O despece da cova, versos como dardos de Medos Romero

A ansia do lóstrego

Medos Romero

Follas Novas Edicións, Santiago de Compostela, 2012, 67 páxinas.

 

   Doce anos despois de perderme, no sentido máis positivo desta palabra, gorentando aqueles minirrelatos  do seu debut narrativo (Dubido se matei a Lena) achégome á última entrega poética de Medos Romero, A ansia do lóstrego, en fermosa edición de Libros da Frouma de Follas Novas Edicións. Aqueles relatos erguidos cunha narrativa aberta, de estruturación fragmentaria, ateigados de mensaxes implícitas verbo, sobre todo, da condición humana  (dos seus medos negros, desazóns, das nosas feblezas, das teas de araña que amalloan o noso ser), trocan arestora a súa feitura, mais non o seu mandado. Porque a mensaxe diríxese agora contra as desfeitas que ese “homo sapiens sapiens” está  a facer no seu entorno.

   Se o lector olla a autopoética desta muller “vital e enérxica”, que empezou serodiamente a escribir, entenderá que estes poemas eran necesarios nunha persoa que medrou “entre bidueiros e carballos, cun monte malva de queirogas e toxos en flor que hoxe se vai convertendo pouco apouco en eucaliptal”. E así, xaora, xorde o verso, esta balloada de versos, metonimia simbólica, alegación e denuncia do espolio do noso medio e dos recursos naturais. Con palabras líricas os poemas de Medos Romero mergúllannos desde unha postura, á vez melancólica e crítica, na orxía indescritible  que a civilización occidental, en nome dunha exclusiva razón económica, está  a facer co noso medio natural.

   A ansia do lóstrego é, xa logo, un gran fresco sentimental e amacelado  daquel mundo que a voz poética lembra de cativa (“ouveo dos lobos ao lonxe, os medeiros grandes, as merendas das cinco nos cómaros”), agora engulido pola cobiza insaciable dunha economía capitalista, apoiada de xeito omnipotente na moderna tecnoloxía. Endalí que soñe a poeta co “poder das escavadoras rabuñando vilmente as paredes da casa, /  os recordos máis íntimos, a nosa tribo expulsada”. E rexurda “á ferida inerte dun novo territorio / amplo na súa cicatriz profundo / morto en sinal da técnica e do espanto”. Velaí “o esqueleto da grande proeza industrial…omnipresente e poderoso” conclúe no seguinte poema Medos Romero. E nós, abandonados a frenética destrución, “admitimos o despece da cova, con todo o seu letal / derrubamento”.

Medos Romero

   Segundo avanza a escrita medra a potencia do berro de dor e de acusación e denuncia, nomeadamente cando a voz poética se achega ás dentadas que nos nosos días impón o xigante insaciable sobre o ser humano, convertido en man de obra barata. Diante deses anos  “engulidos pola ansia do lóstrego”, só fica un reduto: “a memoria da patria, o enxalzamento de vellas batallas, a forza do amor”.

   Os versos de Medos Romero deitan luz sobre o mundo de hoxe e o perigoso camiño escollido pola especie dominadora da terra. Poemas indómitos, xa logo, escritos desde  a vitalidade feminina, herdeira de raza forte. Poemas de queixa e de loita, de ousadía reivindicativa, mais moi afastados daquel prosaísmo  de orientación social de hai varias décadas. Un eu lírico que se manifesta con sinxeleza, pero non orfo de metáforas. E escribe con palabras de liberdade, revoltosas, que nos achegan tamén aos saberes, arelas e querenzas da nosa tribo, malia o desvergoñado desfalcamento que está a sufrir.