UNHA NOVELA DE FORMACIÓN. SUPERMULLER SEGUNDO NIETZSCHE

A casa xunto ao volcán

Xosé Ricardo Losada

Editorial Galaxia, Vigo, 2019, 197 páxinas.

 

O autor, profesor de Filosofía no ensino medio ten o propósito de amosar que a filosofía ten repercusións na vida real. Por veces, alguén pregunta para que serve a filosofía. Abondaría co replicar como fixo Montaigne: “Que a filosofía é aprender a morrer”. Mais sen chegar a situacións límites, Xoxé Ricardo Losada replica neste libro, a proposta narrativa coa que o autor gañou o Premio Viaductos de novela, e que vai dirixida a un amplo abano de lectores: adolescentes e público adulto, se ben, esta é unha novela de aprendizaxe que xurdiu co ánimo de experimentar desde a ficción a teoría nietzscheana do superhome, protagonizada desta volta por unha rapaza que desexa marcar os seus propios vieiros vitais.

A protagonista é unha rapaza de familia acomodada, pero esnaquizada, que, tras pasar toda a vida en Ourense, o novo destino laboral da nai obrígaa a vivir en Rianxo. Escríbelle ao que foi o seu profesor de Filosofía para contarlle o seu pasado de atrapada polas persoas que a rodean e o comezo do seu rexurdir, pero tamén a obriga de recompoñer os seus ideais vitais partindo da nada. En Rianxo comeza a facer voluntariamente cousas que lle custaba facer. O seu comportamento no instituto e enigmático e aquiescente case que ata o patolóxico. Ata que as explicacións verbo de Nietzsche do vello profesor de Filosofía, co que se relaciona de xeito epistolar, falando do home novo, do superhome, fai que experimente a evolución camelo, león, supermuller. Comeza un período insubmiso e rebelde. É o disfrace de leona. Fai mil falcatruadas, mais chega un intre, no que se metaforsea e se sente segura de mi mesma para construír. Comeza a fase de nena con trazos que Nietzshe lle atribúe, tirados do superhome: rapaza dunha grande madurez, unha supermuller.

Como más arriba anotei, esta é una novela de formación, dirixida fundamentalmente a adolescentes, pero que poden gorentar todo tipo de lectorado. Baseándose en Nietzsche, asistimos ao proceso de maduración dunha adolescente, percorrendo a diversas fases que no fondo atravesa a meirande parte dos adolescentes.

 

                    Xosé Ricardo Losada

 

O autor coñece á perfección  o ambiente académico e convivencial  dos institutos e non deixa de criticar o sistema educativo  que induce acertos profesores a impartir as súas clases como máquinas.  Mais non por iso aplaude as fases evolutivas da protagonista, se ben o lector tende a identificarse con ela cando se rebela contra as inxustizas. Na novela hai un claro rexeitamento do machismo. Escrita cun estilo de prosa que se axusta á forma de expresarse a xuventude, con personaxes ben perfilados. Unha novela que xoga a súa maneira co teoría nietzscheana do superhome.

(Texto publicado no xornal Faro de Vigo o día 12 de marzo de 2020)