Os relatos fantásticos de Ramón Caride

-Flash-Black-13-  de Ramón Caride en JPG reducidoooooooFlash-Black 13
Relatos escuros
Ramón Caride
Edición: David Cortizo Conde
Urco Editora, Santiago de Compostela, 2014, 204 páxinas

A produción contista de Ramón Caride é seguramente a máis numerosa dun autor non últimos vintecinco anos e, na miña estima, deixando á marxe os seus libros de literatura xuvenil e infantil, unha das de maior calidade do sistema literario galego. Sen contar as reedicións, Ramón Caride leva publicado desde o seu debut como narrador no ano 1990, catorce libros de literatura para adultos. Dez deles son recompilacións de relatos. O mesmo escritor, nun apéndice aclaratorio desta escolma de Urco Editora, fai unha demarcación da súa escrita breve a través de dúas grandes vías: a narrativa realista de serie negra ou criminal e os relatos nos que sobrancea, sobre todo, a tendencia fantástica que o escritor define deste xeito:”unha forma alternativa da realidade que en determinados casos e circunstancias se manifesta. Non é algo paralelo ao cotián, non algo por riba nin por baixo, senón algo tanxente ou interconectado co real” (páxina 196-97). Unha demarcación bastante afastada do que comunmente se entende hoxe por fantástico: relatos nos que participan fenómenos sobrenaturais e extraordinarios como a maxia ou a intervención de criaturas inexistentes.
Porén, a precisión de Ramón Caride acércase moito á definición do gran teórico da literatura fantástica Tzvetan Todorov: o amplo espazo do maravilloso no que se descarta o funcionamento racional do mundo e o estraño ou “fantástico explicado” no que os elementos perturbadores se atopan reducidos a meros eventos infrecuentes mais explicables.
Xa que logo, o lector pode ter a seguridade de que nesta escolma de relatos, cociñados polo autor coa fantasía e fóra de receitarios, non vai atopar maxia nin fantasía heroica, tan frecuentes arestora na chamada narrativa fantástica que ocupa moitos dos bestsellers da literatura actual.
Ás avesas, o que encontrará é a realidade, a dura realidade cotiá, que se reitera monotonamente cada día, alterada soamente polos pesadelos dos soños, alleos a toda lóxica e nos que se coan arrepíos, insectos repulsivos e finalmente unha néboa vermella (“As formas gastadas dos soños”). Ou as contradicións ciencia experimental versus crenzas irracionais nun relato de natureza científica ou paracientífica, a través dunha historia delirante, demasiado fantástica: un microchip enxertado nos suxeitos humanos aos que fai crer en Deus (“O reinado dos ceos”). Tamén un paxaro negro que cae fulminado por un alustre, soños, pesadelos, antigos crimes e certas doses de metaliteratura (“Interiores”). A última fotografía do terror e da barbarie absolutos, que non son virtuais, e que conmocionan a todo o mundo (“Photo-Shock”). Ou unha fuxida do cotián, o nacer do arrepío e a paranoica tensión por culpa dun ascensor que non se detén (“Camiño longo”) . A presenza fatídica da superstición na súa loita contra a razón, cando o protagonista rompe unha desas cadeas anónimas, máis risibles que ameazantes.
Relatos nos que a fantasía se viste de terror como “Emerxencias”: a presenza do anómalo e do descoñecido en forma de ataques crecentes dun ente viscoso con numerosos desaparecidos e un caos absoluto na cidade. Ou como “Discontinuidade”, un relato escrito con pinceladas kafkianas onde o absurdo se converte en algo real e, ao mesmo tempo, nun abraio incomprensible. A irracionalidade fai así mesmo acto de presenza en “Plástico”: a tolemia dun home que se infantiliza e de socato é presa da compra compulsiva de coleccións de indios de plástico cos que xoga de forma absorbente e fatídica. A tráxica confusión entre o mundo real e o virtual por cousa dunha consola simuladora de estimulacións fai pracenteira por uns intres a impotencia dun pobre rapaz coas pernas amputadas (“Virtualidaderealidade”). O terrorista que, mentres espera facer o seu traballo coa amosal e a metralla, lembra con nostalxia os contos que encheron de fantasía a súa adolescencia e xuventude (“Os perigos da nostalxia”). A imaxinación amalgámase coa ciencia no penúltimo relato (“Informe final”): unha ciencia sen conciencia para acabar cos problemas da sobrepoboación, experimenta con éxito no Terceiro Mundo os “xenes da morte”. Mais inexplicablemente pérdese o control deses aceleradores da morte e será toda a

Ramón Caride

Ramón Caride

humanidade -tamén os habitantes do Primeiro Mundo- a que corre perigo de extinción. Un relato, pois logo, que evidencia desde a ficción que o home non é quen de controlar as súas criaturas tecno-científicas. Finalmente no relato que pon cabo a escolma, o lector atopa un verdadeiro cadoiro de fantasía, non exenta de simbolismo: o Camiño que o protagonista -un xamán- anda nun soño atravesa para sempre a terra do seu pobo cara á Cidade amurallada, con portas de prata, para logo proseguir cara ao ocaso.
Textos cunha ampla variedade temática, que conforman unha selecta escolma de ficción imaxinativa. Historias atestadas de gordura, de contido, tamén dun certo ton fatalista. As máis delas, é verdade, conteñen no seu desenvolvemento formas alternativas da realidade. Algunhas que funden fantasía con avances tecno-científicos, magóannos con verdadeiros interrogantes éticos. En todas elas o autor preme o ritmo narrativo en moi poucas páxinas e consegue eses remates inesperados, paradoxais que tensan e avivan a atención lectora.