Poesía, vida e obra de Manuel Leiras Pulpeiro

Vida e obra de Manuel Leiras Pulpeiro. Antoloxía poética

Xurxo Martínez González

Armando Requeixo

Editorial Galaxia, Vigo, 2012, 132 páxinas.

 

   Manuel Leiras Pulpeiro (Mondoñedo,1854-1912) é un ilustre descoñecido para a maioría do lectorado galego, malia que o seu único volume poético publicado en vida Cantares gallegos (1911) non só recibiu as gabanzas da crítica, senón que moitas das súas estrofas axiña se fixeron populares. Descoñecidos asemade os seus valores e consistencia ética tan asentados e pertinentes ata o punto de que as denuncias que fixo no seu tempo (finais do século XIX e comezos do XX) verbo da situacións dos labregos  teñen hoxe plena vixencia neste noso mundo de ladroízo, falcatruadas e asoballamento desapiadado dos cidadán máis débiles que estamos a presenciar ou  a ver sufrir a cotío. Se Leiras Pulpeiro incitou  a miúdo ao levantamento revolucionario, ¿que non diría hoxe cando os poderes financeiros, coa conivencia de moitos políticos, converten a tantos cidadáns do común en vítimas de súa cobiza, corrupción   ou mal goberno?

   Con gallo de se cumpriren os cen anos do pasamento deste soberbio poeta mindoniense e referente ético para o seu tempo e para o noso, o investigador Xurxo Martínez González e o estudoso da literatura galega e crítico literario Armando Requeixo acaban de sacar á luz nos prelos de Galaxia un pequeno volume, Vida e obra de Manuel Leiras Pulpeiro. Antoloxía poética. A devandita Antoloxía tomou como textos de referencia os publicados en Cantares gallegos na edición orixinal, as Obras completas editadas en 1930 por Antón Vilar Ponte e a Obra completa (1930), preparada por Xosé Luís Franco Grande. Están asemade presentes anotacións e comentarios de Xesús Alonso Montero na súa edición das Obras completas (1983) e de Ramón Reimunde, Poesía galega completa (1984) e un ensaio de 1998.

   Os editores completan o volume con “Outros poemas”, unha ampla recompilación  de trinta e dous poemas, publicados por Leiras Pulpeiro en revistas e cabeceiras do propio Mondoñedo e das vilas limítrofes, no primeiro xornal monolingüe galego, O tío Marcos da Portela e mesmo na prensa da emigración galega. Poemas de distinta natureza, algúns deles patrióticos, poesía cívica galega, e outros para lembranza de amigos.

   Leiras Pulpeiro, como poñen de manifesto os autores desta Antoloxía, sentíase sobre todo poeta do pobo. Por iso soamente achegou ao prelo Cantares gallegos, un “trasvase do tradicional oral ao elaborado autorial”, un material oral que Leiras Pulpeiro foi recollendo nas súas idas e vidas dacabalo exercendo de médico e de filántropo das xentes da contorna mindoniense.

   Un glosario final que recolle as solucións dialectais empregadas polo escritor, a regulacións dalgunhas solucións gráficas, a substitución de castelanismos que non afectasen nin á métrica nin á rima dos poemas, un encomiable aparello de notas ao pé de páxina e sobre todo unha ampla e documentada introdución, mais de doada lectura para calquera lector, completan esta edición divulgativa da meirande parte da obra poética de Leiras Pulpeiro.

Manuel Leiras Pulpeiro

   Xurxo Martínez González e Armando Requeixo homenaxean así, acercando aos lectores una boa parte das composicións poéticas dun home humilde -a súa modestia fixo que rexeitase o nomeamento como académico numerario da Real Academia Galega- rexamente asentado nas súas conviccións republicanas, federalistas, no anticlericalismo combativo e nun comportamento altruísta e filantrópico. Homenaxe, xa que logo, a un cidadán exemplar e a un poeta que aínda hoxe pode e debe ser lido por toda clase de lectores, sen excluír os máis novos.