Carver: todos os contos

raymond_carverTodos los cuentos

Raymond Carver

Editorial Anagrama, Barcelona, 2016, 702 páxinas

  Raymond Carver (1929-1988)está considerado como o mellor contista de América; talvez xunto con Chéjov o mellor de todos os tempos. A súa obra ficcional está formada por cincuenta e oito relatos publicados en vida do escritor, máis cinco póstumos atopados a partir de 1999. Todos eles aparecen arestora editados por Anagrama  nun só volume da colección  “Anagrama compendium”. Tanto os publicados no estilo extensivo no que escribía Carver, como os reescritos a partir de 1981 polo editor Gordon Lish que fixo unha extensa demouca nos manuscritos orixinais, convertendo así a Carver no cultivador por antonomasia do realismo suxo e da literatura minimalista, “dependente do omitido” (Harold Bloom), erguida con estruturas  unicamente enunciativas, diexeses  instaladas na frugalidade e mesmo na insignificancia, personaxes vulgares  que habitan na monotonía e desenlaces inesperados e moitas veces pavorosos. Mais a prosa orixinal de Carver, logo de que no ano 2009 apareceu publicado Beginners, a versión orixinal de What We Talk About When We Talk About Love ten pouco que ver con xuízo que da mesma fixo Tim O’Brien: “emprega o inglés como unha coitela, esculpe pezas de prosa austera e exentas de calquera adobío…agás a cerna da emoción humana.”

Na presente edición de Todos los cuentos de Carver atopamos a prosa orixinal e a prosa martelada polo seu editor. Pero nos dous casos, prosas realistas, con escenarios cotiáns, personaxes grises, reflexo do máis agochado da condición humana, escritos polo autor cando era escravo do alcohol ou cando, desde o ano 1977, o amor da poeta Tess Gallagher lle regalou dez anos de propina e fixo posible a escritura de contos, poesía e compilacións. Contos que, malia a secura da súa prosa, dos ambientes abraiantes, convertéronse en clásicos porque gozan da capacidade de transmitirnos unha forza sorprendente e unha gran credibilidade. A consistencia artística coa que Carver conta as súas historias, e que nestas coleccións estoura en mil direccións, permítenos mergullarnos na estética dun dos grandes escritores do pasado século, cuxas historias seguen a arrepiarnos precisamente porque son moi boas.

(Texto publicado no xornal El Correo Gallego o 5 de outubro de 2016)

 

 

 

Un Carver pouco carveriano*

Raymond Carver y Tess Gallagher

A  vida e a obra de Raymond Carver (1939-1988) aléitase na lenda. Descoñecido cando en 1981 o seu editor Gordon Lish publicou What We Talk About When We Talk About Love (non existe tradución ao galego) despois dunha demouca de máis do 50%, cando finou en 1988, pasaba á historia como un dos grandes referentes literarios dos últimos trinta anos. Un dos escritores eximios de América, xunto con Chéjov quizais o mellor contista do século XX. Pai do realismo sucio e  un dos piares do minimalismo. A voz máis xenuína da Norteamérica contemporánea agasállanos -ou iso pensabamos- cunha literatura minimalista esteada no omitido (Harold Bloom). Foi Hemingway o iniciador  da literatura minimalista, pero é Carver o nome que se asocia por antonomasia con esa estética literaria. O Carver editado pro Gordon Lish, nomeadamente o da obra arriba amentada. A secura da súa prosa, un estilo elíptico,  a monotonía na que habitan os seus personaxes, “diexesis parsimoniosas” e, sobre todo, os seus inesperados e pavorosos desenlaces convertérono no paradigma da narrativa minimalista.

Pero no ano 2009 apareceu publicado en Londres a versión orixinal da obra que o fixo famoso e foi traducida ao español por Anagrama co título Principiantes. Agora sabemos do traballo implacable, pero certeiro do editor que eliminou títulos, páxinas enteiras e cambiou finais convertendo o inglés de Carver nesa coitela que talla pezas de prosa austera e exenta de enfeites, despoxándoa de todo agás a cerna da emoción humana. Un bo exemplo é o relato “Dile a las mujeres que nos vamos”. Unha trama moi sinxela: dous amigos, Bill e Jerry, unidos dende a infancia. Entre os dous mercan un coche. Un domingo collen o coche e dan un paseo. Atopan na estrada a dúas rapazas coas que coquetean. Elas deixan a estrada e camiñan por un carreiro. Séguenas Bill e Jerry. Bill, desalentado para e prende un cigarro. Aquí remata a historia, pero o lector atopa estas liñas para un final fulminante: “Nunca entendeu o que quería Jerry. Pero todo comezou e rematou cunha pedra. Jerry  empregou a mesma pedra coas dúas rapazas, primeiro sobre a que se chamaba Sharon y despois sobre a que debería ser de Bill”. Unha frase cortante, impersoal, inexorablemente inhumana. Mais este final no é obra de Carver, senón de Lish. No canto do mesmo, Carver escribira seis páxinas que Lish podou sen piedade. Carver cóntao todo, sen lle dar ningunha oportunidade á omisión, a ese ton formidable, á ferocidade dun final que, precisamente polo omitido, foi considerado un tótem referencial. Xa que logo, son pertinentes os inquéritos: ¿De que falamos cando falamos de Carver? ¿Quen é o seu creador? ¿El mesmo ou o seu editor?

* Texto publicado o día 21 de xaneiro no xornal El Correo Gallego de Santiago de Compostela. Para ver o orixinal, pinchar aquí