REVISITANDO A RICARDO CARBALLO CALERO

Conversas con Ricardo Carballo Calero

Carmen Blanco

Editorial Galaxia, Vigo, 2020, 301 páxinas.

Co gallo do día das Letras Galegas, e por teren pasado trinta anos desde a primeira edición de 1989, Editorial Galaxia reedita Conversas con Ricardo Carballo Calero de Carmen Blanco;   que, nestas datas nomeadamente, nos permite achegarnos á vida máis persoal, intelectual e creativa do gran lingüista, poeta e narrador. Un novo limiar a esta nova edición fai fincapé en que esta, como a edición de 1989, é testemuño dun tempo e dunha obra.

Asemade, esta nova edición chega ás mans do lectorado cunha reportaxe gráfica de Eduardo Ochoa, feita en Lugo en 1986. Hoxe sabemos que Carmen Blanco era unha cativa de ensino primario cando coñeceu a Carballo Calero, entón profesor no Colexio Fingoi de Lugo. Ela mesma recoñece que, desde ese intre, ficou mergullada no maxisterio, na lingua, na literatura, e tamén na vida do mestre, o que nos permite descubrir a verdade que foi Carballo Calero que lle ensino a coñecer e amar o personaxe, a súa sabedoría lingüística. E sobre todo, degustar a súa poesía.

O libro é froito de máis de trinta horas de conversa sostida co profesor entre os anos 1983 e 1989. Na mesma, abrolla o reparo de Carballo Calero para falar da represión fascista, cuxa triste memoria non quere reverdecer. O que fala da complexa personalidade do mestre, da súa absoluta liberdade de criterio, da súa lealdade antifascista, da súa defensa da República, “coas armas da derrota”; da súa renuncia ao exilio exterior, mais non ao interior que padeceu en cárceres de Andalucía.

Carmen Blanco

Nos diálogos con  Carballo Calero, o lector ten noticia da súa vida:nacemento no primeiro núcleo de Ferrol; lembra a algúns profesores, a primeira vez que viu a  Manuel Murguía, a Xohan Vicente Viqueira entre outros moitos dos seus mestres; os primeiros anos na Universidade, ás noxentas lembranzas dos anos de Guerra e o seu longo periplo como prisioneiro en Andalucía; o traballo no ensino privado. As preocupacións políticas no Partido Galeguista, e a súa participación  na redacción do Estatuto, entre outras moitas actividades.

Analiza asemade a formación intelectual do mestre, a súa vocación literaria, especialmente no campo da historia da literatura galega, da crítica literaria. Aparece sobre todo estudado como lingüista. Especial interese teñen as observacións de C. Calero sobre a súa propia creación literaria, quizais un pouco ecléctica, e que abrangue todos os xéneros, mais  sen renunciar xamais a súa primeira vocación como poeta estreada con  Vieiros en galego, o xénero no que se atopou máis a gusto, malia ter escrito catro obras de narrativa e algunha peza de teatro. Para alén doutras consideracións, Conversas con Carballo Calero segue a ser un título imprescindible para coñecer a figura do profesor e escritor.

(Texto publicado no xornal Faro de Vigo o 28 de maio de 2020)