Juan Tallón, Premio Lueiro Rey de Novela Curta, 2012

O xornalista e narrador ourensán Juan Tallón (Vilardevós, 1975) obtivo no día de hoxe o Premio Lueiro Rey de Novela Curta,  na súa XIX edición, que convoca e organiza o Concello do Grove coa colaboración da Editorial Sotelo Blanco de Santiago de Composta. A novela de Juan Tallón, Fin de poema, foi galardoada por unanimidade dos membros do xurado, presidido por Manuel Quintáns e formado por Ánxela Gracián, Armando Requeixo, Mario Regueira e quen escribe isto. Actuou como secretaria, con voz pero sen voto a encargada da Casa da Cultura do Grove, Marina Aguí.  Tamén estivo presente o Concelleiro de Novas Tecnoloxías, Documentación e Patrimonio, Alexandre Aguín.  A novela foi elixida entre un total de vinte e cinco orixinais que se presentaron ao certame, baténdose o récord de participación.  Juan Tallón, que xa quedara finalista na convocatoria deste Certame no ano 2010 coa novela A pregunta perfecta (O caso Aira-Bolaño) editada por Sotelo Blanco Edicións, é autor asemade  da obra A autopsia da novela (Duen de Bux, 2007), de relatos premiados no Certame de Narración Breve Modesto R. Figueiredo e de varias novelas aínda inéditas. Malia a súa xuventude, é unha realidade xa consolidada da narrativa galega, nomeadamente porque a súa escrita sutúrase cos movementos estéticos máis vangardistas, para alén dos discursos narrativos compactos, pechados e canónicos tradicionais.

No caso da  novela hoxe galardoada, Fin de poema súmase ás tendencias da narrativa contemporánea de converter a literatos, e en xeral a artistas e intelectuais, en personaxes de ficcion. Sobre todo nesta última década hai unha grande floración de novelas onde o protagonista é un escritor ou un personaxe con intereses intelectuais. Escritores como Philip Roth, Paul Auster, J. M. Coetzee, Saul Bellow, Elena Poniatowska, Alan Hollinghurst, Col Toibin, David Lodge, Julian Barnes, Jacques-Pierre Amete, entre outros moitos, seguen nalgunha das súas novelas esta liña: novelistas que novelan a novelistas, artistas ou intelectuais. Unha tendencia representada igualmente na narrativa galega dos últimos anos, entre outras, por obras como El señor Lugrís e a negra sombra de Luís Rey Nuñez.

A trama novelesca de Fin de poema é unha ollada moi perspicaz, sempre ficcional, sobre fragmentos da vida de catro grandes poetas do século XX: Cesare Pavese, Alejandra Pizarnik, Gabriel Ferrater e Anne Sexton, no seu camiñar cara á destrución persoal e ao suicidio. A trama recrea anacos da vida persoal literaria, editorial dos mesmos, as angueiras, medos, os seus infernos (cancro, alcohol, psicose e paranoias), as súas experiencias vitais, as súas torturas, as súas tendencias suicidas, o seu camiño pola cerna da angustia ata chegar finalmente ao suicidio. Fin de poema está á altura da riqueza interna dos personaxes amentados, todos eles poetas cultos que sementaron unha enorme influencia entre os seus contemporáneos e nas xeracións posteriores. Fragmentos de existencias, xa que logo, deambulando entre a vida e a morte, ata chegar ao límite, ao muro onde todo comeza a fender. O texto busca narrar esa “fenda” que se produce nos suicidas, o que ten algo de reto existencial, porque ninguén sabe qué pasa nos instantes finais pola cabeza das persoas que van poñer fin a súa vida. Mais, por outra parte, o libro é unha declaración de amor á poesía, tanto por parte do autor como dos personaxes que, aínda nos intres finais, tratan de afondar nas consecuencias que motivaron, nalgún dos casos, o seu silencio poético.

A novela de Juán Tallón non é unha novela lineal senón fragmemtaria, mais cómpre dicir que na mesma existe un fío condutor ou un centro oculto que sutura estes fragmentos: a experiencia vital  enteiramente humana destes personaxes que lle confire unidade ao texto e que impide que se espallen dun xeito caótico. De forma, que ao final os diversos fargmentos son como teselas dun grande friso da desesperación  e da morte como única saída posible. Estrutura sen dúbida moi estudada, dividida en cinco  secuencias por autor e disposta de tal xeito que a intensidade se reparte ao longo de todo o texto. Unha proposta narrativa que favorece a vertixe do texto que acada puntos de intensidade  de forma regular. Non hai caídas da tensión narrativa e iso débese en parte ao modo no que se estrutura o relato.

Un texto no que hai metaliteratura: por exemplo o relato do proceso de creción poética de Alejandra Pizarnick. E trae asemade a conto a presenza doutros moitos escritores do século XX. Mais a novela non está afogada en textos poéticos, aínda que os hai, pero son sempre moi oportunos. É salientable así mesmo o emprego que se fai na novela, de técnicas minimalistas, sobre todo  da elisión ao xeito de Carver. A novela soamente relata dunha forma explícita, no peche da mesma, o suicidio do poeta, lingüista, matemático e editor catalán Gabriel Ferrater. O desenlace con relación ao resto dos protagonistas (Alejandra Pizarnik, Cesare Pavese e Anne Sexton) prodúcese ao longo da novela.

As diferentes capas de lectura que posúe o libro, permite incluso facer unha ollada da mesma en clave de Galicia. Coa presenza de personaxes reais ou ficcionais, presenza importante para algúns dos protagonistas nos seus intres decisivos, advírtese un intento do autor de ganduxar a novela ao noso país.

O xurado valorou por unanimidade o gran valor literario desta aposta narrativa que sairá á luz no vindeiro mes de xaneiro, editada por Sotelo Blanco Edicións,  e que supera de xeito incuestionable o intranscendente o sentimental, o comercial e as puras lambetadas narrativas.

Premio Lueiro Rey de Novela Curta, 2012

Despois da volta á normalidade tanto na  convocatoria como na  resolución e adxudicación do Premio Manuel Lueiro Rey de Novela Curta, grazas en boa medida ao bo e dilixente facer da técnica de cultura do Concello, Marina Aguín Núñez co apoio institucional da coorporación, acaba de ser convocada polo Concello do Grove a edición deste ano 2012 do devandito Premio, o máis veterano e un dos máis prestixiosos dentro da súa categoría.

A convocatoria de Premio ten como finalidade honrar a memoria de Manuel Lueiro Rey, axudando asemade á promoción da literatura galega e dos seus autores. Colabora co Concello do Grove Sotelo Blanco Edicións que se reserva o dereito de publicación da obra ou obras premiadas.

As bases da convocatoria deste ano, na que o Premio Lueiro Rey acada a XIX edición, pódense ver pinchando aquí.

Ao longo destes anos teñen sido premiados moitos autores e autoras, tanto noveis como consagrados da literatura de noso. A título informativo, ofrezo esta relación de autores e obras galardoadas:

 

RELACIÓN DE PREMIADOS NO CERTAME LITERARIO DE

NOVELA CURTA MANUEL LUEIRO REY

 

1º (1992): MANOEL RIVEIRO LOUREIRO: O Encerro

2º (1993): MARIANO J. M. CABRERO FIGUEIRO : Historia de Zeltia

3º (1994): XOAN XOSÉ PIÑEIRO COCHÓN : Reciclador

4º (1996): ROSA ANEIROS DÍAZ: Xogo de espellos

5º (1997): FRANCISCO CASTRO VELOSO: Play Back

6º (1998): INMACULADA LÓPEZ SILVA: Canción de amor india

7º (1999): JOSÉ LUIS ÁLVAREZ PÉREZ: De maxia e de obras

8º (2000): MANUEL ANXO DARRIBA BLANCO: Velada do Billarista

9º (2001): SANTIAGO JAUREGUIZAR ORTIZ DE ZARATE: Breve crónica universal da clase obreira

10º (2002): XABIER LÓPEZ LÓPEZ: O mono no espello.

11º (2003): Mª DO PILAR BUELA PIEDRA: Ácaros Verdes

12º (2004): TERESA MOURE PEREIRO: A xeira das árbores

Finalista: PAULINO MARTÍNEZ PEREIRO: Sinfonía Cíclica

13º (2005): MANOEL RIVEIRO LOUREIRO: Xullo-Agosto

Finalista: XURXOí SIERRA VELOSO: Licor de abelá con xeo

14º (2006): MARIÑA PÉREZ REY: Canícula

Finalista: XAVIER FRANCO ALONSO: Aínda

15º (2007) RAMÓN CARIDE OGANDO: O Frío Azul

16º (2008) AN ALFAYA: Area Quente

17º (2010) CHELO SÚAREZ MUIÑOS: As horas rotas

Finalista: JUAN TALLÓN: A pregunta perfecta (O Caso Aira-Bolaño)

18º (2011) MARIO REGUEIRA: Outono aquí

 

Mario Regueira, Premio Lueiro Rey de Novela Curta 2011

Mario Regueira (Foto: Galicia Hoxe)

Por unanimidade dos membros do xurado, o escritor ferrolán Mario Regueira gañou a XVIII convocatoria do Premio Manuel Lueiro Rey, que organiza o Concello do Grove, na convocatoria deste ano. A obra gañadora, presentada co título Outono aquí, é unha novela sobre as responsabilidades do pasado no presente dunha familia, na que tivo lugar unha traxedia que segue estando viva malia o paso do tempo. Unha trama orixinal e ben estruturada, unha grande virtualidade narrativa, un idioma vizoso, un estilo forte e brillante, un final aberto e un exquisito e practicamente novidoso tratamento de formas de sexualidade diferentes da heterosexualidade foron algunhas das virtudes que os membros do xurado apreciaron en Outono aquí.

Mario Regueira, ao que no seu día incluín na que denominei “Xeración 2000”, une así o seu nome ao Premio Lueiro Rey, referente indiscutible de novela curta nas letras galegas.Un premio que, malia as dificultades, organiza o Concello do Grove, este ano outra vez coa eficacia e bo facer doutrora. Un premio que, ao longo dos anos, descubriu a autores noveis e galardoou a outros xa consagrados, así como a textos narrativos de temáticas moi diferentes.

Mario Regueira é autor de distintos proxectos de creación na rede e membro do proxecto editorial alternativo Estaleiro Editora. Como narrador publicou en Xerais o volume de relatos Rebelión no inverno (2004) e a novela L’aficche rouge (2007). No eido da poesía é autor, entre outras pezas, de Blues da Crecente e  de Tanxerina (Espiral Maior, 2006), Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé.

Reproduzo algúns fragmentos dos comentarios que, verbo dos dous libros de narrativa, publiquei nos anos 2004  e 2007.

………………..

 

“(…) Un libro de rebelións no sentido máis amplo do termo, de personaxes subversivos que intentan cambiar o mundo no que vivimos para facelo cadrar cos seus soños. E tamén un libro existencialista, de desacougos producidos, como tal, por un cuarto que se torna estraño desde que no mesmo se introduce un móbel que fai que os seus moradores anden pola casa como vagabundos(…)

(…) Inquietante debut literario de Mario Regueira que, con pinceladas curtas, sen preciosismos estilísticos, se converte en pesadelo de inverno que fai aterecer vidas”.

( Recensión de Rebelión no inverno: Suplemento Correo das Culturas do xornal El Correo Gallego, 18 de abril de 2004).

………………..

“(…) Mario Regueira agasállanos, non cunha historia lineal de doada lectura, senón cunha manchea de encontros, conversas entre xente moza arredor da súa propia identidade. Mozos e mozas que tentan identificarse levando trenzas ou unha camiseta cunha enorme folla de maría, co que queren deixar patente as distancias entre eles e as súas familias(…)

“(…) Velaquí pois unhas mínimas pautas para achegarnos a esta segunda peza narrativa de Mario Regueira na que o medo, o terrexío, os seres solitarios e subversivos son substituídos por rapaces e rapazas que andan á procura da súa identidade”.

( Recensión  de L’aficche rouge: Suplemento Faro da Cultura do xornal Faro de Vigo, 18 de outubro de 2007)

Os premios Lueiro Rey 2010, edita Sotelo Blanco

    Son, sen dúbida algunha, tempos de crise e penuria no sector editorial galego, que afecta sobre todo aos pequenos e medianos selos editoriais. Abraia ollar os catálogos de certas empresas editoras, outrora florecentes e con abondosas e inconcibibles colleitas, tamén no eido da narrativa, e decatármonos de que as novidades que ofrecen agora son insignificantes, de moitos meses atrás, mesmo de anos nalgúns casos. Por iso saúdo, con non disimulado contentamento, estas dúas novidades que, na súa colección “Medusa” de narrativa acaban de saír dos prelos de Sotelo Blanco Edicións e que os lectores poderán gorentar na primeira semana de xaneiro. Refírome ás dúas pezas de narrativa  breve, gañadora e finalista do Premio Lueiro Rey 2010: As horas rotas de Chelo Suárez Muíños  e A pregunta perfecta ( O caso Aira – Bolaño ) de Juan Tallón. Achégome nunha primeira aproximación a ambas as dúas.

   As  horas rotas de Chelo Suárez Muiños. A poeta e narradora coruñesa bríndanos este pequeno universo ficcional verbo daqueles días sen alba en varias xeracións de mulleres que aturan as consecuencias arrepiantes da Guerra: represalias, paseos, vinganzas, violacións, medos certos e incertos, “ a obtusa barbarie que varre arestora o país”. Na outra banda, os traidores que se rebelaron contra a República, os fascistas que lle teñen querencia ás sombras. Agochados no corazón do bosque, dous rapaces que viven unha tenra historia de amor, no reino dos soños, testemuñas impotentes da barbarie  e os seus pesadelos que sofren os vencidos, convertidos polo feito de seren detidos en carne de reo. E vítimas eles mesmos do odio vingativo dos traidores. Como bálsamo de tanto sufrimento e traxedia, a voz da fraga que propicia os soños dos cativos. Relato inxel, onde  a maxia da natureza impugna as atrocidades dos humanos. Con varios cambios na voz narradora, que non se converten en barreira para que mesmo os lectores xuvenís – e sobre todo eles –  poidan degustar esta novela. O desenvolvemento lírico – sentimental converte As horas rotas nunha achega distinta dos grandes referentes narrativos que sobre a nosa memoria histórica teñen aparecido nos últimos anos.

A pregunta perfecta ( O caso Aira – Bolaño ) de Juan Tallón. O señorío inapelable dos votos quixo que esta novela de Juan Tallón fora declarada finalista do Premio Lueiro Rey. Outra cousa, talvez, é o que poidan opinar os lectores, sempre ou case sempre, intelixentes e espelidos. O autor é quizais o único escritor galego que afonda na metaliteratura  e que realmente encana o relato polos vieiros por onde camiña a narrativa máis vangardista e interesante de hoxe en día, o relato post – moderno. E  a súa novela, se os asuntos das letras no noso país funcionasen como cumpriría, debería de estar chamada a fixar un antes e un despois na narrativa galega. No sámago do relato, a historia dos encontros non producidos entre os escritores César Aira e Roberto Bolaño. Será posible enfiar unha novela verbo de tal trama, arredor dos vínculos secretos entre estes dous escritores, referentes da narrativa máis novidosa en español? Juan Tallón faino con grande acuidade. E nese enigma das citas non realizadas desenvólvese a historia, unha interesantísima novela transxenérica, enriquecida pola intertextualidade – mais as referencias a e de numerosos autores non son enfeites, senón materiais cos que dialoga o autor -, unha incitante  novela, digo, sobre a literatura e o seu sentido. Tamén sobre a vida coa literatura como pano de fondo. Novela que abre os lindes da narrativa galega, superando o étnico e os camiños trillados no tratamento dos discursos narrativos. Cumprirá volver noutro momento demorándonos con máis amplitude sobre este galano de Juan Tallón.