A Trabe de Ouro 89

A Trabe de Ouro

Publicación galega de pensamento crítico

Dirección: X. L. Méndez Ferrín

Sotelo Blanco Edicións, Santiago de Compostela, 2012, 150 páxinas.

 

Máis unha vez, acode puntual á cita co lectorado que gorenta do pensamento crítico, a Trabe de Ouro que así acada o número 89, correspondente ao primeiro trimestre do presente ano. Contra vento e marea e para lectores desexosos de gabear pola abas e encrucilladas do pensamento crítico. Eles son o verdadeiro ancoradoiro da publicación. Contra vento e marea no medio de escura calixeira das institucións oficiais galegas e da engrenaxe do sistema que arestora ten sometido, na súa orde imperial e globalizadora, a todo o planeta.

Para ese sistema uniformizador seguen a ser rosmóns e maledicentes libros e publicacións esteados no espírito ceibe e combativo. Espírito que atopamos xa nas páxinas introdutorias, nas que se editorializa sobre a figura de Paz Andrade, co gallo da celebración do Día das Letras Galegas, dedicado este ano a lembrar a figura dun “alto pensador económico-social…un resistente teimudo ao franquismo e que denunciou publicamente a insuficiencia do estatuto de Autonomía”.

Nútrese a Revista, e aléitanos asemade a todos nós, coas súas habituais seccións: Cuestións, Acoutacións, Textos e  Publicacións. Na primeira das mesmas escribe Marcial Gondar Portasany sobre lingua, cultura e saúde, co obxectivo de “xustificar como a lingua e a cultura dun pono poden ser utilizadas como instrumento terapéutico”. Poden e “deben”, engade Marcial Gondar nun estudo teórico, mais alicerzado nun traballo de campo que apela a presupostos epistemolóxicos da Gramática da sedución ou linguaxe emotiva. Anxo Angueira retrocede a Sarmiento, ao “océano Sarmiento”, en concreto  á obra do bieito pontevedrés Coloquio de 24 gallegos rústicos, analizado ata o de agora só baixo o aspecto lingüístico. Para o novelista e estudoso da nosa literatura o Coloquio é, e así o demostra, “a primeira pedra, o alicerce, a base a partir da cal se foi construíndo o edificio da literatura galega  contemporánea” (páxina 39).

Francisco Sampedro, un filósofo galego de caste, reflexiona sobre o marxismo e a cuestión nacional, unha achega breve na que, admitindo que en Marx non hai unha teoría sistemática sobre a cuestión nacional, demostra que, con todo, Marx defendeu o principio de autodeterminación, “cinguindo o seu alcance e lugar aos obxectivos do movemento obreiro” ( páxina 51). Asemade, sobre marxismo e independencia escribe o sindicalista Ricardo Castro Buerger, noutra pequena análise na que amosa como tarefas básicas a recuperación da identidade nacional e a recuperación da identidade de clase.

X. L. Méndez Ferrín

De por parte, noutras seccións deste número de A Trabe de Ouro camiñan e chegan ata nós estudos de Xabier Cordal (“Os libros arden mal”); Enzo Traverso (“Da memoria e os seus usos críticos”); Carmen García Cela (“A realidade pasmada do poder da imaxe”); Newton Sabbá Guimarâes  (“A arte no conto em Xosé Neira Vilas”. Miguel Anxo Seixas Seoane edita un poema inédito de Paz Andrade, “Canto en catro ao Conde de Andrade”.

As recensións de publicacións con achegas de María González Salpurido, María Dolores Villanueva Gesteira, Luís Cochón e Francisco Fernández Rei pechan este número de A Trabe de Ouro, no que, porén, boto en falta ese espazo final “Censura democrática”. Ausencia que nos faría contentar se no comezo deste ano 2012  a censura tivese desaparecido, aínda que sospeito que soamente está durmida  ou desta volta non atopou materia que reprobar ou expurgar

Oitenta e sete números d’A Trabe de Ouro

 

A Trabe de Ouro

Publicación galega de pensamento crítico

Dirección  X. L. Méndez Ferrín

Sotelo Blanco Edicións, Santiago de Compostela, 2011, 156 páxinas.

 

Reitero aquí algunha das ideas que sobre A Trabe de Ouro escribín nos anos 1996 e 2001, co gallo de cumprir esta revista de noso os seus vinte e cinco  e corenta e oito números. E renovo aquelas palabras porque durante estes vinte e un anos desde que a publicación botou a andar, A Trabe de Ouro, contra vento e marea, cotra as babuxas e neboeiras da indiferenza institucional, segue a ser a publicación trimestral, referencia obrigada de canto pensamento crítico e rebelde se enforna nos fogares intelectuais desta terra. “Son rosmóns e maledicentes –escribía hai quince anos estes vinte e cinco números de A Trabe de Ouro e adoito arrebolan pelouros críticos descomunais por inusitados contra os usos sociais de moda, contra as grandes verdades do noso tempo, fabricadas arreo para os contextos que nos moven e os rituais que as proclaman”.

A Trabe de Ouro en efecto é unha desas fendas que aínda non entupiu o Sistema, a engrenaxe da nova orde imperial globalizadora que ten sometido o planeta. Xa que logo, vinte un anos de resistencia contra o monolitismo e a uniformización ideolóxica que se están a impor no mundo.

Continúa a ser unha rechamante realidade  que se constitúe na mellor publicidade que se lle pode facer ao espírito ceibe e combativo d’A Trabe de Ouro, o feito de lle negar o goberno galego desde o primeiro número e sistematicamente, o pan e o sal de calquera subvención. Segue sen haber axudas e subvencións para A Trabe. Tampouco publicidade institucional, cousa que paradoxalmente si que outorga o goberno de Madrid.

Mais unha vez, abonda con ollar como se editorializa neste número da revista o que acontece coa banca galega que acabamos de perder: a “farsa pública da fusión das dúas caixas de aforro galego e a súa conversión en banco, se cadra destinado a converterse en entidade allea a Galicia”, o que demostra que Galicia é, en efecto, unha nación que non avanza senón que camiña cara  atrás, tamén na súa autonomía financeira.

Neste número oitenta e sete Manuel Outeiriño, sempre fiel á cita da publicación, escribe verbo dun Risco vencido e inadaptado que transita desde o pesimismo cultural ao nacionalismo indefenso. Enxergamos así mesmo o papel e as limitacións fronte á crise do Banco Central Europeo nunha  achega de Jourdy Victoria James Heredia. Un longo traballo en portugués da autoría de José António Souto Cabo achéganos aos trobadores galego-portugueses en canto membros da comunidade que lles deu soporte. José Iglesias Fernández reflexiona sobre o libro de Serge Latouche, Da descolonización do imaxinario económico á construción dunha sociedade alternativa, que ofrece procesos e instrumentos capaces de transformaren o capitalismo noutro modelo de sociedade. As tradicionais seccións da revista (“Acotacións”, “Textos”, “Publicaccións”, “Crónica” sen que falte neste número ese espazo final (“Censura democrática: “N’A Trabe de Ouro cosiderámonos no dereito de publicar orixinais que rexeitaron outras publicacións”) evidencia que nada é alleo a esta revista de pensamento crítico.