Desde a alma melancólica

O castelo brancoO Castelo branco

Orhan Pamuk

Tradución de Bartuğ Aykan e Eva Almazán

Editorial Galaxia, Vigo, 226 páxinas

(Libros de fondo)

No ano 2007, Editorial Galaxia, proseguindo coa súa política editorial tendente a normalizar as relacións entre os campos literarios galegos e os das restantes literaturas do mundo, puxo  nas mans dos lectores a tradución de O castelo branco do turco Orhan Pamuk. Non se trata, no presente caso dunha novidade editorial, senón dun texto do ano 1985, un clásico da literatura turca que, desde hai máis de dez anos, temos a posibilidade de gorentar na lingua de noso nunha versión directa do turco, quizais por cousa dese plus promocional que supuxo a concesión de Premio Novel no ano 2006 a seu autor.

O castelo branco  é a terceira novela de Pamuk e significou para o escritor o comezo do éxito mundial que remataría co outorgamento do Novel de Literatura. En O castelo branco atopamos ante todo a un escritor que esculca as pegadas, encontros e desencontros, de Oriente e Occidente e viceversa. A trama argumental da novela achéganos á historia de dous homes: un veneciano e un turco, cuxas vidas se entrecruzan. O primeiro, un  científico italiano, é capturado polos piratas do Mediterráneo. Levado a Turquía, pasará uns anos baixo o poder do sultán que finalmente o regalará como escravo a un sabio turco que, cobizoso de coñecer os avances de Occidente, pronto ficará seducido polos coñecementos da súa nova adquisición.

O escravo italiano, nunca citado polo seu nome, representa a modernidade occidental. O seu amo móvese máis pola fe que pola lóxica. Case sen se decataren, ambos viven xuntos en Istambul vinte e cinco anos. Sentan cada día arredor dunha mesa, como quería o italiano e non no chan como suxería o turco, a compartir coñecementos. Este diálogo intercultural dá bos resultados: fabrican espectaculares fogos artificiais, controlan a peste bubónica e interpretan os soños do sultán que os nomea asesores seus.

Mais este delongada convivencia tamén carrexa as súas trampas: chega un intre no que comezan a confundir as súas identidades. Ao final do libro, cada un toma o rumbo do outro e nin sequera se sabe cal dos dous conta a historia en primeira persoa. É esta, na miña estima, a verdadeira idea-eixo que latexa na novela: a historia de dous homes que trocan o seu lugar na vida. Por riba dun relato de aventuras, coloreado con tons exóticos, paira o motivo central do dobre, do sosias, do intercambio de roles, tema moi reiterado no panorama da literatura universal. Un xogo de identidades que é intencional.

Pamuk deixa claro no seu texto o fácil que resulta influenciar a o outro, malia tratarse de dúas persoas provenientes de mundos tan distintos. Pero se iso lle acontece aos seres humanos, coas culturas pasa algo parecido, especialmente coa turca que terma do espírito de Europa e á vez síntese culpable polo mesmo. Unha tensión que lembra a de dous irmáns competitivos e que Pamuk experimentou na súa infancia e adolescencia. Xunto a esta idea central, flúe polas páxinas da novela un mangado de posicións ideolóxicas, explícitas ou agachadas. Entre elas cómpre salientar o respecto polas diferenzas, pero sen esquecer a identificación do autor coa liberdade e a tolerancia. Na novela prodúcese unha manifesta superación da paixón polas identidades nacionais exclusivas, que son o maior atranco contra a paz.

 

Orhan Pamuk

Orhan Pamuk

Pamuk bota man da estrutura narrativa propia da novela occidental, pero non perde os trazos tradicionais da escrita oriental. O ambiente máxico, ateigado de lendas co que está ganduxada a obra, acércanos a esa “alma melancólica da súa cidade natal” da que falou no seu día a Academia sueca. Todo isto complétase cunha prosa eficaz, moi natural, sen lirismos innecesarios, capaz de acompañar a evolucións psicolóxica de dous personaxes que se desenvolven chegando a adoptar cada un a perspectiva do outro, vendo a través da súa mirada.

“O libro negro”, a arañeira literaria de Orhan Pamuk

O libro negro

Orhan Pamuk

Tradución de María Alonso Seisdedos e Bartug Aykam

Editiorial Galaxia, Vigo, 211, 577 páxinas.

 

Cando no ano 2006 o escritor turco Orhan Pamuk foi galardoado co Premio Nobel de Literatura, a Academia Sueca baseou a concesión do galardón en dous motivos: Pamuk atopara novos símbolos para reflectir o choque e os vencellos entre as culturas, e ademais soubera amosar a alma melancólica da súa cidade natal, Istambul. Pamuk en efecto está considerado como o grande esculcador das pegadas de Oriente en Occidente e viceversa, a ponte, desde o eido da literatura, entre dúas culturas.

Todo isto e a calidade literaria intrínseca do seu corpus narrativo motivan que as obras de Pamuk vexan a luz en galego, editadas na colección “Biblioteca Compostela” de Galaxia. A última, polo de agora, é O libro negro, unha novela do ano 1990, aínda que a edición galega semella vertida dunha reedición do ano 1994.

O libro negro, outra novela do escritor ambientada en Istambul, fixo medrar a popularidade de Orhan Pamuk en todo o mundo e converteuno nun escritor á vez experimental e popular, capaz de escribir sobre o presente e o pasado coa mesma intensidade. O libro negro é un texto que agocha tal riqueza e cobiza literarias que iso mesmo o converte nunha novela complexa. O pretexto argumental é extremadamente convencional: a busca da esposa desaparecida. Non falta, xa que logo, quen a teña rexistrado como novela negra. Con efecto, Orhan Pamuk, parodiando unha intriga policial, envólvenos nun xogo de espellismos  no que os personaxes desdobran a súa personalidade para volvérense ir, arrolados por un mundo de fábulas e de microhistorias, abeiradas entre a realidade e os mundos imaxinarios. A silueta do absurdo e do contrasentido circula pola novela, pero esconde razóns ocultas.

Nunha excesiva redución argumental podería afirmarse que a temática desta novela é a cuestión transcendental da identidade: dous homes seméllanse tanto que acaban intercambiándose entre si. Porén, a rica complexidade do texto de Pamuk vai moito máis alá desta procura dunha imposible identidade, procura iluminada pola introdución  de referencias históricas ao misticismo sufí. O libro negro é unha arañeira literaria, unha armazón de historias e de verdades que nos constrúen  como habitantes dunha cidade tan colorista, heteroxénea e labiríntica como Istambul. Unha incursión nun universo cabalístico, nun mundo de misticismo e de maxia, no que todo fica relacionado e cuxo agochado significado é preciso desentrañar.

Orhan Pamuk

Unha novela, pois, con millóns de fiestras, como quería Henry James ou na que se opta polas infinitas historias infinitamente ramificadas, como prognosticara Borges. Atopa así o lector esa arañeira literaria construída de pretérito e de presente, cos tixolos do pasado da nación turca, cos soños incumpridos, cos pesadelos, pero tamén con algo máis tanxible: as rúas, os edificios, os barrios, as tendas, as fiestras iluminadas, as noites da cidade dese Istambul intensamente evocado. Endalí que O libro negro sexa tamén outra novela de Istambul.

Texto, xa que logo, construído cun claro propósito metaficcional, con estrutura arborescente, copiosa itertextualidade coa literatura e a cultura islámicas e no que Pamuk emprega o recurso do artigo xornalístico para se dotar dunha dobre voz narrativa: unha que fala con sensibilidade oriental e outra coa occidental -como as que acubilla a cidade que o viu nacer-, que rachan coa linealidade dun texto polo que circulan personaxes que, sen chegar a ser planos, teñen pouca entidade. Están na novela porque alguén ten que lle dar pulo a acción, pero semellan atenazados, espetados como efixies na peaña. E unha arquitectura narrativa que amalgama diversos xéneros e artella unha manchea de elementos que van desde a intriga amorosa ata o tema do dobre, que enriquecen un texto no que unha polifonía de voces antagónicas fan posible que podamos explicar a realidade e os feitos desde distintas perspectivas.