As pequenas historias da historia de Yashmina Shawki

Fundación Libélula

Yashmina Shawki

Xerais, Vigo 2011, 95 páxinas.

Nada en Vigo de nai galega e pai kurdo iraquí, Yashmina Shawki medrou nun berce familiar no que se falaba galego e castelán. Ela, graduada en Dereito e Historia contemporánea na Universidade de Santiago, exprésase nas dúas linguas. Escolleu o galego para esta novela breve porque pensa que á historia lle vai mellor o galego polo “seu aquel doce, morriñento e musical que se presta mellor para algunhas historias”. Rexeito, e penso que cómpre rexeitar tal criterio, porque é unha manifestación máis da diglosia. Pero esa é a súa escolla, ou mellor dito, as súas declaracións aos medios de comunicación.

A novela curta que acaba de saír dos prelos de Edicións Xerais é, á vez, unha denuncia social e unha chamada á esperanza e á solidariedade. Denuncia da explotación das mulleres, trabadas en situación precaria. Mulleres violadas, escravizadas por proxenetas no calvario da prostitución forzada, como é o caso dunha das protagonistas, ou que viven un inferno no seo da propia familia: maltratadas física ou psicoloxicamente pola propia nai ou pola sogra, feito que leva á autora á consideración de que a violencia contra as mulleres é transxenérica.

O libro dá comezo cun punto final á xeito de reflexión e inicio, a primeira vista contraditorios, porque ese punto final é a narración do calvario polo que teñen que pasar as tres vítimas – protagonistas. Mais tamén un comezo dunha nova vida. E de contado, atopámonos coa historia de Gladys, unha rapaza colombiana que chega a España soñando en paraísos, e o que atopa é o secuestro e a escravitude nun bordel. Coa de Helena, a rapaza menor de idade que á vez que estuda, ten que manter a catro irmáns e a unha nai drogadicta, prostituta, cunha enfermidade mental e que arrastra a súa familia ao inframundo. E coa de Laura, que chega todos os días á casa rebentada de traballar, casada cun lacazán e legón e baixo a férula dunha sogra que converte o seu fogar nun  abismo.

Yashmina Shawki ( Foto: AGENCIAS )

Pero de socato e case que de xeito accidental, aparece o anxo salvador na persoa da avogada María Xosé Muradas, defensora de xente con cartos. Un personaxe singular á que a autora coloca nunha situación de enfermidade terminal, como metáfora de que a vida renace día a día, malia que tamén esmoreza a deste personaxe.

A novela está tinguida polas cores da esperanza e da superación. Velaí o tema de fondo que se pode resumir neste parágrafo: “( … ),a vida non é dos más fortes nin dos más listos. A vida é dos que caen, máncanse, choran, sofren e despois levántanse coa carraxe e volven pelexar” ( páxina 78 -79 ).

Comoser humano seméllanme moi loables todos os esforzos, tamén os literarios, para acabar coa explotación e os malos tratos dos e aos máis débiles. Como analista dun produto literario, coido que non abonda con gabar as boas intencións dos que está ateigada  esta novela curta de Yashmina Shawki. Mérito seu é fuxir do melodrama, dunha escrita sensibleira, contarnos historias  reais que acontecen cada día nas nosas cidades. O que boto en falta, é un tratamento más complexo, profundo e ricaz que reflicta como é realmente a realidade. Comprendo, con todo, que noventa e cinco páxinas non dan máis de si.