Trinta Premios Xerais, a loita polo lector

 

MICRO ENSAIOS LITERARIOS

   Unha vez máis e como cada ano  desde 1984, Edicións Xerais outorgou, o pasado día 8 do mes que andamos, os seus galardóns ás mellores pezas narrativas que a xuízo dos respectivos xurados optaban ao Premio Merlín de Literatura Infantil e ao Premio Xerais de Novela. E tamén unha vez máis abrolla espontánea a reflexión sobre a funcionalidade dos mesmos e, xaora, doutros moitos premios do noso sistema literario.

   A crecente universalización do fenómeno dos premios literarios dentro do sistema literario galego que tivo lugar nos últimos vinte ou trinta anos, premios que resisten malia a crise económica, obríganos a botar man dalgún criterio taxonómico ou variable xerarquizadora. A falta doutras máis académicas e actuais, empregarei os catro criterios que no seu día expuxera o finado Xoán González-Millán: a organización convocante, o tipo de traballo galardoado,  a tradición do certame e finalmente a dotación económica. Resulta evidente que se lle aplicamos estes catro criterios, o Premio Xerais de Novela sitúase no cume da xerarquía galardoística do noso sistema literario, á vez que goza dun gran recoñecemento social e mediático, por mor sobre todo do gran labor difusor das letras galegas que co gallo da súa organización (unha semana cultural cando era itinerante,  a festa da entrega na Illa de San Simón actualmente) realiza a entidade organizadora, Edicións Xerais de Galicia. Pódese afirmar algo semellante verbo do Premio Merlín.

   Coa institución do Premio Xerais de Novela en 1984, unha editorial galega proxectaba un premio literario anual, consciente de que en Galicia xa non se lía en galego por militancia, por esixencias da conciencia nacional, senón que escritores e editores víanse na obriga de loitar polo lector. Xa que logo, os premios literarios en xeral e os Premio Merlín e Xerais en particular atopan aquí a súa funcionalidade. Son como plumas que locen os escritores, cal aves faisaniformes, para lle servir de engado ao lector.

   O Premio Xerais convértese así nunha das principais determinacións sociais que diría P. Bourdieu, dos narradores galegos. O Xerais supuxo a recuperación de narradores maduros ou xa consagrados para o grande público, pero, sobre todo, descubriu novo narradores (Lois Xosé Pereira, Francisco X. Fernández Naval, Xosé Ramón Pena, Xosé Carlos Caneiro, Manuel Seixas, Inma López Silva, Rexina Vega, Iolanda Zúñiga, Manuel Lorenzo e María Lorenzo entre outros e outras). Porén, aínda non destapou a grande novela galega, que pedía Torrente Ballester, porque seguramente non a hai nin a haberá durante moitos anos. Ou poida que xa estea feita e publicada á marxe dos premios.

   Os trinta anos do Xerais amósannos que a convocatoria do Premio non é unha forma ritual de gañar o ceo da galeguidade por parte da entidade convocante. Galeguidade abondo demostrada ao longo trinta e catro anos da súa existencia. Con todo, a funcionalidade do premio, a efectividade dese plus de publicidade que o galardón lle engade a unha novela, segue a ser un  interrogante  ao que eu non ousaría responder de maneira absolutamente afirmativa. O Premio Xerais de Novela aporta, non necesariamente calidade, senón publicidade inmediata a certas obras. Unha publicidade loable e lexitima sen ningún xénero de dúbidas e moitos máis arestora coa crise que está sufrindo o sector. Porén, para que este e outros premios literarios deixen de ser unha servidume necesaria, deberían apostar e promocionar moito máis a calidade que o consumo. Feito que afortunadamente, polo que escoitei o pasado sábado, seguramente acontecerá con novela de Xabier López López, gañadora este ano. Daquela, prometo aplaudir ata que me ardan as mans cada vez que o Xerais e outros premios queden desertos, como aconteceu na convocatoria do ano 1993. Esa sería de verdade a grande forza do Xerais e do sistema de galardóns  da nosa literatura.