No burato escuro da cadea e do réxime FAES

Novas do exterior

63.000 1uilómetro de viaxe á cadea

Xosé Luís Santos Cabana

Introdución de Xabier Cordal

Epílogos de Xosé Antón Laxe Martíñán e Francisco Fernández Rei

Axóuxere Editora, Rianxo, 2016, 376 páxinas.

 Axóuxere Editora é un pequeno selo editor que, desde a independencia  e con teimoso empeño, está estendendo  no territorio intelectual galego “obras, conceptos e perspectivas distintas das que habitualmente son manexadas polas editoriais máis convencionais”. É a carta de presentación que acompaña a esta publicación editada na colección Calíope. Salientables son asemade as publicacións da colección Polimnia; a última, un interesante ensaio de Rebeca Baceiredo  no que analiza a evolución histórico-xenealóxica na constitución e solidificación do xénero no proceso de imposición capitalista e patriarcal.

Novas do exterior, cun subtítulo 63.000 quilómetros de viaxe á cadea, recolle, como sinala o prologuista Xabier Cordal, unha manchea de literatura e asemade de realidade. E faino en forma de crónica que é ao mesmo tempo unha denuncia. Xosé Luís Santos Cabana recupera nas páxinas deste volume as viaxes, xunto coa súa compañeira, que durante catro anos fixo á cadea, esa fronteira que divide o mundo, para visitar o fillo preso. O narrador e poeta convértese nesta crónica en sereno altofalante  do confinamento dun preso político no Estado de dereito democrático español; mais tamén desa “arquitectura colectiva dos afectos, a construción vagorosa, mais tamén firme” fronte ao espectáculo.

O libro pode ser lido como un compendio  de agravios e aldraxes do sistema penitenciario español sobre os presos políticos e os seus familiares. O día 2 de decembro do ano 2011, nun despregamento desproporcionado, a policía detiña en Lugo o historiador e profesor de Universidade de Santiago, Antom Santos e a súa compañeira, a filóloga María Osorio. A policía informaba de que, na vivenda de ambos, atoparan documentación e material informático relacionado cun suposto grupo, Resistencia Galega, grupo independentista e terrorista, segundo informaron as autoridades do Estado, pero  ao que non poucos persoeiros galegos consideran que é unha invención do réxime e dos corpos policiais. Ao día seguinte os pais de Antom Santos, Xosé Luís Santos Cabana e a súa dona,Victoria, son informados da detención.

A partir de aquí, e tras a primeira visita ao fillo na cadea de Aranjuez, quince días despois da súa detención, tras non poucos atrancos porque Antom está considerado un Fies -“como un etarra, por lo menos para mí”, dilles un funcionario polo  que debe de permanecer incomunicado do mundo exterior- comeza unha longa peregrinaxe, un percorrido esperpéntico pola arañeira kafkiana dos cárceres españois: Aranjuez, Dueñas, Mansilla de las Mulas. Unha experiencia dura, dolorosa que a burocracia e o réxime absolutamente atrabiliario, e por veces caprichoso, do sistema carcerario  complica moito máis. Foron 63.000 os quilómetros que se viron obrigados a recorrer para poder ver o fillo.

 

Xosé Luís Santos Cabana

Novas do exterior permite entender una realidade descoñecida para a meirande parte da xente: salas de espera interminables, negativas incomprensibles, episodios de despotismo por parte dalgúns funcionarios do réxime penitenciario, respostas ariscas (“ compañeira do cronista descobre  que a voz máis amábel, neste mundo penitenciario, parece ser a dunha maquina, que atende automática no número de teléfono onde se concertan as citas”, páxina 38). O buraco escuro do réxime FIES (siglas do Ficheiro de Internos de Especial Seguimento), declarado ilegal polos tribunais, pero que, segundo afirma o cronista segue a funcionar). Motos medios de comunicación convertidos en propagandistas do Ministerio de Interior: non só foran convocados para presenciar a detención, senón que chegaron a acusar a Antom de ter fundado unha organización terrorista á idade de oito anos. Ambigüidades reglamentarias que se transforman noutra forma de tortura, nomeadamente para a familia.O cuestionamento da Audiencia Nacional, substituto do Tribunal de Orde Pública franquista, que no caso concreto do xuízo de Antom Santos vulnerou o dereito da defensa ao impedir que puideran intervir os peritos da mesma. O castigo da política de dispersión que afecta ao preso a  súa familia. Unha manchea de crueldade inútil e gratuíta  dun Estado que mantén tribunais de excepción,  persegue a desidencia política e crea un réxime carcerario  que acostuma ser banalizado, convertendo os cárceres, ante  a imaxe pública, nunha sorte de hotel a pensión completa, pero que en realidade é un dos máis duros de Europa.

Novas do exterior é un libro duro e valente, pero necesario, xa que nos permite albiscar a crúa realidade do sistema carcerario, do que  a propaganda agocha ou disfraza. Un libro que, malia todas as penalidades, atrancos e caprichos sufridos pola familia, está escrito con serenidade e coa enerxía que proporciona o coñecemento e a liberdade. Unha imprecación, xa que logo, contra a inxustiza e un canto á liberdade, composto desde a primeira persoa, como atinadamente escribe Xabier Cordal nas páxinas limiares.