“Olympia ring,1934”: esculca duha morte matada

Olympia ring, 1934Olympia ring 1934
Xabier López López
Editorial Galaxia, Vigo, 2014, 304 páxinas

En moitos dos sistemas literarios proliferan narradores que, de xeito habitual ou esporádico, cultivan a novela detectivesca. Son, porén poucos aqueles que dan un paso máis e se aventuran nos territorios da novela negra. Na narrativa galega, un destes últimos é Xabier López López (Bergondo, 1974). Fíxoo de maneira cumprida na novela A vida que nos mata (2003), e recunca arestora na súa última entrega narrativa, Olympia ring, 1934. A novela do ano 2003 foi a presentación dun xornalista, o plumífero Sebastián Faraldo, “un adolescente de cincuenta anos e cen quilos”, que, contra as teses da xustiza, decide perforar os segredos dun crime.
Nesta nova entrega, o xornalista obeso e sentimental volve actuar como accidental sabuxo, tamén nos días da República, mais non no Gran Hotel Mondariz-Balneario, en Madrid, Bilbao, Pontevedra e Vigo, senón na convulsa Barcelona do ano 1934. O atípico xornalista de sucesos de Pontevedra viaxa a Barcelona xunto con Valiña, o director do Matutino, o xornal no que traballa, para informar como cronista deportivo da velada na que se ían enfrontar polo título mundial dos pesos pluma Josep Gironés e Freddie Miller, así como das veladas previas, con cartos das apostas en xogo, nas que interviría Manuel Ramírez Castro, O Camión, un boxeador pontevedrés intelixente, con estudos e membro do Partido Galeguista. Viaxa tamén facendo o papel de encubridor sen sabelo das andanzas de Valiña, o director do xornal. No combate entre O Camión e o seu adversario deportivo, Marc Martell, o boxeador galego vense abaixo no ring e morre de forma sospeitosa.
Contra o parecer da policía e da xustiza que dan por sentado que o que acontecera aquela noite no ring fora un accidente casual, Sebastián Faraldo sospeita que se trata dunha morte matada e, á vez que exerce de cronista deportivo, comeza unha indagación que o mergulla na tensa Barcelona do ano 1934, unha cidade axitada desde o punto de vista político e social pola ruptura que Lluís Companys e a Generalitat acaban de facer co goberno de Madrid, a proclamación do Estado Catalán, a declaración do estado de guerra, intervención armada e a reclusión dos membros do goberno da Generalitat no buque Uruguay, fondeado no porto barcelonés. Unha cidade ademais dominada polo pistolerismo, o terrorismo branco, o Sindicato Libre, chulos, galopíns, baixos fondos, apostas amañadas arredor do mundo do puxilato…
A través dunha investigación na que cobran protagonismo numerosos personaxes secundarios e na que se suturan non poucas historias fragmentarias, Sebastián Faraldo conducirá a pescuda dos autores e do porqué do crime ata chegar a un desenlace insospeitado: o boxeador pontevedrés só fora un pobre actor nunha traxedia que non era a súa.
Xabier López López mergulla o lector nunha trama vigorosa, na que se amalgaman de xeito harmónico dous grandes eixes narrativos: a propia intriga investigadora e a radiografía histórico-social da Barcelona de 1934, e tamén a imaxe de Galicia, centrada sobre todo na visión moderna que nos achega da cidade de Pontevedra. Reproduce en efecto o autor con moita fidelidade e rigor histórico e mesmo xeográfico o clima social da Barcelona do 34 e dos anos previos. A Barcelona escura dos baixos fondos, dos negocios sucios, dos tugurios, dos pequenos e non tan pequenos gánsters, o barrio do Raval, o ambiente dos clubs ingleses ou a dura existencia nos barrios proletarios.
Todo iso máis a ambivalente descrición do mundo do boxeo (as súas conexións coa hampa, mais tamén o sacrifico dun deporte duro) constitúen o marco escénico, o pano de fondo a través do que o xornalista, obeso e sentimental, conduce a súa esculca da morte matada de O Camión. Acerta o autor na caracterización física e emocional dos personaxes e non soamente do protagonista, senón tamén na doutros actantes secundarios, mais con indubidable peso no desenvolvemento da acción: Valiña, Malparit, Mister White, Candame, Marc Martell ou ese Eduardo Cortiñas, chamado o Notario, esteo de Faraldo en Pontevedra.

Xabier López López

Xabier López López

Un estilo de prosa moi fluído, un ritmo apropiado que lle vai ofrecendo ao lector pequenas doses de intriga ata desembocar nun final inesperado; unha arquitectura compositiva lineal, logo da prolepse inicial, propia da novela do xénero negro-detectivesco, na que se dá conta da morte do boxeador pontevedrés, forman a acaída vestimenta da acción de Olympia ring, 1934.
Remato cunha observación que, ao meu ver, constitúe o principal mérito da proposta narrativa de Xabier López: Olympia ring, 1934 non é unha novela detectivesca, senón una verdadeira novela negra. O fío conductor da novela detectivesca é a investigación e resolución dun feito criminal, sendo a investigación do enigma o elemento estruturador de todo o relato que queda nesas “maquinas de pensar” que son os detectives clásicos. A novela negra, porén, engade algo moi importante: o retrato crítico da sociedade e a introspección psicolóxica, tanto en relación co investigador como co criminal ou criminais. Xa que logo, mentres que a novela enigma amosa a tendencia a tratar o crime como un xogo de habilidades onde o misterio e o enxeño teñen un fin en si mesmos, a novela negra é moito más rica: mantén o misterio, aínda que a súa importancia fica desprazada pola temática e ambientación social e pola especulación psicolóxica. Ambas as dúas son fías narrativas basilares en Olympia ring, 1934.

“1989”: evocación dunha época

 

1989

(Alegoría)

Xabier López López

Biblos Clube de Lectores, Cesuras, A Coruña, 2013, 101 páxinas

 

   “Alegoria” ou “traxicomedia” nome que, como coida o autor, lle acaería mellor a esta novela breve, e coa que Xabier López López se anticipa, no seu ano das tullas cheas, á edición de Cadeas, a novela coa que gañou o Premio Xerais deste ano. O autor é arestora unha figura plenamente consolidada da literatura de noso. As súas novelas longas, non moitas, mais de indubidable calado e ricaz feitura así o acreditan. Pero tamén nas distancias curtas, no formato de novela breve, se manexa con soltura. Como mostra esta “noveliña” -así a define o autor- que, secasí, é un chanzo máis no seu camiño como narrador.

   O sámago da narración baséase nun rumor que a finais dos anos 80 se espallou por Bergondo, a vila natal do escritor: que chegaba un importante home de negocios xaponés coa intención de investir nos obradoiros de xoiería do concello coruñés. Aquel dixomedíxome ficou gravado e rexistrado no maxín no daquela cativo de catorce anos, que o converte arestora en materia literaria.

   Todo acontece en Vilar, vila mariñeira, trasunto literario dunha mestura de Bergondo e Betanzos. A evocación convertida en narración por boca de varios personaxes, transcorre ao longo de quince días de decembro de 1989. O feito que dispara as conversas e variadas interpretacións é a suposta chegada á vila dun xaponés, disque, para facer un investimento de sete estralos na industria da xoiería. Son, en efecto, varias voces as que nos poñen en contacto con aquel acontecemento: o adolescente que abandona o instituto e só pensa en cobrar un maior salario; unha viúva, dona dunha modesta pensión; un bibliotecario que opina verbo de escritores xaponeses e tamén de Cela; o sindicalista Arias que deixa o PSOE tras pedir o SI no referendo da OTAN… Todos eles, falando en primeira persoa e desde distintas perspectivas e experiencias,

Xabier López López

achégannos a súa visión do micromundo das Mariñas coruñesas e o que acontecía naquel ano de 1898: a crise que agroma no sector naval, os recortes, xubilacións anticipadas en ASTANO, os rapaces que deixan de estudar engaiolados polos salarios de trinta mil pesetas nos talleres de xoiería, o caciquismo, o clientelismo… E tamén os aconteceres do macromundo: a caída do muro de Berlín e de Ceauscescu, a morte anunciada de URSS, as ideoloxías dominantes, o socialismo real.

   Recuperación ficcional, pois logo, dunha época aínda non afastada no tempo a través da evocación nostálxica, nunha visión poliédrica e cunha escrita convincente, porque recolle a fala da rúa, con intres de afiado humor e algunha escena erótica tracexada con mestría. E moitas “cargas de profundidade” que aínda non mollaron os seus explosivos e seguen sendo altamente oportunas para estourar no presente.