Enxames de formigas

Formigas

Tucho Calvo

Ilustracións de Juan Carlos Abraldes

Biblos Clube de Lectores, Cesuras (A Coruña), 2012, 96 páxinas.

 

Non é a primeira vez que Tucho Calvo penetra na narrativa de terror. Fixérao xa no ano 1996 con Telúrico. Recunca arestora no xénero agasallándonos cunha novela breve, xurdida da experiencia de ter informado como xornalista dun parricidio acontecido nunha aldea galega e tamén como froito da sedución que o autor sente polas formigas, uns dos seres vivos anteriores aos seres humanos, cunha ríxida organización social e capaces das máis arrepiantes crueldades nas súas loitas e na procura de sustento.

A novela bota a andar cun sórdido parricidio nun lugar ignoto ao que se achega un xornalista para obter dos familiares e veciños do morto a versión dos feitos. O parricidio semella a primeira vista o desenlace dunha historia de violencia doméstica, un drama familiar, no que se  mesturan sangue e miseria nun lugar miserento, illado na fraga, que vivira, porén, o esplendor dos anos do wolfran.

Mais pouco a pouco o que comezara sendo a crónica dun crime, transfórmase  nun relato de terror. Con habilidade e oficio, o autor describe o escenario do crime: un ambiente fantasmal no que semella estar mergullada a aldea perdida, na que suceden desacostumados acontecementos: frío no mes de maio, moreas de formigas no inverno e un intenso cheiro que resultou proceder precisamente dunha substancia que emiten as formigas.

O relato dá entón un xiro de cento oitenta graos e convértese nunha loita frenética  contra unha persistente invasión de formigas, formigas omnívoras, verdadeiras “raíñas de creación”, que levan por diante calquera traza de vida.

Tucho Calvo

Unha ficción de medo e de terror en formato curto como aconsellaba Allan Poe. O sentido do morbosamente antinatural  non ten que ver no relato de Tucho Calvo co preternatural nin con ningunha psicopatía, senón cunha realidade hostil consecuencia das mutacións regresivas, debidas ao mal uso que o ser humano fai do medio natural.

Deita pois Tucho Calvo un relato de medo pánico empregando as estratexias propias do xénero de medo ou de terror: sitúa o relato nun marco próximo á actualidade; cédelle a narración a un dos personaxes protagonistas, que o fai en primeira persoa para conferirlle maior credibilidade aos acontecementos; emprega preferentemente o pasado imperfecto, un pasado que actúa sobre o presente e, sobre todo, ganduxa a historia con poucos acontecementos, administrando habilmente a intriga e a sensación de perigo que, sen dúbida, provocan sobre os lectores eses irrefreables enxames de formigas que atacan con devastadora e mortífera eficacia.

Autobiografía conversada de Valentín Paz-Andrade

Valentín Paz-Andrade, a memoria do século XX

Tucho Calvo

Biblos Clube de Lectores, Cesuras (A Coruña), 2011, 472 páxinas.

 

No xa lonxícuo mes de setembro de 1982, Tucho Calvo e Valentín Paz-Andrade conversaron demoradamente por máis de cinco horas na biblioteca da casa deste. O avogado, empresario, político e escritor concedéralle unha entrevista persoal en profundidade. O falar pausado do intelectual e empresario foi plasmado por Tucho Calvo nun monllo de folios que, sometidos á consideración do entrevistado, este decidiu que serían as súas memorias. Alí, na biblioteca de Pousa Nova do Mar e deste xeito, naceu este libro que se editou por primeira vez en 1998, aos dez anos do pasamento de Paz-Andrade co título Valentín Paz-Andrade, a memoria do século (Ediciós do Castro). Cun loable sentido da oportunidade, Biblos Clube de Lectores, reedita arestora este libro-entrevista, que seguramente enceta ese ronsel de biografías e estudos que se publicarán no vindeiro ano co gallo de ser Valentín Paz-Andrade a figura elixida pola Real Academia Galega como protagonista do Día das Letras Galegas do ano 2012.

A nova edición, revisada para darlle coherencia ao texto e corrixir as grallas e imprecisións, agasállanos cun texto que se mantén fiel ás calidades da prosa de Paz-Andrade, ao seu estilo, léxico ortográfico e literario. E recupera ademais, a xeito de epílogo, unhas significativas e bastante pesimistas declaracións do entrevistado verbo do acontecido nos primeiros anos da democracia, que amosan a súa independencia de pensamento e a súa valoración inequivocamente crítica das actuacións e proxectos dos políticos e intelectuais galegos naqueles primeiros anos da democracia.

Tucho Calvo

Paz-Andrade desempeñou un papel especialmente valioso e relevante en múltiples eidos da realidade galega como home de  empresa, experto en economía pesqueira, avogado, ensaísta e poeta. A súa voz serena vai degrañando os principais episodios da súa vida. O nacemento en Lérez cando se esgotaba o século XIX, os primeiros anos cabo do avó Manuel Andrade Carlín, a fonda pegada do tío Xoan Baustista Andrade que esperta no cativo a paixón polos libros e por Galicia, a mocidade de aulas e rúas, a adscrición a un grupo de estudantes afín ás Irmandades da Fala, o exercicio da toga, a experiencia da guerra en Marrocos, o labor como xornalista e director do xornal  Galicia, e  ducias de chanzos dun vida ateigada de actividade, moitos deles certamente arraiáns  ao novelesco e ao azaroso que, porén, por ese inescrutable camiño do destino, lle salvarán a vida, como o “pucherazo” que o deixou sen acta nas eleccións do ano1931, a supervivencia a un atentado en Vigo no ano 1932 ou cando, máis unha vez, volveu fuxir da morte a comezos de Guerra Civil porque non lle publicaron un artigo de opinión que tería significado a súa condena definitiva ante os golpistas.

Un verdadeiro arquivo fotográfico ilustra esta biografía conversada de Paz-Andrade, memoria, en efecto, do século XX e alicerce imprescindible para as biografías, análises da súa figura e da súa obra e pensamento que se publiquen no ano no que Paz- Andrade é o protagonista do Día das Letras Galegas.