Para facer pensar

 

 A revolución non vai ser televisada

Devir imperceptible seguindo a Gilles Deleuze

Rebeca Baceiredo

Euseino? Editores, colección Casabranca, Vigo, 2013, 166 páxinas


   Rebeca Baceiredo, achéganos con este ensaio, unha nova mostra dun discurso orixinal e apropiado para facerlle fronte ao desenvolvemento maquínico  e técnico da actual sociedade capitalista. Na primeira parte da monografía analiza a autora o fundamento axiomático da oligarquía dominante que, como no Antigo Réxime, non nos quere cidadáns senón súbditos da megamáquina  de produción, gobernando ao seu antollo a nosa condición ontolóxica. Desenvolve na segunda unha liña ontolóxica que posibilita desfacer o suxeito para construír outro tipo de subxectividade: novas maneiras de existir no mundo que impliquen a disolución dos suxeitos como criaturas construídas para a (re)produción social e económica. Unha nova forma de subxectividade: un ser en constante devir, capaz, xa que logo, de escapar ás poutas do poder.

  

Rebeca Baceiredo

Unha fórmula que pode parecer demasiado teórica e afastada da historia como proceso práxico dialéctico. Secasí, a autora non exclúe a loita social para enfrontarnos á máquina do poder. Porén a súa resposta xira no espazo do dereito e é aquí onde encaixan as súas ideas verbo dun novo paradigma da subxectividade.

   Un ensaio para facer pensar que penetra no eido filosófico. Con todo, a agudeza expositiva da autora e unha escrita que exclúe á mantenta a linguaxe especializada da filosofía, permite que o discurso de Rebeca Baceiredo poida ser lido non só por profesionais da filosofía.

                            

 (Texto publicado o día 12 de setembro de 2013 no Suplemento Faro da Cultura, páxina VII, do xornal Faro de Vigo)

           

           

Advertisements

Novas formas de existir no mundo

 

A revolución non vai ser televisada

Rebeca Baceiredo

Euseino? Editores, Vigo, 2013, 162 páxinas.

 

   Esta publicación de Rebeca Baceiredo é posiblemente a excepción que confirma a regra desa mirrada presenza do verdadeiro libro de ensaio no sistema literario galego. Con efecto, ao longo dos anos as nosas casas editoras levan ofrecéndonos unha verdadeira eclosión de estudos e investigacións que xeneralizan o coñecemento, baixan os saberes ou recompilan erudición. Mais son contados os auténticos libros de ensaio onde os autores e autoras se arriscan  co pensamento e propoñen enunciados e respostas singulares para o noso tempo, alicerzados na ilustración crítica e na revolta intelectual, capaces de chimpar o dado como enunciara Mallarmé.

   Rebeca Baceiredo (Orense, 1979), doutora en Filosofía e licenciada en Ciencias da Comunicación e especialista en Gilles Deleuze, xa no primeiro libro da súa autoría, O suxeito posmoderno. Entre a estética e o consumo, profundaba coa súa análise e diagnose  das peculiaridades posmodernas, na verdade novidosa do pensar. Co seu regreso, A revolución non vai ser televisada, que inaugura a colección “Casabranca” que Euseino? Editores lle dedica á filosofía, achéganos unha nova mostra dun dicurso novidoso e apropiado, ao menos no plano teórico, para facerlle fronte ao desenvolvemento maquínico e técnico da actual sociedade capitalista.

   Na primeira parte da monografía, Rebeca Baceiredo analiza o fundamento axiomático do capital, da oligarquía dominante, que está decidida a recobrar certos aspectos do antigo modelo do poder, aquel Antigo Réxime no que, no canto de seren cidadáns, os homes e mulleres eran súbditos da megamáquina de produción que gobernaba ao seu antollo e en función dos seus intereses, a nosa condición ontolóxica. Ata o de agora, unha senda de dubidosa eficacia, pensa a ensaísta, alicérzanos na produción da subxectividade. Somos suxeitos efectivamente, mais iso equivale  a estar suxeitos polo poder.

   Na segunda parte analiza a autora a posibilidade de desenvolver unha liña ontolóxica que posibilite desfacer o suxeito para construír outro tipo de subxectividade. Un discurso que a pensadora constrúe alicerzándose nas ideas de Gilles Deleuze, no marco teórico que ofrece o pensador francés para entender algúns aspectos da megamáquina do poder e visibilizar novas posibles formas gnoseolóxicas e ontolóxicas de subxectivación: novas maneiras de existir no mundo que impliquen a disolución do suxeito como “coágulos de poder” ou criaturas construídas para a (re)produción social e económica. Baseándose en Nietzsche e Spinoza, a ensaísta pensa que pode erguerse unha nova forma de subxectividade: un ser en constante devir, capaz, xa que logo, de escapar ás poutas do poder.

   Seguramente esta receita do desenvolvemento ontolóxico e ético do individuo cara a converterse nun ser social novo e non estable pode parecer demasiado teórica, afastada da historia como proceso práxico dialéctico, cuxo motor é  a loita de clases. Secasí, a autora, aínda que non os tematiza, non exclue ningún fermento, non exclúe a loita social para enfrontarnos á máquina do poder e tampouco esquece o “dictum” de Foucault: “a cada recuncho de poder, correspóndelle un recuncho de resistencia”. Porén, a súa proposta xira na órbita do espazo de dereito e é aquí onde encaixan as súas ideas verbo dun novo paradigma da subxectividade.

Rebeca Baceiredo

   Un ensaio para facer pensar, que penetra no eido filosófico. Con todo, a agudeza expositiva da autora e unha escrita que elude á mantenta e sempre que lle resulta posible, a linguaxe especializada da filosofía, permite que o discurso novidoso de Rebeca Baceiredo poida ser lido non só por profesionais da filosofía. Abonda con lectores dispostos a reflexionar sobre a posibilidade de novas formas de ser suxeitos ou de existir no mundo.