Ben articulado best-seller. Con saibo mitolóxico

 

Legado nos ósos

Dolores Redondo

Tradución de Ramón Nicolás

Edicións Xerais, Vigo, 2013, 554 páxinas

 Legado nos ósos, o segundo volume da Triloxía do Baztán, é un fenómeno editorial propio dos nosos días: a “fabricación” dun best seller partindo dunha operación de marketing ben programada que se asenta en dous subxéneros moi atractivos para o lectorado: o detectivesco e a narrativa con saibo mitolóxico. Mais esta segunda entrega de Dolores redondo está tan ben escrita como o primeiro volume da serie, O gardián invisible, coas mesmas bondades, feblezas e concesións ao comercial. Un best seller ben articulado, que desenvolve unha trama perfectamente encadeada que fai que a intriga avance de xeito acaído, e con todos os ingredientes do xénero negro que son capaces de impresionar o lector.

   A heroína da novela é de novo Amaia  Salazar, inspectora da Policía Foral, moi sagaz, mais cun pasado axitado.Acaba de ser nai e nesa situación terá que enfrontar unha nova e estraña cadea de horrores: homes asasinos das súas parellas ou de mulleres desexadas, que se suicidan deixando a palabra “Tarttalo” como única mensaxe. A novela, xa que logo, mergulla de cheo o lector na mitoloxía vasco navarra con esa referencia do “Tarttalo”, unha sorte de agreste e violento ciclope, detrás do que se agocha unha trama arrepiante na  que se somerxe a inspectora, levando as pescudas ata un vibrante final.               

   Recrea a autora con habelencia un espazo privilexiado: o valo do río Baztán, ateigado de lendas e mitos ancestrais que o converten no escenario acaído para o desenvolvemento da trama. Descricións  pormenorizadas e moi reais que encaixan perfectamente na trama argumental. De por parte, D. Redondo tece con mestría unha historia atraente, cun ritmo narrativo vibrante. Os personaxes son cribles, aínda que bastante planos, sen que evolucionen ao longo do relato.

Dolores Redondo

   Mais a novela transmite unha ideoloxía verbo da maternidade que ten moito peso neste texto. A maternidade como realización máxima da muller que, sen dúbida, orixina lecturas discrepantes: engado para certos lectores que gustan das marabillas e dificultades da condición maternal; rexeitamento por parte daquel lectorado que non acredita nesa idea da maternidade. Non sería honesto pasar por alto algún descoido  na edición, motivado quizais por urxencias editoriais. Verbo da tradución, que provocou algún ruído desde que saíu do prelo a edición galega, penso que este libro é moi recomendable para aprender a rexeitar nos centros de ensino o chamado “castelgalego”.

(Texto publicado o día 20 de febreiro de 2014 no suplemento “Faro da Cultura” do xornal Faro de Vigo)

Pensamento dos indignados na “idade das tebras”

Revolta dos indignados. Movemento 15-M: Democracia Real Xa!

Varios autores

Tradución de Ramón Nicolás

Faktoria K de Libros (Kalandraka Editora), Pontevedra, 2011,78 páxinas.

 

Este pequeno volume é a tradución galega dos textos orixinais de La rebelión de los indigndos que Fakyoría K de Libros publica co subtítulo, Movemento 15-M: Democracia Real Xa!. Responsabilizouse da tradución Ramón Nicolás. O volume recompila cinco reflexións que, en forma de palabra, foron pronunciadas en manifestacións do 15-M, ou artigos de análise que dan idea dabondo dos ideais e ideoloxía do Movemento 15-M. O volume segue o ronsel de Stéphane Hessel. Neste pequeno volume, como no de Hessel, reivindícase unha sociedade mellor, alicerzada en esteos xustos, que nada teñen que ver, xa que logo, coas bases ideolóxicas e as praxes das sociedades neoliberais do mundo globalizado.

As palabras de Carlos Taibo, un dos oradores tras a manifestación do 15 de Maio na Puerta del Sol, encetan o libro e dan testemuño da indignación das persoas normais e correntes de todas as ideoloxías e opcións políticas fronte ao panorama social, político e económico que nos rodea. Indignados pola corrupción  de certos políticos, empresarios e banqueiros e pola indefinicións dos cidadáns de a pé. Indignados, así mesmo, polo gasto militar que responde aos obxectivos de manter a España no núcleo de países poderosos, é dicir, que apoian as guerras de rapina global que lideran os EE. UU.

Josep María Atentas, profesor de socioloxía na Universidade Autónoma de Barcelona e a activista Esther Vivas, pertencente  ao Centre d’Estudis sobre Moviments Socials da Universidade Pompeu Fabra, achégannos as súas “Notas desde a Praza Tahrir” de Barcelona, nas que consideran que a indignación, tal como a transmitiu o panfleto de Hessel, é unha das ideas-forza que define as protestas do 15-M contra a “nova orde mundial” proclamada polo Presidente George Bush pai, logo da primeira Guerra do Golfo, a desintegracións de URSS e a caída do muro de Berlín.

O filósofo Antoni Domenech reivindica a vocación política e democrática do Movemento 15-M e a dignidade humana. “Non somos mercadoría nas mans de políticos e banqueiros”. Aposta así mesmo Antoni Domenech  por manter un movemento que responda ás necesidades da actual sociedade, que formula nun programa contrafático de dez puntos.

O xornalista Iván Giménez Chueca lembra a xestión en Internet do movemento  “Democracia Real Xa” e analiza a forma e a medida en que conceptos como ciberactivismo, Open Government ou Democracia 2.0 poden catalogarse como formas de incentivación da cidadanía na xestión da política.

Finalmente, o profesor da Universida Complutense Juan Carlos Monedero, nun artigo cun rótulo tan significativo como “A Marsellesa na Puerta del Sol” evoca a Comuna de París de 1871 e os seus paralelismos co Movemento 15-M:  a súa capacidade de autoorganización e os berros de igualdade e participación.

O volume complétase con varios Anexos: o Manifesto e as propostas do 15-M, un comunicado de apoio das comunidades cristiás populares do Estado español e o Manifesto feminista de Sol.

Son millentas as razóns que neste pequeno volume se nos achegan para indignarnos. Millentas as formas de sometemento, as formas de abdicación e as formas de violencia (“Violencia é cobrar seiscentos euros”, dicía un lema dos indignados). Teño, porén, para min, que a máis noxenta é caer en mans de megaempresarios ventaxistas -algúns deles ata se consideran fillos nostálxicos e proteicos do Maio do 68!- que sosteñen sen pudor que non se poden soster os “luxos” do Estado de Benestar e lle negan á xente o dereito ao traballo, á seguridade no emprego, a unha vida digna e ata a mesma existencia, porque despiden de forma compulsiva, asumindo cun sorriso sardónico ou con fría indiferencia a improcedencia dos despedimentos.  Amparados na corrupción política co emprego, na claudicación  que supuxo o Estatuto dos Traballadores, en formas subliminais de violencia laboral e no medo das clases obreiras, xa que a súa cabeza pende dun fío e  poden ir á rúa en calquera momento, arestora son eles os negreiros da época da globalización. Fan medrar o seu ego narcisista exhibindo obscenas ostentacións do seu poder sobre os mais débiles, facéndolles entender aos seus empregados: eu son máis poderoso ca ti e bótote a rúa cando me pete. Oxalá fora unha fabulación o que estou afirmando: esta clase de empregadores que despiden compulsivamente!. Infelizmente existen -tamén empresarios honrados que se ven na obriga de despedir pola voracidade do capital-  e o seu número seguirá aumentando a medida que recúen os dereitos sociais e aumenten as vítimas da miseria. Non se decatan de que atacan directamente o corazón de calquera economía: o seu capital humano.

Neste libro tamén se nos abren os ollos sobre estas formas tan actuais de sometemento. A loita contra estas miserias da actual “idade das tebras”, tamén forma parte da revolta  dos indignados.

Xa que logo, un pequeno volume ateigado desa reflexiva sabedoría revoltosa que loita  por unha sociedade na que o centro sexan as persoas e non os mercados, como se reivindica no último documento amentado. De necesaria lectura e reflexión, pois, por parte daquelas persoas que se consideran cidadáns e non súbditos.