Meter a nación nun cofre de piratas

 

A ponte das poldras

Chus Pato

Noitarenga, Santiago de Compostela 1996, 48 páxinas

Editorial Galaxia 2006, 63 páxinas (Reedición)

(LIBROS DE FONDO)

    Xa non podemos cruzar a Ponte das Poldras sobre Antela, como denuncia o manifesto, porque a aberración e a inmensísima patulea da devastación e da ignorancia a derrubou hai xa máis de medio século cando tivo lugar no noso pais unha das máis grandes desfeitas ecolóxicas. Podemos, porén, transitar por riba dos seus ollos milenarios levados de ganchete pola man simbólica da literatura. Grazas, neste caso, a Chus Pato e o seu poemario A ponte das poldras, que no ano 1996 editara Emilio Araúxo en Noitarenga e que, xa esgotado, se incorpora agora á prestixiosa colección Dombate que Galaxia dedica a poesía para que “a sintaxe da utopía” fique entre nós para sempre. Porque A ponte das poldras, malia a súa brevidade, é un chanzo fundamental para podermos rubir polo edificio da poesía galega contemporánea. Por méritos propios cómpre poñer a Chus Pato entre as e os grandes das letras galegas. A súa poesía desde Urania ( 1991) é un referente indispensable da lírica galega das últimas dúas décadas, nomeadamente porque a súa escrita dialoga co mellor da poesía contemporánea. Quizais hermética, quizais abrasiva. A súa poesía, como no seu día escribiu Anxo Angueira, abrasa.

   Desde o 91, ano do primeiro libro e seu, Chus Pato é e será sempre a “sétima cabeza”. Profetizouno, e acertou, Heriberto Bens, ese noso bardo aluado e salmodiante. Chus Pato, a  sétima cabeza “na inmensidade do deserto arraiano”, no engado -engano das planuras-, á par de Adosinda Gutérrez, Mumadona Díaz, Onega, Ilduara Eriz

Chus Pato

e Oureana. Velaí, pois, a Chus Pato erguendo o lábaro-cabeza entre as donas malditas de cas de Hermenexildo a través das lañas do tempo, dos nosos mitos fabulosos, trabándose con todas as tribos da nosa estirpe, cos trinta avós e tamén coas trinta avoas, como no seu día retrucou Chus Pato en feminino.

   Os clixés da ollada crítica dexergan na poesía de Chus Pato varios eixos fundamentais: a problemática social, na que cobra un lugar importante a reivindicación da lingua, o culturalismo clasicista e a marca do xénero, rebelándose desde o feminino contra o silencio e a invisibilidade da historia. Un macrotexto envolto sempre de grande fondura estética e abondosamente distorsionado e críptico por veces, porque ser poeta, para Chus Pato, é recoller a propia tradición e a do mundo enteiro.

   Tamén en A ponte das poldras a poesía de Chus Pato evoluciona cara a un desvalemento da voz como unha maior capacidade de intuír trazos afastados da lírica tradicional, con presentacións a primeira vista menos poéticas, inclusión de esquemas da cultura de masas e de toda a tradición de milenios de poesía, pensamento e cultura.