Romeo e Xulieta
O rei Lear
William Shakespeare
Tradución de Miguel Pérez Romero
Editorial Galaxia, 2003, 291 páxinas
(Libros de fondo)
No haber da Editorial Galaxia figuran sen dúbida, moitas boas colleitas e merecementos. Máis de quince Bibliotecas de Autor e a versión sistemática ao galego das grandes obras da literatura occidental de todos os tempos. Coa colección “Obras Universais, a editorial fíxonos chegar algunhas das principais obras da narrativa europea do século XIX. Ao mesmo tempo a editora viguesa converteu en realidade un proxecto monumental: os nove volumes da “Biblioteca Sherlock Holmes” que nos permitiron gorentar algúns dos froitos máis exquisitos da narrativa detectivesca. A finais do ano 2003 Galaxia agasallounos con outro luxo: a “Biblioteca Shakespeare” que botou a andar tirando do prelo dous volumes que inclúen, nun deles os disfraces e enredos da comedia Noite de reis e o mundo túrbido de A tempestade, quizais a derradeira obra xenial do dramaturgo inglés. No outro volume, Galaxia achegounos a tráxica historia de Romeo e Xulieta, xunto cunha das grandes obras de madurez de Shakespeare, a traxedia O rei Lear. Posiblemente por culpa da crise que tamén afecta ao sector editorial, a “Biblioteca Shakespeare” non tivo continuidade.
Emprego a palabra luxo para referirme á versión galega das obras de Shakespeare e cómpre precisar o emprego do termo. Cando unha parte importante dos libros que cada anos se verten son títulos xeralmente febles e insubstanciais, aínda que rendibles cara a satisfacer o mercado de lecturas obrigadas, atopar unha colección dedicada a un dos grandes xenios da creación literaria de todos os tempos, convértese nun acontecemento magnificente, pero imprescindible. Porque, se non lle negamos ao galego moderno a categoría de lingua de seu, cunha elaboración forte e ricaz, ten que se converter nunha lingua de cultura, proceso que se está a consolidar desde o Rexurdimento. E unha lingua de cultura aléitase non só na produción interior, senón tamén nos mananciais das grandes obras da literatura universal e tamén na tradución daquelas novidades importantes que suscitan a apetencia lectora. Endalí que, fronte á versión demasiado frecuente de obras secundarias e prescindibles, celebremos a política editorial de Galaxia de lle ofrecer ao lector galego as grandes obras da literatura universal, patrimonio de toda a humanidade.
Como froito desa política editorial, podemos saborear desde hai quince anos a William Shakespeare en galego.
Resulta sobexo e ata presuntuoso falar, na insignificancia destas liñas, do dramaturgo inglés, hoxe considerado un dos grandes creadores de todos os tempos. Non entanto, ata o século XVIII, Shakespeare era considerado unicamente coma un xenio difícil, e a chamada “Cuestion Shakespeare” fixo abrollar non poucas teorías segundo as cales as súas obras terían sido escritas, non por un actor teatral, senón por alguén cunha educación superior, como tal o filósofo Francis Bacon, o conde de Southampton ou polo mesmo dramaturgo Christopher Marlowe. Malia a controversia, as obras de Shakespeare, tanto poéticas como teatrais, xa foran admiradas no seu tempo polo seu rival, Ben Jonson e por outros autores que percibiron nas mesmas unha brillantez e profundidade destinadas a sobrevivir. Como dixo Ben Jonson, Shakespeare non era dunha época senón de todas as épocas. Mais a apoteose de Shakespeare chega na modernidade, con xuízos como o de Harold Bloom: a obra dramática de Shakespeare, xunto con Don Quixote de Cervantes, son as únicas que acadan universalidade. Pero para Shakespeare, continúa o crítico americano, precisamos un termo máis borgiano que universalidade, porque “Shakespeare é o canon occidental”.
A maioría das trinta e oito obras do dramaturgo continúan a ser representadas hoxe en día e son fonte de inspiración para numerosos experimentos teatrais, porque destilan e comunican un profundo coñecemento da natureza humana, exemplificado na perfecta caracterización dos seus personaxes. A súa habelencia no emprego da linguaxe poética e dos recursos dramáticos, capaz de crear unha unidade estética a partir dunha multiplicidade de expresións e accións non ten parangón dentro da literatura universal.
De todos estes trazos esenciais participan Romeo e Xulieta e O rei Lear. Romeo e Xulieta é a paixón que conduce á morte. A paixón encerrada entre o desexo, o odio e o destino, vencellados aos apelidos Montesco e Capuleto. Unha historia de amor que agroma como algo imposible e que remata coa morte dos amantes. Tamén o paradigma da traxedia amorosa, porque os dous adolescentes de Verona, que reavivan a xenreira entre as dúas familias e subverten a orde da cidade, danlle corpo á paixón por excelencia, aquela que non se axusta ás ordes e consellos e quere configurar o mundo á medida dos seus desexos.
A densidade emotiva da peza, a potencia e fermosura dos seus versos,
coa moda do soneto incorporada, fixeron que Shakespeare acadara un cumio literario inigualado dentro do xénero dramático. Pero Romeo e Xulieta non é soamente teatro de sentimentos, unha peza dramática verbo das relacións amorosas; é tamén, como xa o viu W.H. Auden, o vivo retrato dunha sociedade na que os seus integrantes regulan e xulgan a conduta segundo a parámetro da “fermosa e bruta figura”.
O rei Lear foi escrito no terceiro período do dramaturgo inglés, o período no que compuxo as súas mellores traxedias. É sen dúbida a máis radical e estarrecedora das obras shakesperianas. A máis fonda reflexión sobre os abismos da natureza humana que teña producido o teatro. Shakespeare narra con extrema crueza unha experiencia extrema de loucura, dolor e destrución. E á vez realiza unha reflexión sobre a verdade e a mentira, e unha denuncia sobre a maquinación das mentes polo poder. Endalí a súa contemporaneidade. Unha gran peza dramática considerada por Matin Amis como a máis angustiosa e á vez a máis inspirada das obras de Shakespeare.