Cartas ao faraute do Eo

 

Cartas a Fermín Penzol

Cadernos Ramón Piñeiro (XXVII)

Edición, introdución e notas de Luís Cochón

Centro Ramón Piñeiro para a investigación en Humanidades

Santiago de Compostela, 2013, 166 páxinas.

 

   Ve luz por estas datas o número XXVII dos Cadernos Ramón Piñeiro, baixo a dirección, esta vez, de Luís Alonso Girgado, Ramón López Vázquez e Xosé Luís Cochón Touriño. E co mesmo propósito das anteriores entregas: recoller determinadas achegas, practicamente descoñecidas, do noso patrimonio cultural ou histórico, espalladas en xornais, revistas, publicacións periódicas xa fenecidas, ou epistolarios como é o caso do presente volume.

   Esa vontade e propósito toma corpo nesta publicación, sen periodicidade predeterminada, cunha monografía que recolle como materia case que exclusiva, unha boa parte do legado que ocupan as cartas recibidas por Fermín Penzol. En edición de Luís Cochón, con limiar introdutorio e notas da súa autoría, este volume dos Cadernos Ramón Piñeiro ofrécenos  as cartas que Ramón Piñeiro, Ramón Cabanillas, Ben-Cho-Shey e Otero Pedrayo lle fixeron chegar ao bibliógrafo e mecenas da cultura galega, Fermín Penzol. Pechan e completan o volume unha carta de Otero Pedrayo, outra de Rodolfo Prada a Otero Pedrayo e dez cartas máis de Ramón Piñeiro a Isidoro Millán, que completan o epistolario entre ambos persoeiros publicado no ano 2009 no número XIII dos Cadernos   atopadas con posterioridade a esa data e que ilustran de xeito complementario as orixes da Editorial Galaxia e a xestación dalgún dos seus proxectos (a edición “non nata” do Onomástico etimolóxico do padre Sarmiento), temas recorrentes, sobre todo nas cartas de Ramón Piñeiro a Fermín Penzol.

   Rotulo este comentario coa palabra “faraute”, un medievalismo de orixe provenzal, como atinadamente aclara Luís Cochón, tirado do encabezamento da carta número sete que lle dirixe Cabanillas a Fermín Penzol (“Sr. D. Fermín Fernández Lavandera Penzol, no encastelado Castropol faraute do Eo”). “Faraute” significa heraldo, mensaxeiro, mais Cabanillas efectúa un desprazamento do lugar á persoa e o “faraute” é sen dúbida o propio Fermín Penzol que, como secretario xeral da Irmandade, “exerce na causa como activista orgánico no cimo do penedo” (páxina 11).

Fermín Penzol e a súa dona Blanca Jiménez Alonso

   Son, como anota o autor do Limiar, cartas previstas e previsibles: “Unha especie de parte nunha España cuarteleira”. Novas de amigos ou coñecidos, proxectos editoriais, referencias aos froitos outonizos que Otero Pedrayo agarda darlle á Universidade de Sant-Yago, na misiva seguramente máis refulxente  desde o punto de vista literario deste epistolario.

   Con bo tino transcribe o editor as cartas tal como foron escritas, mantendo a ortografía, puntuación e algún desleixo menor. Numerosas notas no rodapé dan noticia erudita de persoas, títulos ou circunstancias referidas aos textos deste epistolario que deita luz, máis unha vez, non só de vivencias e afectos, senón sobre todo de importantes fitos da nosa historia cultural e literaria de épocas recentes que, deste xeito, pode ser reconstruída a partir dos mesmos testemuños dos seus protagonistas.

Causa sumarísima 135.587

Proceso e encarceramento de Ramón Piñeiro

Xosé Manuel Dasilva

Editorial Galaxia, Vigo, 2011, 361 páxinas.

 

Á marxe do xuízo que a cadaquén lle mereza a súa acción política na orientación do galeguismo e as súas ideas filosóficas (esa frouma irracionalista da vivencia sentimental na captación do home, tirada da súa interpretación do existencialismo), non será difícil concordar que Ramón Piñeiro foi un personaxe relevante da segunda metade do século XX e ata moitos coincidirán co piñeirólogo  Xesús Alonso Montero que o define como un cidadán heroico, un “diamante moral”, reinventor da cultura galega en tempos de miseria espiritual e de pauperismo nas ideas. No ano 2009, polo feito da dedicación do Día das Letras Galegas a honrar a súa memoria e para achegarnos a súa obra, publicáronse varias monografías sobre Ramón Piñeiro. Unhas simplemente divulgativas, outras como a do amentado Alonso Montero (Ramón Piñeiro ou a reinvención da cultura galega), ateigadas de erudición.

En todos eses estudos existe, porén, unha notable lagoa. Ramón Piñeiro foi detido no ano 1946 por conspirar contra o réxime franquista e condenado o 25 de outubro de 1947 á pena de seis anos de cárcere, dos que cumpriría tres. Polas mesmas memorias de Piñeiro, sabiamos que, mentres estivo detido nos sotos da Dirección Xeral de Seguridade, “afortunadamente non recibiu malos tratos físicos” e a súa condena pode ser considerada como “leve”, malia ter sido o instrutor da súa causa o fanático e sanguinario coronel Enrique Eymar. As hipóteses e as mesmas palabras de Piñeiro apuntan ao seu anticomunismo, que a policía coñecía sen dúbida, e á circunstancia de que, con Piñeiro, fora detido e xulgado Koldo Mitxelena, militante do PNV, partido político que mantiña excelentes relacións con Estados Unidos. Xa que logo, a detención de Mitxelena puxo en marcha xestións diplomáticas por parte dos americanos, das que se beneficiarían todos os acusados nesa causa sumarísima 135.587.

Con todo, como recoñecía Alonso Montero, a causa militar seguida contra Piñeiro ficaba oculta e sen a necesaria investigación e análise os documentos que a compoñen. Esa foi a razón de que o estudo do proceso de detención, xuízo e encarceramento de Ramón Piñeiro estivese practicamente ausente nas publicacións a el dedicadas no ano 2009. Cumpría remediar esa ausencia e foi Galaxia a editora que lle encomendou tal tarefa ao profesor Xosé Manuel Dasilva, especialista nas represións efectuadas pola ditadura franquista sobre as publicacións galegas. Este libro é pois o froito da súa pescuda: a causa xudicial, identificada como causa sumarísima 135.587, e o expediente penal de Piñeiro, gardados respectivamente no Arquivo Xeral Histórico da Defensa e no Arquivo Xeral do Ministerio de Interior.

A obra despexa todos os inquéritos e enigmas que foran xurdindo ao longo dos pasados anos. O volume, froito da investigación do profesor Dasilva, é amplo e non deixa lugar ás insidias e ás mitificacións. Estrutúrase en dúas grandes partes. Na primeira parte, expositiva, despois da crónica dun misterio inexistente, o investigador analiza a causa xudicial: o atestado policial no que se dá conta da detención de Piñeiro e doutras persoas, entre elas os irmáns Saco López e Koldo Mitxelena, nunha cafetería de Madrid, acusados de pertenceren á Alianza Nacional de forzas democráticas e á CNT; a instrución da causa, efectuada polo xuíz especial contra os delitos de comunismo e espionaxe, Enrique Eymar, un personaxe sinistro que actuou nunha manchea de causas e que pode exhibir o “trofeo”  de que máis dun milleiro das mesmas acabaron con condenas de morte. O consello de guerra,  a sentenza e o expediente penal de Piñeiro que cumpre na prisión de Ocaña e Yeserías.

Xosé Manuel Dasilva

Acompaña a relación expositiva dos feitos a correspondencia que Piñeriro envía ou recibe desde o cárcere (Isabel Algarra, muller de Ben-Cho-Shey, Fernández del Riego, compañeiros galeguistas, así como referencias doutra misiva enviada a Castelao “por conduto dos sindicalistas”).

O 26 de febreiro de 1949 concédeselle a Piñeiro a liberdade condicionada. O autor desminte documentalmente a afirmación de Borobó sobre a intervención de Antonio Rosón para que Piñeiro saíse do cárcere antes da data que lle correspondía.

Na segunda parte achega Xosé Manuel Dasilva a transcrición dos documentos da causa xudicial e inclúe un epílogo asinado por Xesús Alonso Montero no que o piñeirólogo salienta os aspectos máis importantes do proceso xudicial, nomeadamente o papel protector que, na vida de Ramón Piñeiro, tiveron os irmáns Antonio e Luís Rosón, que moveron os fíos para que a sentenza de Piñeiro fose relativamente benigna, tendo en conta as actividades políticas (“conspiración posterior”, “rebelión posterior”) da que era acusado.

Xa que logo, a obra de Xosé Manuel Dasilva é unha achega imprescindible para podermos ter un coñecemento cabal  dun episodio importante na vida de Piñeiro. E así mesmo unha contribución importante para profundar na represión exercida en España no período da posguerra.