Memorias dun “dióscuros” ferrolán

 

Amada liberdade

Fernando Pérez-Barreiro Nolla

Teresa Barro

Edicións Xerais, Vigo, 2013, 398 páxinas.

 

   Conta Fernando Pérez-Barreiro Nolla neste moi interesante libro de memorias que, sendo estudante de dereito en Santiago, Ramón Piñeiro lle confesou, arredor daquela famosa mesa-braseiro pola que pasou máis dunha vez, que el e Xosé Manuel López Nogueira eran os “dióscuros” ferroláns e que tiñan nas súas mans o futuro do ensaio en galego. Os avatares da vida fixeron que non se cumprira ese prognóstico e que Fernando Pérez-Barreiro se realizase profesionalmente primeiro como redactor e locutor dos servizos exteriores da BBC, e máis tarde como xefe do servizo de tradución da Organización Internacional do Café. Tamén, como tradutor ao galego dunha obra de teatro de Shakespeare e como autor  das primeiras tradución directas do chinés ao galego. Mais é unha das millentas anécdotas  e revelacións que descubrimos tirando polos fíos do nobelo da vida deste intelectual galego, pouco coñecido en Galicia porque a súa vida desenvolveuse na súa meirande parte fóra de Galicia, se ben nunca foi alleo á evolución do nacionalismo e dos proxectos galeguistas.

   Un título moi acaído, Amada liberdade, para seguir os roteiros da vida dun home que sempre quixo ser libre, un resistente teimudo a perder a liberdade, como se deduce do fracaso dos intentos do Opus en Galicia para que ingresase na institución, e tamén polos xuízos e valoracións da súa relación con Ramón Piñeiro. Como di a que foi a súa muller e compañeira, Teresa Barro, o seu proxecto vital contemplaba a independencia e unha vida sinxela, sen renunciar, porén, nunca ao galeguismo, malia que máis da metade da súa vida estivesen os dous afastados xeograficamente da nosa terra.

   Cunha prosa moi sinxela -estilo memorialístico-, e ao mesmo tempo atraente, Fernando Pérez-Barreiro Nolla (1931-1910), dá conta da súa andadura vital. Nacemento e  adolescencia en Ferrol; traslado a Viveiro onde seu avó fora cacique e amañador de eleccións. Os seus contactos co mundo clerical -un seu tío era cura- do que non tirou  experiencia relixiosa ningunha. O descubrimento de libros censurados e a obra de escritores galeguistas como Noriega Varela. Máis tarde, a súa estadía en Santiago para estudar a carreira de dereito nunha universidade na que atopa pouco rigor intelectual e galeguismo por ningures. As Festas Minervais, faladoiros arredor de Otero Pedrayo e Bouza Brey. López Nogueira preséntalle a Ramón Piñeiro co que mantén unha estreita e duradeira relación desde as iniciais conversas na mesa-braseiro. E aquí, ao longo de moitas páxinas, dá comezo o que alguén ten chamado o “exercicio de deconstrución de Piñeiro”. Ramón Piñeiro, unha figura moi controvertida, con luces e sombras, pero para Pérez-Barreiro, con que o uniu unha boa amizade, un personaxe implacable co nacionalismo galego primeiro nun Santiago no que se cultiva unha cultura de salón. Máis tarde, e no contexto da guerra fría, recomendando lecturas que detrás tiñan á CIA.

   Son moitos os personaxes que teñen vida na memoria de Fernando Pérez-Barreiro Nolla. Lembranza moi positiva de Carballo Calero, de X. M. López Nogueira, X. M, Beiras, Ramón  Lugrís, Avilés de Taramancos, X. L. Franco Grande, Méndez Ferrín, Eduardo Punset e moitos outros.

Teresa Barro e Fernando Pérez-Barreiro Noalla

   As memorias ficaron inconclusas porque a morte segou de xeito inesperado a vida deste intelectual galego que dentro ou fóra da súa terra sempre estivo ao servizo dos ideais galeguistas. Será Teresa Barro, nun longo apéndice rotulado “A vida xuntos” a que nos agasalle cun relato que serve de contrapunto e complemento das memorias do seu compañeiro. E se Fernando Pérez-Barreiro deconstrúe a figura de Ramón Piñeiro, Teresa Barro fai algo semellante con Otero Pedrayo como profesor en cuxas clases, confesa, nunca viu un verdadeiro atractivo e menos nas súas vulgaridades impositivas e machistas, impropias dunha lección  universitaria nin hoxe nin tampouco nos anos cincuenta.

   Un libro, pois, que recupera desde a experiencia vital dun intelectual independente a historia do noso pais na segunda metade do século XX, da que fai unha interpretación crítica, sempre argumentada, que desfai tópicos,  pon a cada quen no lugar que os autores, sen acritude, consideran que merece e que ademais permite unha pracenteira e ao mesmo tempo ilustrativa lectura.