Máis literatura do eu de Neira Vilas

Cadernos Ramón  Piñeiro (XXII): Correspondencia de Xosé Neira Vilas con Valentín Paz Andrade e Celso Emilio Ferreiro.

Edita: Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, Santiago de Compostela 2012, 169 páxinas.

 

 

Hai agora por volta dun ano que Xosé Neira Vilas publicaba o seu segundo libro de memorias (Penúltimo dietario, Xerais, 2011), no que daba conta das actividades e encontros que el e a súa parella Anisia Miranda tiveron desde xaneiro de 1993 ata outubro de 2009. Libro memorialístico  que o autor xustificaba como una forma de amor a súa terra. Non toda a crítica acolleu aquelas memorias de forma positiva. Páxinas que non teñen ningún interese para o lector, que se escriben cando non se ten nada que dicir, chegou a escribirse. Desde esta mesma bitácora opinei que  a meirande parte das anotación do dietario de Neira Vilas eran prescindibles, porque nada lle engadían a historia social da nosa literatura.

Xosé Neira Vilas

Chégame arestora a última entrega de Neira Vilas -cómpre non esquecer que é un clásico da literatura galega contemporánea- á chamada “literatura do eu”, a través das páxinas dun novo volume dos Cadernos Ramón Piñeiro. A publicación que dirixen Luís alonso Girgado e Ramón López Vázquez, recupera parte da correspondencia do escritor con Valentín Paz Andrade e Celso Emilio Ferreiro. Non é a primeira vez que o autor de Esperando o leiteiro fai pública o seu epistolario con Paz Andrade, Celso Emilio Ferreiro e outros persoeiros e amigos (Cartas de vellos amigos, Galaxia, 2010), mais a novidade desta nova edición é que non soamente inclúe esas cartas remitidas polos dous amigos, senón tamén as misivas que Neira Vilas lles enviou, co que se completa para o lector interesado o diálogo en ambas direccións. Neira Vilas, confésao el mesmo exercía o oficio ou o lecer de escribir cartas moito máis do que os seus correspondentes lle escribían a el. E xustifica esta publicación porque unha carta é literatura, é historia, abarca moitas cousas. Nefeuto, na súa correspondencia con Paz Andrade e Celso Emilio Ferreiro fanse referencias a acontecementos da política, da historia e da literatura galega na segunda metade do pasado século, ademais de permitir que nos acheguemos ás vivencias e afectos das tres persoas, amigos entre si, malia térense visto en moi poucas ocasións.

Publicación, xa que logo oportuna, non pola súa carga de vivencias e afectos, nin tampouco pola actualidade mediática no ano 2012 de Paz Andrade e Celso Emilio Ferreiro, senón porque esta correspondencia é narrativa referencial ou autorreferencial, que traduce vivencias, testemuños de amizade, pero tamén novas, proxectos, ideas, inquedanzas que son historia, no dicir de Neira Vilas. Un corpus epistolar, pois,  que supera o anecdótico e que permitirá enriquecer, non só as biografías dos tres persoeiros, senón sobre todo esa futura historia social da literatura galega, se algún día chega a escribirse.

Autobiografía conversada de Valentín Paz-Andrade

Valentín Paz-Andrade, a memoria do século XX

Tucho Calvo

Biblos Clube de Lectores, Cesuras (A Coruña), 2011, 472 páxinas.

 

No xa lonxícuo mes de setembro de 1982, Tucho Calvo e Valentín Paz-Andrade conversaron demoradamente por máis de cinco horas na biblioteca da casa deste. O avogado, empresario, político e escritor concedéralle unha entrevista persoal en profundidade. O falar pausado do intelectual e empresario foi plasmado por Tucho Calvo nun monllo de folios que, sometidos á consideración do entrevistado, este decidiu que serían as súas memorias. Alí, na biblioteca de Pousa Nova do Mar e deste xeito, naceu este libro que se editou por primeira vez en 1998, aos dez anos do pasamento de Paz-Andrade co título Valentín Paz-Andrade, a memoria do século (Ediciós do Castro). Cun loable sentido da oportunidade, Biblos Clube de Lectores, reedita arestora este libro-entrevista, que seguramente enceta ese ronsel de biografías e estudos que se publicarán no vindeiro ano co gallo de ser Valentín Paz-Andrade a figura elixida pola Real Academia Galega como protagonista do Día das Letras Galegas do ano 2012.

A nova edición, revisada para darlle coherencia ao texto e corrixir as grallas e imprecisións, agasállanos cun texto que se mantén fiel ás calidades da prosa de Paz-Andrade, ao seu estilo, léxico ortográfico e literario. E recupera ademais, a xeito de epílogo, unhas significativas e bastante pesimistas declaracións do entrevistado verbo do acontecido nos primeiros anos da democracia, que amosan a súa independencia de pensamento e a súa valoración inequivocamente crítica das actuacións e proxectos dos políticos e intelectuais galegos naqueles primeiros anos da democracia.

Tucho Calvo

Paz-Andrade desempeñou un papel especialmente valioso e relevante en múltiples eidos da realidade galega como home de  empresa, experto en economía pesqueira, avogado, ensaísta e poeta. A súa voz serena vai degrañando os principais episodios da súa vida. O nacemento en Lérez cando se esgotaba o século XIX, os primeiros anos cabo do avó Manuel Andrade Carlín, a fonda pegada do tío Xoan Baustista Andrade que esperta no cativo a paixón polos libros e por Galicia, a mocidade de aulas e rúas, a adscrición a un grupo de estudantes afín ás Irmandades da Fala, o exercicio da toga, a experiencia da guerra en Marrocos, o labor como xornalista e director do xornal  Galicia, e  ducias de chanzos dun vida ateigada de actividade, moitos deles certamente arraiáns  ao novelesco e ao azaroso que, porén, por ese inescrutable camiño do destino, lle salvarán a vida, como o “pucherazo” que o deixou sen acta nas eleccións do ano1931, a supervivencia a un atentado en Vigo no ano 1932 ou cando, máis unha vez, volveu fuxir da morte a comezos de Guerra Civil porque non lle publicaron un artigo de opinión que tería significado a súa condena definitiva ante os golpistas.

Un verdadeiro arquivo fotográfico ilustra esta biografía conversada de Paz-Andrade, memoria, en efecto, do século XX e alicerce imprescindible para as biografías, análises da súa figura e da súa obra e pensamento que se publiquen no ano no que Paz- Andrade é o protagonista do Día das Letras Galegas.