“Viva” de Patrick Deville

Patrick Deville

Patrick Deville

Con Viva o escritor francés Patrick Deville está a piques de completar a súa saga de historias que perseguen o obxectivo  de percorrer o mundo, acompañando a heroes ou a antiheroes, brillantes ou fracasados, pero que se atopan na orixe  dun avance científico, dunha exploración, conquista ou dun acontecemento de incalculables repercusións no devir da Historia. Novelas de non ficción, alicerzadas nun inxente traballo de investigación que se transforma en literatura cando o escritor detén a documentación e inventa unha forma. Viva que vén de ser editada por Anagrama, é, xaora, unha novela de aventuras de verdade, abundantemente documentada, profundamente épica, eficazmente ficcional. Con dous protagonistas, dúas vidas paralelas, Malcom Lowry e León Trotsky, na axitada fervura cultural e política dos anos 30 do pasado século en México, teatro de encontros e desencontros.

Nese México en ebulición, eles, Trotski e Lowry, serán os esteos dorsais dunha historia río que Patrick Deville confesa ter escrito contra a amnesia xeral e tamén contra a propia. Nas páxinas de Viva, xunto ao proscrito Trotsky, o defensor da Revolución permanente, e a Lowry, un “obreiro literario” afundido no alcohol e na embriaguez mezcalera, aparecen outros moitos personaxes coñecidos que chegan a México sen saber moi ben a que veñen. Entre eles, os enviados de Stalín, unha nai e un fillo, Caridad Mercader e Ramón Mercader que chega cun pasaporte falso e un piolet para matar a Trotski.

Tras ter recorrido o mundo, cada un polo seu lado, o escritor e revolucionario ruso e o escritor inglés están en México, mais sen atoparse nunca. E despois de incontables amores, infidelidades, traizóns, fracasos, idealismo, intentos por participar na Historia con moitas mans tinguidas de sangue, imprescindibles para que aquela avance. Novela fragmentaria, con rachaduras temporais, con amalgama de historia, biografía, ficción e reportaxe, que o autor relata con oficio. Á vez que describe, con precisión e fantasía, os anos 30 da tumultuosa ferventía mexicana, a indíxena fermosura convulsa dun país que ao mesmo tempo atrapa e espanta. E unha morea de feitos paralelos que integra e funde nunha estrutura superior cuxo resultado é unha excelente novela.

(Texto publicado no xornal El Correo Gallego o 25 de abril de 2016. Para ver o orixinal premer aquí)

Ecuatoria

EcuatoriaPierre Savorgan de Brazza
Patrick Deville
Tradución de José Manuel Fajardo
Editorial Anagrama, Barcelona, 2015, 322 páginas.

Ecuatoria é o último libro traducido ao castelán de Patrick Deville e editado por Anagrama. A novela, ficción sen ficción, é un escintilante relato de aventuras de verdade que se encadea no ronsel desa saga de construcións novelescas de P. Deville, cuxo furco temporal é o último século e medio. Un libro coral e unitario protagonizado por personalidades titánicas polo seu heroísmo ou pola súa ruindade, nacidos fóra de África uns, oriúndos outros dunha terra condenada por un destinos tráxico. Configúrase a novela como un relato da vida de Pierre Savorgnan de Brazza (1852-1905). Non entanto, amalgamadas nese relato atopamos as doutros moitos personaxes relacionados con África, e case que sempre antitéticos entre si: A. Schweitzer, J. Conrad, J. Verne, H. Stanley, Agostinho Neto, Jonas Savimbi, Pepetela, o negreiro Tippu Tip ou Che Guevara. Vidas esnaquizadas pola tentación do heroísmo, traidores ou indecisos como reza a dedicatoria do libro.
Ecuatoria desencártase como un inabarcable océano de historias, un friso apaixonante de fazañas e acontecementos relevantes relacionados entre si e nos que o marco escénico é a África acoutada polas illas de São Tomé e Zanzíbar, atravesando unha gran parte inexplorada de Gabón, Angola, o Congo e Tanganika. Como núcleo central, a reconstrución da

Mausoleode Brazza en Brazzaville

Mausoleode Brazza en Brazzaville

vida de Brazza, rescatado dos esquecementos da Historia. Brazza explorador e cartógrafo, fundador de Brazzaville, que liberou escravos e freou numerosos atropelos, pero que, grazas as súas actividades como pioneiro, abriu as cancelas para a colonización de África polas potencias europeas. Dá no albo P. Deville coa estrutura paralela. O autor vai relatando os seus propios periplos polas mesmas derrotas dos seus heroes ou viláns. Efectúa, como tal, a mesma viaxe que fixera Brazza polo río Ogooué ou vai a Kigoma para recuperar as pegadas dos homes que o Che deixou tras de si coa misión de atopar os combatentes cubanos extraviados durante a desfeita e fuga do Congo en 1965.
Ficción e non ficción, fornecidas nun estilo de prosa claro e conciso, dotado porén de gran brío épico, na que certas luzadas líricas entran con forza na armazón da prosa e trasladan o lector tralas pegadas daqueles seres lendarios que desvelaron o corazón das tebras.

(Texto publicado o día 26 de xuño de 2015 no xornal El Correo Gallego de Santiago de Compostela. Para ver o orixinal facer clic aquí)