“Almuric”, un romance planetario

 

Almuric

Robert  E. Howard

Tradución de Alejandro Tobar

Urco Editora, Santiago de Compostela, 2013, 239 páxinas

 

   Aínda que menos coñecido que Tolkien, Robert Ervin Howard (Texas 1906-1936), é un dos grandes autores do xénero fantástico. Creador de personaxes de sona internacional como Conan, Solomon Kane ou Kull de Atlantis e das súas respectivas sagas publicadas orixinariamente en revistas como a pulp “Weird Tales” e outras “magazines pulp”. Discípulo de Lovecraft e pertencente ao seu Círculo do que herda o horror cósmico (o mal provén de entidades extraterrestres ou de presenzas arcanas, o que se coñece como “Weird Menace”), Robert E. Howard está considerado, xunto co seu mestre Lovecrft, como un dos máis sobranceiros autores da literatura de terror, malia o seu tráxico e pronto falecemento.

   Precisamente na revista que se considera o diario oficial do Círculo de Lovecraft, “Weird Tales”, viu a luz por primeira vez Almuric, no ano 1939, grazas a insistencia do axente editorial de Howard, que asumiu asemade a tarefa de revisar o borrador orixinal da novela que o autor lle entregara pouco antes do seu suicidio. No será ata o ano 1964 cando Almuric apareza como libro independente.

Xa no Proemio Robert E. Howard nos adianta o sámago do libro: contar o que lle aconteceu a Esau Cairn e disipar o misterio da súa desaparición. Con efecto, na única incursión de Howard no “Planetary Romance”, o subxénero que ten como pai a Edgar Rice Burroughs, cunha certa amalgama de elementos de “Sword an Sorcery” (“Fantasía heroica”), achéganos á figura de Esau Cairn, un mozo norteamericano, violento, dotado dunha gran forza corporal. Un día, mentres se adestraba como boxeador, mata o seu adversario, e xa que logo, quítanlle a licenza . Esau Cairn é sobre todo instinto, forza bruta. Sentíase atado neste mundo e devecía por  outro onde as súas ansías de liberdade non se atopasen con fronteiras. Endalí que, logo de ter entrado pro azar no laboratorio dun científico que lle ofrece a forma de fuxir da xustiza, é enviado a outro planeta de nome Almuric.

   Un mundo estraño e primitivo onde comeza as súas aventuras entre homes salvaxes (os “guras”) acosados por unha sorte de diaños. O libro de Howard narra unha manchea de aventuras que o comentarista non spoileizará. Abonde con dicir que todas elas se estean no chamado romance planetario e na literatura de espadas e planetas, cun personaxe que sobrancea por riba dos demais: Yasmeena, a raíña que goberna desde hai mil anos o destino dos habitantes de Almuric e que Howard identifica coa imaxe romántica do vampiro, escravo de depravados instintos sexuais.

   A estrutura narrativa de Almuric semella unha mestura de elementos de Burroughs con outros do propio Howard, nomeadamente naquelas escenas nas que actúa o arquetipo do heroe howardiano, a semellanza de Conan, o Bárbaro.

  

Robert E. Howard

Un libro pois do gusto daqueles lectores que leen con voracidade historias de fantasía heroica, ateigadas de acción, que acontecen entre estraños seres malignos, aínda que sen unha mensaxe que, porén se pode tirar doutras sagas como O Señor dos Aneis.

   Remato non sen antes salientar o labor de Urco Editora, unha iniciativa editorial única en Galicia, nacida coa finalidade de pór a disposición do lectorado galego publicacións de literatura gótica, de fantasía e ciencia ficción. Máis de corenta títulos da autoría dos escritores máis relevantes nos tres subxéneros, forman xa unha verdadeira biblioteca temática de fantasía, terror e ciencia ficción na lingua de noso. As fías narrativas autóctonas destes xéneros teñen no selo Alcaián da mesma editora, unha canle para a edición que, xaora, tamén forman parte da literatura.