“Legado nos ósos”, prosegue o thriller do Baztán

 

Legado nos ósos

Dolores Redondo

Tradución de Ramón Nicolás Rodríguez

Edicións Xerais, Vigo, 2013, 554 páxinas.

    Edicións Xerais acaba de sacar dos seus prelos Legado nos ósos, o segundo volume da Triloxía do Baztán. E como acontecera co primeiro, foi publicado simultaneamente en todas as linguas peninsulares e será editado de contado noutros idiomas. Como dixen ao comentar o primeiro volume da Triloxía, O gardián  invisible, estamos diante dun fenómeno propio dos nosos días: a “fabricación”  dun best seller, orixinado a través dunha operación de marketing ben programada, que elixe dous subxéneros específicos moi atractivos para o lectorado: o detectivesco e a narrativa con saibo mitolóxico, con intensas doses de supersticións.

   E coa mesma intención coa que inquiría cando se publicou o primeiro volume, reitero a pregunta verbo da calidade desta segunda entrega. ¿Pertence ao subcampo da gran produción, que goza de escasa autonomía, déixase levar polo beneficio económico e posúe exiguo valor simbólico; literatura marxinal de doada e gratificante lectura, pero nada máis? ¿Ou, pola contra, ao da produción restrinxida, unha peza de posible consumo masivo, mais non orfa de calidade?

   Respondo, e sen ningún reparo, manteño que o libro está tan ben escrito como o anterior, coas mesmas virtudes, fraquezas e concesións ao comercial da primeira serie da Triloxía. Un best seller ben artellado, cunha trama perfectamente encadeada que fai que  a intriga avance ao mesmo ritmo que corren as abondosas páxinas do volume; con todos os ingredientes e fórmulas propias do xénero negro-detectivesco que son capaces de impresionar o lector.

   O personaxe principal da novela, a heroína, volve ser, Amaia Salazar, unha inspectora aínda moza da Policía Foral; asisada e sagaz, mais cun pasado túrbido e axitado. Desde as primeiras liñas do libro, sabemos que acaba de ser nai, e nesa situación debe enfrontar unha nova e estraña cadea de horrores: homes, aparentemente sen nada en común, que asasinan as súas parellas sentimentais  ou a mulleres por eles cobizadas, que se suicidan deixando a palabra “Tarttalo” como última nota. A novela, xa que logo, mergúllanos de cheo na mitoloxía vasco navarra. Se o “basajaun” , protector das fragas e dos seus habitantes, centraba o proceso de investigación do primeiro volume, o “Tarttalo”, unha sorte de agreste e violento ciclope, será o obxectivo da inspectora nesta nova entrega.

   A trama da novela, sen spoilerizar o argumento, resúmese nesta breve sinopse: nos derradeiros días do seu embarazo, Amaia Salazar asiste ao xuízo contra Jasón Medina, acusado do crime da filla da súa muller. A inspectora reunira probas inculpatorias contra este personaxe que, imitando a forma de actuar do  “basajaun”, violara e asasinara a Johana, a filla adolescente da súa parella. Mais de socato, o xuíz suspende o xuízo, xa que o inculpado Jasón Medina acaba de se suicidar no cuarto de aseo do xulgado, deixando unha nota para a inspectora. Unha estraña mensaxe na que só aparece a palabra “Tarttalo”. Será o primeiro dunha cadea de suicidios con trazos semellantes. En todos eles aparece a mesma mensaxe, “Tarttalo”. Esa palabra que remite ao personaxe fabuloso do imaxinario popular vasco navarro, agocha unha trama arrepiante na que, xunto coa investigación de profanacións a unha igrexa no valo do Baztán, se somerxe Amaia Salazar levando as pescudas ata un vibrante final.

   A autora mergúllanos con mestría e habelencia nun espazo excepcional: o corazón de País Vasco, nas marxes do río Baztán. Un valo, que polas súas características naturais e as lendas e mitos ancestrais que o ateigan, convértese de novo no escenario acaído para o desenvolvemento da novela. As descricións pormenorizadas e moi reais que a escritora nos fai deste espazo mítico, encaixan perfectamente co trama argumental. É unha das grandes amavías desta novela. De por parte, Dolores Redondo ganduxa con mestría unha historia orixinal, cunha boa presentación e desenvolvemento da intriga e un ritmo narrativo vibrante, de novo con oportunas aceleracións e intres de pausa. Personaxes cribles, aínda que bastante planos e sen que evolucionen como cumpriría  ao longo do relato.

                                           

Dolores Redondo


Non obstante, pódese facer unha lectura baseada na ideoloxía que transmite a novela. E aquí as opinións serán sen dúbida discrepantes. Refírome ao tema da maternidade que ten moito peso nesta novela. A protagonista principal acaba de ser nai, quere ser unha nai perfecta, unha nai de manual; con profundos sentimentos de culpabilidade por non poder estar máis tempo co seu fillo. Lembraba así as carencias que ela tivo na súa infancia. Unha chiscadela ou unha verdadeira luzada á maternidade que será considerada con simpatía por certos lectores que gustan das marabillas e dificultades da condición maternal. Para outros, porén, son sobexas porque non avalan a idea de que a maternidade é a realización máxima da muller.

   Finalmente non sería honesto se paso por alto algúns desleixos na edición, debidos -é a miña estima- a urxencias editoriais. A présa nunca foi boa compañeira e tampouco o é no eido editorial, malia que se queira competir coa edición en castelán. No tocante á tradución, obxecto de comentarios desde que saíu do prelo a edición galega, direi que esta non é unha recensión filolóxica, para a que non me considero competente. Remito, xa que logo, a análise que da mesma ten feito algún outro crítico galego con moita más competencia lingüística.

   Mais nada disto estorba para que Legado nos ósos deba ser considerado un thriller ben pensado, estruturado e escrito. Un best seller de calidade que podemos gorentar na lingua de noso.