Aventura equinocial

Os KowaOs kowa

Xavier Queipo

Editorial Galaxia, Vigo, 2016, 248

páxinas

 “Como poder imaxinar a que determinada rexión dos primeiros séculos poden conducir os pés dun home libre no camiño da soidade, da extrema soidade?” Non son palabras de Os kowa, senón  de O corazón da escuridade de J. Conrad, un libro e un narrador aos que tanto nos fai lembrar a novela de Xavier Queipo coa que obtivo o Premio Blanco Amor 2015. Porque boa parte das páxinas de Os kowa achégannos unha historia constante de soidade extrema, un combate de antagonistas. A novela é certamente una celebración da aventura, que salienta  na súa trama as viaxes, o misterio, o risco en ambientes descoñecidos ou exóticos. E algo máis: unha indubidable viaxe interior, unha iniciación e non poucas descubertas existenciais que antes non se tiñan como lle aconteceu a Marlow no corazón da escuridade ou a Odiseo nos dez anos de aventuras polos mares e illas mediterránea antes de volver a Ítaca. Con razón, xa que logo, afirma Xavier Queipo que a aventura está no ollo do que mira…na capacidade de expansión do universo propio.

O incipit narrativo de Os kowa é Europa, para trasladarse logo á selva amazónica, ao mato que serve de fronteira entre Brasil, Colombia e Perú. Ata alí viaxa unha expedición da que forma parte o protagonista, para estudar a fauna invertebrada e a flora vascular da Amazonía.

Capturados os seus compañeiros por homes armados, o protagonista fica só na selva, condenado a saír da mesma polos seus propio medios. Nunha espiral de desesperación e tolemia, desprázase río abaixo coa esperanza de atopar indios. E así comeza unha abraiante aventura equinocial ateigada de peripecias, incógnitas e achados. Un periplo pola selva cun correlato dos feitos que a voz narrativa nos traslada en primeira persoa desde dentro da historia. Río abaixo, nunha balsa, na procura de xente, combatendo o medo e canoando  só pola noite. No desenvolvemento da trama, cómpre salientar o encontro cun seringueiro, unha fenda aberta á esperanza. E nomeadamente con kowa, indios pacíficos cunha cosmogonía de seu: homes e mulleres separados na vida diaria, convivindo un único día, cada tres lúas, nunha gran festa seguida dunha cerimonia alucinóxena e un frenesí sexual. A celebración carnal dos sentidos entre augas sulfurosas. Un rito ancestral con finalidade reprodutora, en cuxa descrición a prosa de X. Queipo acada, unha verdadeira ardencia narrativa.

Xavier Queipo

Xavier Queipo

Volvendo á cerna da novela, subliño que Os kowa é unha novela de aventuras, mais catalogala unicamente como tal, significaría simplificar o incuestionable valor desta peza literaria. Como nas aventuras de Conrad, as que atopará o lector son distintas das viaxes axexadas soamente polos perigos da natureza, xa que se trata dun enfrontamento interior do home co seu destino. Xaora, unha viaxe interior da que forman parte as profundas reflexións sobre o xogo de equilibrios entrópicos, a espiral da evolución non lineal, a defenda das tribos, as críticas do eurocentrismo ou brancocentrismo, as visións nesgadas dun occidental que mide a realidade polos seus exclusivos parámetros. Sen renunciar á andamiaxe canónica do subxénero (saída-viaxe-retorno), o autor logra articular un relato ateigado de intensidade, no que os compoñentes científicos e o substrato ético non cangan o alento narrativo, intenso e desacougante; cun estilo de prosa no que predomina unha tonalidade que abala entre un audible murmurio de fondo e unha tensión aburadora. En resumo, unha cumprida novela para engadir ao fardel narrativo de X. Queipo

(Texto publicado no xornal Faro de Vigo o día 12 de maio de 2016)

“Os kowa” de Xavier Queipo gana o Premio Blanco Amor de Novela Longa, 2015

Xavier QueipoNo día de hoxe o xurado do Premio Blanco Amor de Novela Longa, que chega a súa XXXIV convocatoria, reunido no Centro Cultural Marcos Valcárcel da Deputación Provincial de Ourense, declarou gañadora por unanimidade á novela Os kowa. Aberta a plica, o autor da novela resultou ser Francisco Javier Vázquez Álvarez, coñecido polo seu pseudónimo literario Xavier Queipo, autor dunha ampla e notabilísima obra en varios xéneros, pero sobre todo na narrativa. Ë asemade tradutor ao galego de obras como A viaxe de Baldassare de Amin Maalouf, Ulises de James Joyce ou Tifón de Joseph Conrad.
Entre outros aspectos o xurado salientou que Os kowa é unha historia trepidante que se desenvolve entre Europa e a Amazonía, cun transfondo de diálogo de identidades culturais, de respecto pola diversidade e pola natureza. A novela esta escrita con brillante oficio e calidade.
Pola miña parte como membro do xurado composto por Luís Gonzalez Tosar, Bieito Iglesias, Malores Villanueva, Armando Requeixo e quen isto escribe, debo dicir que tiven o pracer de ler e valorar Os kowa como unha magnífica celebración da aventura, dunha aventura equinocial, acompañada de profundas reflexións verbo do xogo de equilibrios entrópicos, a espiral da evolución non lineal, defensa das tribos do mato, que se algo precisan é que as deixen en paz. Engulido o protagonista pola selva, as páxinas da novela son unha historia constante de soidades e descubertas, un combate de antagonistas. A novela presenta o protagonista que retorna, coma Ulises, cargado de coñecementos, segredos e cicatrices. O autor logra artellar un relato no que o substrato científico e ético non empece, senón que potencia, o alento narrativo, intenso e desacougante, dunha aventura navegando río abaixo desde as fontes do Amazonas.
Unha historia por veces abafante e angustiosa; e para narrala, o autor emprega unha tonalidade que oscila entre un perfectamente audible murmurio de fondo e unha tensión aburadora, que nos fai lembrar o Capitán Kurtz no corazón da escuridade.
Unha novela de aventuras debe subliñar na súa trama as viaxes, o misterio, os riscos. En Os kowa hai unha dobre viaxe: unha viaxe externa que vive o protagonista na que se enfronta a situacións moi comprometidas e a perigos. E tamén unha viaxe interior que o fai medrar e mellorar ata acadar as súas metas. Viaxe pois entendida como iniciación. A súa arquitectura é a clásica deste subxénero de narrativa: saída – viaxe – retorno. A acción da novela, trepidante en diferentes escenarios e espazos, case que sempre exóticos, discorre co ritmo axeitado a esta caste de literatura.

Garantía nas distancias curtas. Polícroma singradura narrativa

55Xavier_Queipo
Xavier Queipo
Edicións Xerais, Vigo, 2014, 319 páxinas

Agasállanos Xavier Queipo cunha ampla e variada presada de historias en formato breve, recuperando deste xeito unha parte significativa da súa obra dispersa que, ao longo dos últimos vinte anos, fora aparecendo en publicacións efémeras que en raras ocasións tiveron algún tipo de distribución. Con esta antoloxía de textos, pretende X. Queipo, en primeiro lugar, facer “a gran limpeza do verán”. Ao cumprir os cincuenta e cinco anos, o escritor acordou limpar os seus ficheiros facendo, xaora, un galano non só a si mesmo, senón tamén aos lectores fieis á narrativa queipiana. Deste xeito, amosa ademais X. Queipo o lugar que como escritor ocupa no mundo da escrita. No seu persoal espazo da escrita, o autor proporciona abondas probas da súa febra e pulo creativos cos que é capaz de erguer verdadeiras historiais ficcionais, condensadas polo xeral en poucas páxinas. Historias ademais dunha grande heteroxeneidade, tanto temática como estilística, tiradas moitas delas de experiencias persoais, mais tamén dos seus soños.
O volume aparece ordenado en varias seccións ou “pólas” que dan fe da capacidade creativa do escritor. Non entanto, malia esa heteroxeneidade, os distintos textos forman unha cumprida amálgama na que están representadas algunhas das vetas creativas dun dos escritores máis solventes e poliédricos do sistema literario de noso. Dedica X. Queipo a primeira destas pólas aos relatos de temática mariña. Ao meu ver Xavier Queipo é o gran fabulador do mar na literatura galega. O mar e as aventuras mariñas inauguran con Ártico e outros mares a produción literaria do escritor, que prosegue con O paso do noroeste. Porén, os relatos mariños de Queipo non fabulan o mar de ceifas, salitres, baixíos e tesíos das nosas rías, senón as augas, ondas e galernas lonxícuas dos mares do mundo enteiro, transido de calmeiros, inmensas chairas de banquisa que aferrollan homes e navíos. O mar de naufráxios épicos e de derrotas éticas.
A singradura contística transita dos mares de lonxe á terra coñecida (Galicia e Bruxelas). Con relatos variados entre os que saliento “Mutante. Exercicio de estilo”, “Rutina na cela 43” e “Os arroaces de Muros”, unha historia á vez tráxica e lendaria, condensada en dúas páxinas. Outras seccións desta colectánea son “Instrucións”, sen dúbida a parte que más se acerca á escrita ensaística. Ensaios minúsculos escritos con gran agudeza e 55 de Xavier Queipoacuidade, mais ben arredados de calquera caste de dogmatismo, porque o autor síntese abafado polas incertezas. Finalmente, os relatos que se insiren na paixón do autor pola entomoloxía. Xavier Queipo ten a habilidade de crear literatura de ficción arredor da bichería: escaravellos, moscas sen ás, cínfanos, saltóns, escornabois, avésporas, moscas carniceiras do novo mundo protagonizan engailontes historias de ficción, algunhas mesmo no Parlamento Europeo.
As historias de 55 dan fe dun autor que domina con garantías as distancias curtas. E faino ademais nun periplo poliédrico: desde a alta literatura de aventuras, ata os exercicios de estilo, descricións de lugares, de animais, sen esquecer a crítica de prexuízos e ideas preestablecidas. Unha amálgama pois de temas, contados con gran sinxeleza expositiva, boa narratividade e sabendo manter o equilibrio entre realidade e ficción, rachando os lindes do etnicismo, sen renunciar as propias raíces . Velaí pois, na miña estima, os trazos destas prosas que, no seu conxunto, sinalan os puntos cardinais da cartografía literaria do autor.

(Texto publicado o 6 de novembro de 2014 no suplemento Faro da Cultura, páxina VI, do xornal Faro de Vigo)

Amplo e versatil percorrido narrativo

55 de Xavier Queipo55
Xavier Queipo
Edicións Xerais, Vigo, 2014, 319 páxinas

Con esta ampla e heteroxénea colectánea de relatos, Xavier Queipo baleira as súas tullas e agasállanos cunha boa presada de historias en formato breve, recuperando así unha parte importante da súa obra dispersa que foi aparecendo, ao longo das dúas últimas décadas, en publicacións hoxe difíciles de atopar tales como xornais, revistas ou fazines dalgún pub, carpetas, publicacións efémeras, que poucas veces tiveron algún tipo de distribución. O volume que inclúe ademais textos inéditos, algúns sen rematar, que ven así luz por primeira vez, cumpre varias funcións.
En primeiro lugar a de levar a cabo “a gran limpeza do verán”, como a define o autor no “Limiar de agarimos diversos”. No verán de 2012, co motivo ou escusa de se cumpriren os cincuenta e cinco anos do escritor, unha cifra para el asustadora, acordou limpar os seus ficheiros e airear os textos que ficaban en redutos invisibles ou moi arredados. Textos narrativos pois cos que o escritor se fai un agasallo a si mesmo e, xaora, a todos os lectores que desde hai moitos anos seguimos, con apego e perseveranza, as creacións literarias de Xavier Queipo. Esta “limpeza do verán” abarca un período que se estende desde o ano 1994 ata a data da compilación, xuño de 2012.
En segundo lugar, esta antoloxía de textos pretende amosar o lugar que o escritor Xavier Queipo ocupa no mundo, o mundo da escrita supoño, as súas paixóns e querenzas. Un ecosistema de múltiples variables nas que vai fraguando unha cosmogonía aínda en construción (páxina 9). Nese seu persoal mundo da escrita, algúns textos nacen como xermolos (“avant-textes”) doutros más extensos. É aquí onde o escritor proporciona abondas probas da súa febra e riqueza creativa. Ese pulo que é capaz de erguer verdadeiras historias ficcionais condensadas polo xeral en poucas páxinas. Historias ademais dunha grande heteroxeneidade tanto temática como estilística, que o escritor extraeu das experiencias persoais (médico nun sanatorio psiquiátrico, das súas viaxes, como tal ás selvas asiáticas, logo de ter rematado os estudos de bioloxía, da exclusión social, da emigración forzosa…) E tamén dos seus soños: os soños marítimos ou esa Grenlandia que sempre estivo no seu panteón xeográfico.
O autor ordena o libro en varias seccións ou pólas que dan fe da capacidade creativa poliédrica do escritor á que me veño referindo. Non entanto, malia esas heteroxeneidade forman unha perfecta amalgama na que están representadas algunhas das vetas creativas dun dos grandes escritores actuais do sistema literario de noso.
A primeira destas pólas está dedicada aos relatos de temática marítima. Teño para min que Xavier Queipo é o gran fabulador verbo do mar na literatura galega. O mar e as súas aventuras inaugurara con Ártico e outros mares (1990) a produción literaria do escritor, que prosegue con O paso do noroeste (1996). Non o mar de ceifas, salitres, baixíos e tesíos das nosas rías, tampouco o mar irreal de Manuel Antonio, senón as augas, ondas e galernas lonxícuas e afastadas dos mares do mundo enteiro, ateigados de viaxes, aventuras, naufraxios épicos ou derrotas éticas neses mares intemporais e fantasmagóricos. Ou en terrras onde os homes viven situacións extremas.

Xavier Queipo (Foto Cé Tomé))

Xavier Queipo (Foto Cé Tomé))

A persoal singradura contística de Xavier Queipo transita dos mares de lonxe á terra coñecida (Galicia e Bruxelas). Una sección do libro que se inicia cunha ollada retrospectiva que semella unha autobiografía do escritor desde cativo ata a idade de corenta e catro anos e un día. Mais quizais haxa trampas e o que semella relación autobiográfica non o sexa ao cen por cen. Saliento nesta parte, pola súa gordura diexética, os relatos “Mutante. Exercicio de estilo”, “Rutina na cela 43” e “Os arroaces de Muros”, unha historia á vez tráxica e mítica condensada en dúas páxinas.
Outras pólas desta antoloxía compilatoria son “Instrucións”, sen dúbida a parte que máis se acerca á escrita ensaística. Ensaios minúsculos, mais escritos con gran agudeza, acuidade e ton categórico, non dogmático porque o autor síntese abafado pola incertezas. Saliento o que leva por título “Instrucións para non ter unha leira na cabeza, unha enxeñosa deconstrución do minifundismo mental.
Refírome finalmente a outros textos de valor impagable, que se insiren na particular querenza do autor pola entomoloxía. Xavier Queipo ten a habilidade de crear literatura e ficción, como xa ofrecera abondas mostras en Contornos (1995), Mundiños (1996) ou O ladrón de esperma (2001), arredor da bichería: de escaravellos, moscas sen ás, saltóns, cínfanos, cabaliños do demos, bolboretas, moscas carniceiras do novo mundo. Ou o apareamento dos escornabois, un relato engaiolante baseado na observación do comportamento dos animais, neste caso dunha “efémera coreografía sexual” e que, sen pretendelo o autor, foi interpretado como un relato erótico de alto voltaxe.
As cincuenta e cinco historias de 55 poñen á vista a un autor que domina as distancias curtas con gran solvencia, e faino ademais nun periplo poliédrico. Desde a alta literatura de aventuras, desde o grande mar fabulado, presentados en formato curto, transita o escritor con moita naturalidade a exercicios de estilo, descricións de lugares, de animais e os seus comportamentos, sen esquecer a crítica dos prexuízos e ideas preestablecidas.
Así pois, unha equilibrada amalgama de temas contados con gran sinxeleza expositiva por un autor que domina a arte e os segredos do relato, que sabe gardar o equilibrio entre realidade e ficción, que é capaz de rachar os lindes do etnicismo, sen renunciar as súas raíces. E mantén sempre unha sólida narratividade. Eis, na miña estima, os trazos fundamentais destas prosas que no seu conxunto sinalan acaidamente os rumbos da persoal cartografía literaria de Xavier Queipo.

Ulises fala galego

 

Ulises

James Joyce

Tradución de Eva Almazán, María Alonso Seisdedos

Xavier Queipo e Antón Vialle

Introdución de Víctor Freixanes

Editorial Galaxia, Vigo, 2013, 1001 páxinas.

 

   En 1926, catro anos despois da súa edición orixinal en lingua inglesa, Ramón Otero Pedrayo traducía ao galego e publicaba na revista Nós algúns fragmentos da novela Ulises de James Joyce, introducindo por primeira vez nunha lingua peninsular textos dunha das obras que están na cumieira da narrativa contemporánea. Mais o Ulises, a que é para moitos escritores e críticos a mellor novela en lingua inglesa do século XX, seguía sen ter unha versión íntegra na lingua de noso. Ata arestora. Porque un equipo de catro persoas con perfís complementarios acaba de traducir para Editorial Galaxia este “opus magnum” da literatura universal. Xa que logo, desde hoxe Leopold Bloom, Stephen Dedalus e Molly Bloom falan galego. E todos nós podemos gorentar na lingua propia ese 16 de xuño de 1904 no que os tres personaxes arquetípicos percorren Dublín, invertendo e subvertendo de xeito antiheroico os temas típicos homéricos.

   No trazado de Ulises, ese libro que nunha primeira ollada semella caótico e desestruturado, do que o seu mesmo autor confesaba que introducira no texto tantos enigmas e quebracabezas que os críticos estarían ocupados durante séculos discutindo sobre o mesmo, cómpre salientar, por riba de todo, a consagración do que o mesmo Joyce chamou “parole intérieure”, o monólogo interior,  a expresión do pensamento de cada personaxe, como se fose gravado en directo. Engádase a todo isto o simbolismo épico; a atmosfera naturalista coa que o autor retrata a capital irlandesa; a habelencia coa que fai xurdir fermosura desde as tebras da sordidez; o papel protagónico da linguaxe neutral que fai posible que internamente poidamos convivir con seres mediocres que reflicten acaidamente a natureza indixente da condición humana.

   De certo, neste libro recoñecémonos todos como pobres seres, sempre parlantes por dentro  ou por fóra, aínda que inseridos, non no noxo e na angustia, senón na compaixón da linguaxe e na música da fermosura. A publicación na lingua de noso deste clásico moderno contribúe a que o sistema literario galego poida considerase culturalmente normalizado. As grandes obras da literatura universal deben formar parte do noso patrimonio cultural. Como un dos grandes mananciais de reserva, o Ulises de Joyce estará desde agora ao noso dispor en intres de penuria ou fartura.

 (Este texto foi publicado o día 26 de decembro de 2013, no xornal El Correo Gallego de Santiago de Compostela. Para ver o orixinal, pinchar aquí)

Na cerna da aventura*

Extramunde

Xavier Queipo

Edicións Xerais, Vigo, 2011, 374 páxinas

 

Esta singradura equinoccial dun barco de tolos coa que Xavier Queipo acadou o Premio Xerais de Novela é un perfecto mostrario desa forma novelesca que Bakhtin denominou “novela  de aventuras e proba”, que transcorre na primeira parte na Mariña galega e nas outras tres nos mares oceánicos e nas selvas de Borneo. A novela, enfatiza a viaxe, o misterio e o risco; e a proba é a superación dese esquema saída – viaxe – retorno, aínda que en Extramunde o lector chegará ás últimas páxinas na procura do destino dos heroes -nesta achega non hai un protagonista individual claro- e decatarase de que non hai retorno.

Extramunde é á vez un tremebundo retrato da sociedade galega do século XVI, absolutamente irracional, que cre nas lendas e dicires populares e no que lle contan os seus abades que teñen bula para queimar as mulleres por bruxería ou posesión diabólica e enviar os homes ao barco que, por orde de El-rei, os terá de levar ás Indias para que os devore o mato ou sexan comidos por animalias ou indios caníbales. Así viaxarán, nun periplo por dous océanos un cargamento  de aloulados, ata que o último protagonista terá que sobrevivir nunha selva do afastado Borneo. O autor artella a súa historia en catro partes diferenciadas e con desemellantes doses de interese: convincentes e ateigadas de empuxe e alento a primeira e a última, reiterativas, tediosas e sobradas  de coñecementos mariños as outras dúas, nas que se narra a errática navegación polos mares oecéanicos.

Xavier Queipo

No libro predomina a retórica do acto: os diálogos perden importancia fronte aos feitos e  acción impera sobre a reflexión. Con todo, podemos ler este libro en clave alegórica. A viaxe non é unha iniciación senón a metáfora da procura da liberdade e do dereito á diferenza contra o poder despótico do Santo Oficio. O autor mergúllanos, en efecto, nos meandros máis sombrizos da historia española e tamén da galega: o poder omnímodo da Igrexa nos tempos escuros e estarrecedores da Inquisición e na aventura / desventura desa navegación errática na busca da autonomía do eu e de mundos afastados. E como mandan os canons da novelade aventuras, o comportamento dos heroes é lineal e chéganos referido por un narrador heterodiéxetico,obxectivo  e distante, posuidor dunha linguaxe vizosa, ateigada de forza descritiva que poboa o relato con personaxes perfectamente modelados. Xa que logo, e malia as eivas amentadas, unha convincente novela que non insire na cerna da aventura

* Este texto foi publicado o día 24 de novembro no suplemento Faro da Cultura, páxina VI, do xornal Faro de Vigo.

Redescubrindo as pegadas de mares hiperbóricos

Ártico 2. 0

Xavier Queipo

Editorial Galaxia, Vigo, 2011, 160 páxinas.

 

No ano 1990 deu ao prelo Xavier Queipo este ramallete de relatos, rotulados daquela como Ártico e outros mares. Foi por volta daqueles anos, cando o mundo do mar comezou a se converter en protagonista dalgunhas achegas da nosa narrativa. Desas datas é a novela “experencial” de Valentín Carrera Riosil e tamén a colectánea de relatos coa que Xavier Queipo debutaba como escritor galego e que, arestora, para celebrar o seu vixésimo aniversario, reedita Galaxia nunha versión nova e ampliada do texto orixinal, que se fixo merecedor do Premio da Crítica española do ano seguinte. Comezou desta maneira a emendarse o deficit de mar na cultura galega, denunciado, entre outros, por Antón Vilar Ponte, Carlos Casares e Francisco Fernández Rei, que no discurso de ingreso na Real Academia Galega (setembro de 1999) concedía que o noso mar non está de todo ausente na poesía galega, desde as barcarolas de Paio Gómez Chariño ata o mar con ribeiras e desde o peirao de Ramón Cabanillas e ese mar irreal, “sen ribeiras nin costas” de Manuel Antonio. Tamén na narrativa galega existen algúns retallos de mar. Páxinas de autores como Álvaro Cunqueiro, Victor Freixanes, Martínez Oca, Alfredo Conde, Xavier Alcalá, Hixinio Puentes, Rosa Aneiros, Vázquez Pintor e Neira Vilas, entre outros, así o acreditan. Así mesmo os mares hiperbóricos de Xavier Queipo desta colectánea de relatos e, sobre todo, os da novela O paso do noroeste, na miña estima, ata arestora a mellor peza narrativa escrita na literatura galega sobre o mar, os navegantes e as súas aventuras.

Logo dun percorrido pola historia editorial do libro (as traducións frustradas, outras feitas sen contrato de dereitos), presenta Xavier Queipo esta nova edición, renovada, libre de grallas tipográficas, adaptada á nova normativa, mais conservando o “estilo desleixado e anárquico, de prosa aliterada e chimpos semánticos” da edición orixinal. E co engadido dalgunhas historias espalladas en publicacións periódicas que o autor agrupa na sección “Terranova”.

O lector atopa nestes relatos de Xavier Queipo esa caste de narrativa que tanto se está a prodigar na nosa literatura: a narracións de distancias curtas, o relato de tres, oito ou dez páxinas, que esixe do narrador unha constante disciplina para conxugar intensidade e brevidade. É a de Xavier Queipo unha escolma de relatos pseudorreais que narran aventuras fantásticas, reconstrúen ficcionalmente viaxes de navíos  por eses mares fríos e ignotos, o encontro con monstros mariños, os combates librados entre un narval e unha morsa, as vivencias experienciais dun temporal pechado, a repetición do rito sanguento e ancestral dos baleeiros ao avistaren un cachalote, que interrompe os enterros e tamén os orgasmos, ou describen sinxelamente novas especies de seres dos mares árticos.

Xavier Queipo

Con todo, as historias máis narrativas desta colección de relatos son aquelas que transcorren terra adentro. Tramas que nada teñen que ver co mar, senón con territorios e con personaxes que fan a súa cabotaxe polas rutas da terra (Londres, Compostela, Berchem, Dublin, Cork).

A literatura marítima, ou mellor dito, de navegantes -o mar visto e soñado non desde terra- segue a manter nos relatos de Xavier Queipo o engado da aventura  e un orixinal tratamento. Algúns destes relatos, posúen, como sinala D. Vilavedra, unha clara vocacións autorrepresentativa, propia da escrita postmoderna. Xavier Queipo delega, en varios dos relatos, a súa autoridade enunciativa, desintegrando deste xeito o territorio da súa propia identidade autorial.

O debutante Xavier Queipo do ano 90 pexa, porén, a lectura dalgunha destas historias cun exceso de divagacións eruditas, científicas e históricas -pseudo referencias intertextuais, atreveríame a dicir-, como se quixer xustificar  aquilo que escribe. Moi pronto o autor da aínda inédita Extramunde ceibaría estes lastres da súa ricaz sentina ficcional.