Pintora nun mundo de homes. Un amplo e documentado fresco

Aníbal e a Pintora

Xabier Paz

Edicións Xerais, Vigo, 2017, 370 páxinas.

 

Agasállanos, unha vez máis, Xabier Paz cunha novela histórica porque os personaxes históricos, pensa o escritor, son coma un molde onde se poden verter todos os problemas do ser humano. Unha novela, Aníbal e a Pintora, que é o segundo chanzo da triloxía de narrativa histórica italiana que comezara con Renacer,  que prosegue coa recuperación da biografía novelada da pintora Artemisia Gentisleschi e que rematará con Galileo como figura na que se espella a Contrarreforma. A figura histórica de Artemisia é o renglón sobre o que arestora escribe Xabier Paz. Achéganos a figura desta muller contando as arelas dun personaxe inventado, Aníbal Moreda, alter ego do autor, que, aguilloado pola reprodución dun óleo, Susanna e i vecchioni, que Artemisia pintara con dezasete anos, decide investigar o que hai de verdade ou falsidade na vida desta pintora do século XVII. Artemisia Gentileschi foi unha pintora nacida en Roma que acadou o privilexio de entrar nas Academias de Pintores de Florencia e Roma; recibir a insólita encarga para o seu tempo de pintar dentro dun templo, vencendo o sentir da Igrexa que consideraba impúdicas as pinturas feitas por mulleres. Foi ademais suxeito dunha intensa vida novelesca na que, por veces, foi vítima e noutras ocasións, unha muller fornecida dun apaixonante carácter.

Se algo salienta a novela de Xabier Paz é que Artemisia foi unha muller que se sostivo coa pintura nun mundo de homes: vítima dun pai que foi para ela un lastre  e un represor, da violación do seu profesor de perspectiva que a converte a seguir en amante durante meses tras a falsa promesa de matrimonio. Sofre o tormento da sibilla para probar diante do tribunal papal a verdade da súa denuncia; casada polo pai cun home banal e floreiro, consentidor dos amores da muller cun rico mecenas. Dependente sempre de comitentes e valedores, exercerá a súa arte en Roma, Florencia, Venecia, Nápoles e Londres. En feliz relación, malia que durante moito tempo fora analfabeta, con Galieo, Cristofano Allori, Michelangelo Buonarroti o Novo…, pintou ata a extenuación sobre todo corpos femininos xa que os seus comitentes querían ver corpos de mulleres espidas e imaxinadas por outra muller. Serán mulleres violadas ou sedutoras  como ela mesma, abrindo un camiño vedado para as mulleres. De intensa vida sentimental, pinta seres femininos non plácidos, senón transidos dunha emoción transcendente e dotados de corpos explícitos e fartos.

 

Xabier Paz

Con todo, o mellor da peza de X. Paz e o que a converte nunha moi notable novela, é o gran fresco, amplamente documentado, da Italia barroca, co Gran Teatro Contrarreformista herdado do turbillón de Trento. Unha Roma tardorrenacentista, ateigada de festas públicas, tamén de execucións como as de Giordano  Bruno e Beatrice Cenci; o esplendor cultural e artístico da Florencia dos Médici; o Nápoles dos untori e da peste. Non teñen menor relevo no desenvolvemento do relato as frecuentes écfrases, ese exercicio literario no que o autor describe os cadros de Artemisia e doutros pintores. Así como as planas puntuadas pola forza intelectual e artística da Italia tardorrenacentista con Galileo, por exemplo, explicando as teorías do movemento. Artemisia coma Galileo esforzarase en escorrentar as propias sombras, aínda que os dous violenten as súas conciencias en lances decisivos das súas vidas. En non poucas secuencias subliña o autor a carraxe feminista de Artemisia: séntese fachendosa de ser muller que se fixo a si mesma e non pode evitar a xenreira  contra  a herdanza de Trento e da súa época cando le nun libro piadoso escrito polo cardeal Belarmino que o home é máis nobre ca muller que se atopa comprendida no mesmo. Un caudaloso coñecemento das técnicas pictóricas e unha prosa rutilante e poderosa visten esta segunda incursión de Xabier Paz nos territorios históricos e ficcionais da Italia postrrenacentista.

(Texto publicado o día 27 se abril de 2017 no xornal Faro de Vigo)

Debullando as vidas dunha existencia

 

As vidas de Nito

Xabier Paz

Edicións Xerais, Vigo, 2013, 398 páxinas.

 

   “As súas vidas, como el lles chamaba, tíñanlle certa semellanza co contido das caixas de zapatos, esa atrapallada miscelánea e confusa morea de papeis na que era tan difícil atopar algo, un fío condutor” (páxina 250). E así, ao chou, sen fío condutor, é como o avó lle conta as súas vidas a súa neta. Son Casiano e Aldara, os dous grandes protagonistas desta novela coa que Xabier Paz regresa aos mundos ficcionais, despois do seu debut, hai agora cinco anos, con aquel fresco renacentista, o acareo e a confrontación co renacentista italiano, Pietro Aretino, no xurdimento dun mundo novo. Mais agora, tanto o espazo novelesco como a trama nada teñen que ver coa efervescencia daquel mundo cambiante, senón cun retrato confesional no que un avó, Casiano, lle conta a súa neta as súas vidas, as vidas que imos acumulando ao longo de nosa existencia. Vidas poliédricas que lle permiten ao narrador achegarnos unha reflexión moi completa sobre a natureza humana a través da experiencia dun home que tivo un lento medrar.

   Agora, nunha senectude prolongada en precario nunha residencia, confésalle a súa neta que tivo moitas vidas, O estímulo das visitas que a neta lle fai, empúrrao a contarlle a súa experiencia vital -as súas vidas-, sen convertela nun conto trivial. Debulla así este home as lembranzas dunha existencia condicionada por un medrar vagaroso, que o puña en desvantaxe fronte aos rapaces da súa idade. É a primeira vida de Nito /Casiano na que todo foron desasosegos e desventuras. Entran nela, por exemplo, os libros, nesa lingua que garda misteriosamente dentro de si varios idiomas,  a literatura que é capaz de ir desvelándoos. E coa literatura empeza a soñar esperto, a viaxar da man dos autores.

   Vidas que se compoñen de miles de detalles. Uns transcendentes como a descuberta do amor, do sexo, os misterios do corpo, o activismo político, o sentido da morte, a desfeita (unha transnominación do fracaso paternal), o desencanto da Transición, o sentido do paso dos anos, da ancianidade e da morte. Outras, porén, intranscendentes, como a preparación do bacallau e moitos outros saberes extraescolares que aprende da súa nai.

   O resultado desta amalgama de aconteceres  vitais é unha novela de aprendizaxe ou formación, na que saen á luz unha chea de experiencias, acompañadas de xuízos do protagonista sobre as mesmas e os seus coñecementos nunha manchea de saberes tanto científicos como humanistas. Esta continua rememoración achéganos ademais un retrato xeracional dos rapaces educados no tardofranquismo e nos primeiros anos da democracia.

   Novela, pois logo, poliédrica, que reflicte as diversas personalidades que van configurando a unha persoa ao longo da vida. Salientable asemade o perspectivismo que nutre o relato que nos permite atoparnos con distintas personalidades en función de quen teña o temón do relato.

   Xa que logo, novela moi rica, ateigada de elementos de diversa filiación; escrita cunha lingua envolvente,

Xabier Paz

evocativa, por veces case que luxuriosa. Se algo pexa a novela é o seu ritmo lento porque o relato está lastrado polas abundantes e reiteradas digresións sobre o divino e o humano, unhas eruditas, outras, sinxelas curiosidades que semellan postas no libro para encher páxinas. Aínda que admito que esta é a natureza deste libro rememorativo. Son esas cavilacións coas que o autor semella querer reflectir o fluxo da conciencia do ancián Casiano. Todas as súas vidas dirían o mesmo: que todo canto temos é pasado. Un pasado que nos constrúe  a cada pouco e nos converte en moitas outras cousas ao longo da existencia, como se cambiásemos de pel.