiu a tarefa de preservar, fortalecer e reconstruír a memoria de Galicia, revive, nas páxinas de Loli Beloso, como pintor, ceramista, editor, escritor, empresario e creador de millentas iniciativas a favor da cultura de noso. Mais Loli Beloso amósalle sobre todo ás nenas e nenos galegos a inxente humanidade e xenerosidade dun galego universal, seguramente o intelectual que máis loitou pola cultura galega nos últimos setenta anos. Así o reflicte este conto biográfico que escribe Loli Beloso, tamén co propósito de que unha parte do recadado na venda do mesmo será destinada para a investigación do cancro.

 (Texto publicado o día 19 de setembro de 2013 no xornal El Correo Gallego.para ver o orixinal, facer clic aquí)

Fragmento

Isaac Díaz Pardo, Xosé Neira Vilas, Loli Beloso e Carmen Arias de Castro (Mimina)

 “Queridos nenos e nenas, ISAAC DÍAZ PARDO foi un ser humano marabilloso, digo foi porque morreu. Pero persoas coma el xamais se van, sempre estará no noso corazón, na nosa mente, nos nosos ríos, montañas, prados…Toda Galicia sabe a el. Durante toda a súa vida, como se fose un misioneiro e, dende moi pequeno, loitou pola cultura galega e afanouse en axudar a todo aquel que o precisou.

Con asombro, os catro cativos preguntan ao mesmo tempo: por que anos tristes e amargos?

-Queridiños, prestade moita atención:

No ano 2006, a Isaac aconteceulle algo que nunca, nunca debeu pasar, destituírono de todos os seus cargos da obra, que con tanto esmero e sacrificio fundou para o noso pobo, polo que Galicia chorará sempre quedando ferida de morte e co corazón roto en anacos. Isaac reflícteo na súa derradeira exposición que titulou Pinturas e Fracasos, inaugurada o 14 de febreiro do 2011 na Casa da Parra, en Santiago de Compostela, e no libro de dita exposición, Isaac fai unha síntese da súa vida onde di textualmente:«Tras a morte de Seoane tentei serlle o máis fiel e ser o máis xeneroso coas xentes que traballaban de acordo coa súa responsabilidade. Mais isto non foi entendido por todos. Algúns aproveitando a xenerosidade que Seoane me ensinara a ter, no ano 2006 provocaron a situación na que hoxe se atopa o complexo Sargadelos e que representou o máis importante e definitivo fracaso da miña vida, pois quedamos absolutamente arruinados, xa que non voltei a recibir unha peseta de Sargadelos. E para poder vivir nestes catro anos, tivemos que vender moitas cousas entre elas o piso que tiñamos en Madrid que no seu día serviu para recoller aos exiliados que voltaban e que garda historias, entre elas a morte de Lorenzo Varela»

-Polo que estamos escoitando tamén axudou aos noso exiliados co seu bo facer paternal para con eles, sabían que podían contar con el para o que lles fixera falla e grazas a el voltaron a nosa terra. Era todo xenerosidade -exclamou Susiño.”

 (Loli Beloso Neira, Isaac Díaz Pardo para as nenas e nenos galegos, páxinas 44-45. As imaxes que ilustran esta entrada foron tomadas por Xesús Chan o  28 de agosto de 2011, día do derradeiro cumpreanos de Isaac Díaz Pardo, no seu estudo do Castro )

“Herdeiros da Miseria”, viaxe á tona da miseria na Galicia rural

 

Herdeiros da Miseria

Cosntantino Cuesta Ibáñez

Finis Terrae Ediciones, Santiago de Compostela, 2012, 102 páxinas.

 

   Constantino Cuesta Ibáñez forma parte desa longa nómina de médicos, frecuentemente ignorados, seducidos pola escrita e, no seu caso, tamén polas artes pictóricas. Froito da súa dedicación á escritura é esta novela curta, escrita entre 1995 e 2006, co propósito, se o prólogo non é apócrifo, de non morrer de aburrimento mentres estudaba a memoria da OPE (Oferta Pública de Emprego), é dicir, a súa  oposición médica.

   Unha novela de prosas costumistas e ruralistas. En efecto, Herdeiros da Miseria é unha novela de aldea, que sitúa a súa trama nun tempo pasado, pero aínda non extinguido na súa totalidade.

   No corazón e nas contornas dese lugar aldeán sitúa Constantino Cuesta Ibáñez a súa trama novelesca, literaturizando as pequenas vicisitudes dunha familia. Detrás desta novela está claramente o azougue dunha aldea e no mesmo reflíctese a galería de personaxes que actúan e pensan con esquemas, pautas, valores ou prexuizos da vida aldeá. Tamén vivindo as súas carencias. Endalí que a fame  sexa a constante que, malia que o lectorado poida crer doutro tempo, está `presente no vivir cotián destes personaxes.

   Narrada desde o punto de vista dun cativo, membro dunha familia extensa e pobre (na casa non hai nin luz, nin auga, nin televisión) a novela achégase aos membros deste clan familiar: á avoa, co pelo branco e os ollos azuis, que di palabrotas e desaparece do mundo dos vivos bicando o neto; o pai que preside a mesa familiar, fala pouco e seco; o avó, sempre co caxato na man dereita con resaibos machistas, que latrica cos seus pantasmas; o tío Pequeniño, un verdadeiro rañicas; o tío Manuel Xeneroso, a súa antítese, que convida a familia a encherolas; a morte do avó e as liortas pola herdanza que a piques estiveron de deixar a familia na indixencia.

Constantino Cuesta Ibáñez

   No plano técnico, Herdeiros da Miseria é unha novela moi sinxela e elemental: ese cativo narrador cóntanos desde a súa omnisciencia infantil unha acción alíxera e lineal, carente de matices e de calquera digresión descritiva que desvíe o lector do seu obxectivo principal.

   Verbo do estilo e da lingua, cómpre dicir que Cuesta Ibáñez, sen empregar grandes alardes estilísticos e complicacións formais, escribe esta súa primeira novela nun galego case que sempre correcto.