DO AMOR POLIMORFO. FÓRA DAS MARCAS DO XÉNERO

As estacións do lobo

María Reimóndez

Edicións Xerais, Vigo, 2019, 387 páxinas.

 

Reitero, máis unha vez, que María Reióndez é unha escritora prolífica, cunha creatividade que semella non ter fin. Neste comentario acoutareime a unha nova achega, de esa súa novela río narrativo para adultos, o seu Ciclo dos elementos, un proxecto creativo moi extenso formado por sete novelas: dúas delas (En vías de extinción e A música dos seres vivos) integran o elemento terra. Dende o conflito e As cosas que non queremos oír forman parte do elemento lume. Outras tres novelas completarán os elementos  auga e aire. Unha delas, As estacións do lobo é a primeira achega ao terceiro elemento. En resumo, un ciclo narrativo, onde se aprecia unha certa unidade, ben sexa pola  historia, ben por compartiren algúns elementos..

   As estacións do lobo é unha novela onde practicamente nada acontece fóra da interioridade dos personaxes. O que de verdade importa nesta peza é a expresión dos pensamentos e emocións máis íntimas dos personaxes. Un xénero pois sumamente vital, literatura pura e dura podiamos dicir.

Mais na novela hai unha trama e hai sobre todo un punto crítico. O argumento xira arredor de Clara, unha rapaza luguesa, sentada e conxelada nun banco de Munic. Por debaixo dela un can que a observa; e no seu pasado unha adolescencia bastante aloucada e subterránea. Leváraa a Munic a relación con Franz, un ser prepotente e aborrecible, da que está ausente o amor, mais non a dominación masculina. Sen saber o idioma e nunha cidade estraña é totalmente dependente. Sostena a axuda de amigas e amigos que xa aparecían noutras novelas; e a súa adición e coñecemento do mundo dos cans, grazas ao que comezará a recuperase ata converterse nunha experta adestradora canina.

 

              María Reimóndez

O mais salientable da novela son as relacións persoais que se establece entre o grupo de amigos, que converte a obra de M. Reimóndez nunha novela contra o amor como convención. Entre eles practican o amor polimorfo, mais iso non significa que se deiten con calquera. Clara, e outros membros do grupo, é bisexual e non monógama. Ese é sen dúbida o punto de maior interese desta novela: a construción dun espazo de amores policéntricos. Fronte as relacións heterosexuais, gais, lesbianas, monógamas que a sociedade teima que son relevantes -as heterosexuais sempre-, a convivencia deste grupo de amigos, opta polo sexo libre e reparador (“o amor non é un espazo con candeados”, di Clara).O amor como respecto pola felicidade allea. Un ideal de vida non doado, ateigado de complicacións. Novela feminina e feminista que postula a conversión do home branco heterosexual, pero que recoñece asemade que entre as lesbianas hai moito que segar.

(Texto publicado no xornal Faro de Vigo o 14 de novembro, de 2019)

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s