A Pampa e Fisterra: escribir entre dous mundos

 

A fin da terra

María Rosa Lojo

Editorial Galaxia, Vigo, 246 páxinas

(LIBROS DE FONDO)

 

    María Rosa Lojo, pouco coñecida entre nós, é, porén, unha das máis recoñecidas escritoras arxentinas. Ensaísta e crítica literaria de grande prestixio, é tamén unha excelente contadora de historias. Varios volumes de relatos e non poucas novelas nas que sutura personaxes de ficción con outros tirados da realidade histórica, confirman este xuízo preliminar. As súas orixes familiares -filla de pai galego exiliado logo da Guerra- converten a María Rosa Lojo, como en tantos outros casos, nun membro importante desa nómina de escritores míticos.

   Tece a escritora as súas ficcións con historias que flúen dun pasado mítico pero ao mesmo tempo real e incrustado na historia. Tramas que aconteceron nos dous últimos séculos e que, malia a disipación do paso dos anos, legaron unha ricaz fervenza de contidos imaxinarios. Son os escritores míticos que esconxuran aos devanceiros e atopan na mestizaxe a fonte preferida para as súas fabulacións. América, pensa unha das protagonistas de A fin da terra, reflectindo unha obviedade, ergueuse mesturando sangues e corpos, entretecendo linguas. Este cosido  ficcional entre dúas culturas, que xa aparece nas primeiras secuencias de A fin da terra, será o esteo temático da narración de María Rosa Lojo, traducida no ano 2006 a nosa lingua, grazas ao pulo dun home como Víctor Freixanes, tan vencellado á narrativa sobre a épica galega en América. 

   A mestura de personaxes de ficción e outros tirados da historia é o procedemento que a narradora emprega para construír a estrutura da novela, aínda que no presente caso os personaxes históricos (Oscar Wilde e Manuelita Rosas entre outros) teñen unha intervención máis ben marxinal no proceso narrativo.

   A acción transcorre na segunda metade do convulso século XIX arxentino. A novela recrea, en clave ficcional, unha parte importante dos feitos e eventos acaecidos nesas datas en Arxentina. Mais esa recuperación da historia non é outra cousa que o pano de fondo dunha pescuda de respostas sobre o enigma da identidade e da orixe de dúas mulleres, radicadas unha no Londres burgués e vitoriano, ignorante das súas orixes. A outra, en Fisterra. Polas súas  veas circula sangue irlandés e galego e a súa vida está escindida entre as verdes paisaxes galegas e a  Pampa arxentina. Nese lugar semidesértico viviu moitos anos, prisioneira dos indios ranqueles, dos que remata por asumir cultura e formas de vida.

  A novela, xa que logo, convértese en peitoril, á vez histórico e mítico, que nos permite comprender a pluralidade de mundos e de culturas que conviven na pampa arxentina e que, non obstante, se nos revelan mediante unha acción que transcorre en Londres en 1874. Alí reside Elizabet Armstrong xunto co seu pai, un viúvo con moitos anos de permanencia en Arxentina, con moitas experiencias, que descoñece a súa filla. Mais un día comeza a recibir cartas desde Fisterra. A remitente é unha muller irlandesa, orixinaria de Galicia, que vivira igualmente en Arxentina, coincidindo co proxenitor de Elizabeth.

   As misivas convértense nun relato fragmentado que pouco a pouco vai revelando a incógnita da orixe de Elizabeth, a través da propia historia das experiencias como cativa dos indios de Rosalind, a dama da “Fin da terra”.

  

María Rosa Lojo

O tecido narrativo permítenos descubrir unha brillante contadora de historias. O seu dominio do acto narrativo completase cunha correcta estrutura na que ganduxa con habilidade dous discursos: o epistolario da muller de Fisterra e o relato en terceira persoa, bastante afín á novela vitoriana, da protagonista londiniense. A autora fai convivir con oficio personaxes de ficción e outros extraídos da realidade histórica, sen que a intercalación da ficción na realidade anule a historia, se ben esta  fica sometida ás leis da ficción. A novela é sobre todo unha verdadeira encrucillada cultural que reflicte o que era a Pampa no século XIX: un inmenso territorio poboado por xentes de moi diversa orixe. Eles (españois, ingleses, galegos, irlandeses…) recuperan nesta novela a súa épica e a súa memoria.