Literatura necesaria. A barbarie en letra miúda

Os tres de nunca

Nacho Taibo

Edicións Xerais, Vigo, 2017, 565 páxinas.

 

Non é a primeira vez nin seguramente será a derradeira na que unha novela recupera as pavorosos atrocidades que tiveron lugar durante a Guerra Civil española. O que os xuíces teñen prohibido, fano de xeito loable historiadores e narradores. Un tipo de literatura necesaria na nosa escrita, xa que axuda a esgazar o manto de desmemoria, permitindo que saian á luz, nunha mestura de historia e ficción, moitas cousas dun arrepiante pasado franquista. Faino arestora Nacho Taibo, un narrador experimentado, nunha novela monumental -tamén excesiva, na miña estima-, con tres protagonistas en contrapunto coma Os dous de sempre de Castelao, homenaxeado xa no título e nalgunhas alusións que percorren as páxinas do libro. Son eles: o Milorde, o Bocoi e o Patacón, tres amigos durante os tempos da República, pero que, coa chegada do alzamento militar e a toma de A Coruña polas camadas fascistas e o ministerio do terror, seguirán camiños  diverxentes ata o final da Segunda Guerra Mundial.

Son, eles e as súas parellas, personaxes de ficción. Personaxes de nunca, advirte o narrador. Mesturadas coas súas historias, as dun inmenso elenco de actantes secundarios que entran e saen da narración. Moitos deles son recreacións de persoas reais que viviron en A Coruña nesas datas, e coas súas historias dan lugar a unha manchea de capítulos, algúns de dificultosa relación coa trama principal. A acción narrativa desenvólvese ao comezo na cidade de A Coruña, un espazo que exerce un especial protagonismo; a Coruña republicana e a do poder franquista nos primeiros días e meses da rebelión militar. Na cidade herculina amigaran durante os tempos da República os tres protagonistas dispares: O Milorde é un fidalguiño que domina idiomas, detesta a súa clase e que, ante tanta barbarie que ve na cidade, emprega a morfina como remedio. Ao remate da Guerra española trasládase a Londres para traballar para os servizos de intelixencia británicos. O Bocoi era un galeguista acomodaticio, miserable e ruín  que ficha polos departamentos do terror e fai o seu traballo: sinalar “rojos” e nos “paseos” dispararlles sen resentimentos. Ao rematar a Guerra atopámolo dirixindo un campo de concentración, deses que “nunca existiron”. Do Patacón sabemos que é un anarquista que, logo de tres simulacros de fusilamento, foxe e incorpórase aos distintos frontes republicanos e, ao remate da contenda, andará por Europa alleo a toda épica e, domeado polos seus medos, achégase ao final da Segunda Guerra Mundial coma un covarde.

 

Nacho Taibo

As repetidas secuencias que, ao meu parecer, máis tiran do lector, son aquelas nas que a narración reproduce con letra gorda e miúda o exterminio asasino que a tiranía dos ganadores fan na cidade coruñesa e na súa bisbarra. Negras mans á caza do home: xuízos sumarísimos sen a menor garantía, xuíces sectarios, cans de presa que obedecen coma ovellas as directrices que preconizan a supresión do que foi fiel á legalidade ou que pensan de forma distinta. E os “paseos” nos que os falanxistas e a Garda Civil fusilaba de xeito caprichoso e tiraban os mortos nos foxos.

Novela memorialista, erguida en base a unha arquitectura fragmentaria, entrecruzada por compoñentes fantásticos ou marabillosos simbolizados nos canzorros ou nos procedementos de sacramentación. Coa participación de moitos personaxes secundarios que penetran na narración coas súas historias, moitas delas prescindibles, que fan que a novela decaia por momentos e perda o vigor que acada o longo relato de Nacho Taibo cando recupera a inmensidade da dor dunha cidade que soporta nas súas carnes as aberracións asasinas da represión, nun tempo de vómitos de sangue, mais no que non estivo ausente a forza moral duns poucos.

(Texto publicado no xornal Faro de Vigo o día 13 de abril de 2017)