Púxolle letra á crise

Rafael Chirbes

Rafael Chirbes

Penso, sen ningunha dúbida, que Rafael Chirbes, o escritor valenciano que finou o pasado 15 deste mes, é un dos mellores novelistas españois do pasado século e do que levamos andado do actual. Algunhas das súas novelas (Los disparos del cazador, La larga marcha, La caída de Madrid, Crematorio ou a máis recente En la orilla) son pezas narrativas que marcan cumes e definen fronteiras. Rafael Chirbes renegou da literatura en abstracto e, por iso mesmo, sutura as súas tramas ao tempo da historia e ao dos acontecementos narrados. Debedor da concepción balzaquiana da novela, avala na máxima de que a mesma debe relatar a vida privada das nacións. Endalí que se considere a Chirbes un narrador galdosiano: crea unha novela imaxinándoa arredor duns personaxes aos que concibe asemade en estreita relación cos feitos do seu momento histórico. Boa proba de todo isto son as súas novelas Crematorio (2007) e En la orilla (2013), Premio Nacional de Narrativa. As dúas novelas reflicten o presente con gran fidelidade, sen escamotear as crises que baten contra a cidadanía dos nosos días (“Eu fago literatura do que vexo”, dixo Chirbes recentemente da súa escrita).
En la orilla pode ser lida como o envés de Crematorio: a dura e lacerante resaca derivada da burbulla inmobiliaria e da lamacenta especulación tematizada en Crematorio. As páxinas do relato amosan diferentes persoas -a narración ten moito de coral-, e nomeadamente unha mesta arañeira de intereses e de xenreiras. Sobre todos eles emerxe a figura de Esteban, un home sen atributos nin sustancia, vítima da actual crise. Mentres coida o seu pai, enfermo en fase terminal, reflexiona e pescuda verbo dos motivos da crise, da sucia voracidade da actual ruína, na que el xoga o papel tanto de verdugo como de vítima.
Chirbes ponlle pois letra ao triste e obsceno camiñar no comezo deste século e no momento actual, rebordante de dexeneración e podremia, desa prea que ateiga o lamazal do fedorento pantano que Chirbes coloca como metáfora do fedor da crise e como pano de fondo onde empeza e remata a historia. Xa que logo, unha novela que testemuña as posibilidades estéticas do realismo con flocos expresionistas.

(Texto publicado no xornal El Correo Gallego de Santiago de Compostela o día 21 de agosto de 2015. Facer clic aquí para ver o orixinal)

“Mimoun” vinte e cinco aniversario

 

Mimoun

Rafael Chirbes

Editorial Anagrama, 2013, 153 páxinas

 

   Dúas novelas emblemáticas da narrativa española contemporánea cumpren este ano o seu vinte e cinco aniversario. As dúas consagraron os seus autores como uns dos máis valiosos narradores da literatura española recente. Ese long seller que segue a ser La lluvia amarilla de Julio Llamazares, símbolo do éxodo rural dos anos 70, e a ópera prima de Rafael Chirbes, Mimoun, peza á que presto atención nestas parcas liñas. Mimoun acaba de ser reeditada con “honores de estrea” como manifesta o seu editor, Jorge Herralde. Mimoun non é a mellor novela de Chirbes, mais si a primeira, a que encenta un camiño balizado  de grandes éxitos literarios, como as súas dúas últimas pezas: Crematorio e En la orilla.

   Xa nesta súa primeira novela, deixa sentir Chirbes os tons da súa voz narrativa: literatura intimista, introspectiva, que narra o que ve e tal coma o ve, con certos flocos expresionistas. Un realismo comparable ao que practicou Francis Bacon, tal como escribe Fernando Valls.

   Mimoun é hoxe un texto mítico, mítico tamén na órbita da narrativa-pesadelo, porque o Marrocos  que o protagonista atopa en Mimoun, o pequeno lugar do Atlas, non é un marco exótico, senón un mundo pechado, hostil, opresivo. Unha localidade poeirenta e moribunda como Comala. Ese ambiente acubilla o principal protagonista, un español que chega a Marrocos co van propósito de rematar un libro. Porén, o que realmente fai durante o ano de estancia na vila marroquí, é establecer unha estraña armazón de vencellos tan desconcertantes como a soidade que rilla nel e nos seus compañeiros de vagabundaxes alcohólicas  e de sexo sórdido, practicado tanto con chaperos como con prostitutas.

  

Rafael Chirbes

Mimoun convértese así nunha rateira para os personaxes que desvarían pola novela, irremediablemente atados ao pequeno lugar do Atlas marroquí, Un lugar que escraviza e vampiriza.

   Xa que logo, novela de perdedores, de seres mergullados no mar de fondo dunha soidade interior, miserenta, desapiadada, que envolve os distintos personaxes nun frenesí do que semella que non hai forma de fuxir.

   Malia ser Mimoun a primeira novela de Chirbes, o lector atopará na mesma un escritor sólido, que estrutura a súa obra con poucos personaxes, que escribe cun estilo preciso, con diálogos concisos. Mais a súa é unha prosa que envolve o lector nunha atmosfera sinistra, caótica, sensual e á vez mortuoria. Todo iso fai que vinte e cinco anos despois da súa primeira edición, Mimoun siga escintilando como unha xoia literaria de desacougante primor e fermosura.

(Texto publicado no xornal El Correo Gallego o día 20 de xuño de 2013. Para ver o orixinal clicar aquí )