“Outono aquí” de Mario Regueira, premio Lueiro Rey de novela curta 2011.

Onte, 28 de xaneiro, na Casa do Concello do Grove, nun acto que recobrou a solemnidade, o agarimo e a xusta loanza da nosa lingua e da figura de Manuel Lueiro Rey de anteriores convocatorias, fíxoselle entrega a Mario Regueira do Premio acadado na edición deste ano. Así mesmo no acto tivo lugar a primeira presentación en sociedade da obra galardoada, Outono aquí, unha novela con moitas amavías literarias e ganduxada con plurais fíos diexéticos, entre eles unha intelixente recordación das responsabilidades do pasado, como xa sinalei no seu día.

Ocasións haberá para comentar máis polo miúdo a novela de Mario Regueira. Arestora reproduzo a presentación editorial, mais sen esquecer aqueles versos de Manuel Lueiro Rey, solidarios cos esquecidos deste mundo, cos loitadores e nos que a espada e a canción brillan por igual:

“Todos xuntos compañeiros.

Nunca é tarde, sempre é cedo.

Labregos e mariñeiros

Temos que mata-lo Meco”

“Cando a literatura se reviste coa pel da música, xorde Outono aquí, novela que, dende un íntimo dialogo entre sociedade, identidade e individuo, asume a escrita da modernidade, por esa fuxida de todo intento de solideza, como se todo, voces e silencios, acabasen por se esluír no ar da desmemoria do que fomos, seres nados en aldeas feridas pola coitelada sangrante de autovías mal trazadas, que obrigan aos seus habitantes a asumiren todas as formas imaxinables de deshumanización nos barrios obreiros das cidades emerxentes.

Mario Regueira

Guillerme vese obrigado a viaxar a Gante, unha anónima cidade europea, un lugar con prazas, estatuas, castelos turísticos e barrios obreiros, tan igual e tan diferente coma calquera outro, para recuperar unha herdanza que lle pertence de seu e escoitar tamén as palabras de perdón de Xoán, o seu exitoso irmán músico, mais nesa viaxe non só atopará a verdade dos feitos, senón tamén unha man cálida e amable que o axuda a saír da espiral da vertixe e, sobre todo,  a cicatrizar tantas feridas abertas”

 (Mario Regueira, Outono aquí, presentación editorial)

Mario Regueira, Premio Lueiro Rey de Novela Curta 2011

Mario Regueira (Foto: Galicia Hoxe)

Por unanimidade dos membros do xurado, o escritor ferrolán Mario Regueira gañou a XVIII convocatoria do Premio Manuel Lueiro Rey, que organiza o Concello do Grove, na convocatoria deste ano. A obra gañadora, presentada co título Outono aquí, é unha novela sobre as responsabilidades do pasado no presente dunha familia, na que tivo lugar unha traxedia que segue estando viva malia o paso do tempo. Unha trama orixinal e ben estruturada, unha grande virtualidade narrativa, un idioma vizoso, un estilo forte e brillante, un final aberto e un exquisito e practicamente novidoso tratamento de formas de sexualidade diferentes da heterosexualidade foron algunhas das virtudes que os membros do xurado apreciaron en Outono aquí.

Mario Regueira, ao que no seu día incluín na que denominei “Xeración 2000”, une así o seu nome ao Premio Lueiro Rey, referente indiscutible de novela curta nas letras galegas.Un premio que, malia as dificultades, organiza o Concello do Grove, este ano outra vez coa eficacia e bo facer doutrora. Un premio que, ao longo dos anos, descubriu a autores noveis e galardoou a outros xa consagrados, así como a textos narrativos de temáticas moi diferentes.

Mario Regueira é autor de distintos proxectos de creación na rede e membro do proxecto editorial alternativo Estaleiro Editora. Como narrador publicou en Xerais o volume de relatos Rebelión no inverno (2004) e a novela L’aficche rouge (2007). No eido da poesía é autor, entre outras pezas, de Blues da Crecente e  de Tanxerina (Espiral Maior, 2006), Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé.

Reproduzo algúns fragmentos dos comentarios que, verbo dos dous libros de narrativa, publiquei nos anos 2004  e 2007.

………………..

 

“(…) Un libro de rebelións no sentido máis amplo do termo, de personaxes subversivos que intentan cambiar o mundo no que vivimos para facelo cadrar cos seus soños. E tamén un libro existencialista, de desacougos producidos, como tal, por un cuarto que se torna estraño desde que no mesmo se introduce un móbel que fai que os seus moradores anden pola casa como vagabundos(…)

(…) Inquietante debut literario de Mario Regueira que, con pinceladas curtas, sen preciosismos estilísticos, se converte en pesadelo de inverno que fai aterecer vidas”.

( Recensión de Rebelión no inverno: Suplemento Correo das Culturas do xornal El Correo Gallego, 18 de abril de 2004).

………………..

“(…) Mario Regueira agasállanos, non cunha historia lineal de doada lectura, senón cunha manchea de encontros, conversas entre xente moza arredor da súa propia identidade. Mozos e mozas que tentan identificarse levando trenzas ou unha camiseta cunha enorme folla de maría, co que queren deixar patente as distancias entre eles e as súas familias(…)

“(…) Velaquí pois unhas mínimas pautas para achegarnos a esta segunda peza narrativa de Mario Regueira na que o medo, o terrexío, os seres solitarios e subversivos son substituídos por rapaces e rapazas que andan á procura da súa identidade”.

( Recensión  de L’aficche rouge: Suplemento Faro da Cultura do xornal Faro de Vigo, 18 de outubro de 2007)