Os desafíos dunha vida

As cousas que non queremos oír

María Reimóndez

Edicións Xerais, Vigo, 2017, 489 páxinas

  María Reimóndez é unha escritora prolífica que frecuenta con igual grao de competencia todos os xéneros. Mais son salientables, sobre todo, as súas contribucións á narrativa para adultos especialmente co seu  Ciclo dos elementos, un proxecto creativo moi cobizoso e extenso formado por sete novelas. En vías de extinción e A música dos seres vivos que integran o elemento terra; Dende o conflito e As cousas que non queremos oír que forman parte do elemento lume: Outras tres novelas, aínda sen publicar, faríano nos elementos auga e aire. Un ciclo que se estea na idea básica da vida: se os seres vivos necesitan de todos estes catro elementos, as sete novelas de María Reimóndez precisan unhas das outras. Un proxecto con varias caras que crean un universo narrativo no que cada novela se pode ler de forma independente ou en relación coas outras xa que partillan fías narrativas comúns.

   As cousas que non queremos oír é unha novela de alento longo e tamén de extenso percorrido que parte de incertezas e de anacos dolorosos da historia da autora. Con moitos actantes, mais un só protagonista: Aurora, unha moza de pais galegos, retornada a unha aldea preto de Vilalba, que volve a Barcelona para estudar xornalismo. Se algo sabe facer Aurora é correr. Correr en Vilalba, en Barcelona, en París, Turín ou Nova York. Corre ata para que as horas e as dores -tamén as sentimentais- pasen máis axiña. E como outras protagonistas das novelas da autora, Aurorora é unha nena e máis tarde unha muller que rompe coa submisión e co lenzo do heteropatriarcado. Se na novela hai un tema de fondo, este é a procura da propia identidade da protagonista, desfacer as marañas do seu interior, afrontando desafíos: os desafíos dunha vida e os da relacións cos outros, nomeadamente coas amigas: Saínza (amiga e ex amiga), Gaia, MK, Clara, Rosa… Os da loita contra o ambiente represivo no que medrara, contra a sumatoria de expectativas dos seus pais que non cumpre, contra a chantaxe emotiva da familia, o mundo das aparencias; contra o feito de ter unha parella protectora que a considera propiedade súa e coa que mantén unha relación convencional, repetitiva e absurda. Desafíos contra a negatividade e os prexuízos de ser muller, contra a angustia da conta corrente que mingua. E sobre todo, o reto de se enfrontar contra un cancro bilateral de peito con mutación, e a baixada aos infernos dos ciclos da quimioterapia; contra o seu propio corpo que a protagonista sempre concibiu como un lugar para o desafío. E ao final, a afouteza de apandar co gran segredo familiar co que se lle desfai o seu mundo coñecido e vese na obriga de vivir nunha seguridade ateigada de fisuras.

 

María Reimóndez

Son moitos os acertos desta novela: velaí o tratamento da amizade, esoutro das vivencias entre mulleres amigas; eis a claridade respectuosa coa que a autora expón a experiencia de estar enferma de cancro. Posiblemente é esta a peza narrativa da literatura galega que máis afonda no tema do cancro e da quimioterapia, baseándose nunha documentación rigorosa. A acuidade para nos achegar os acontecementos desde distintas perspectivas. Unha arquitectura compositiva apropiada e sen fisuras, se ben, ao meu ver, hai excesos e reiteracións nalgunhas secuencias secundarias. Son de agradecer as novelas coa medida xusta: breves e de significación moi intensa. A habilidade no emprego de varios rexistros: correspondencia epistolar, retallos de crónicas xornalísticas deportivas que son oportunas e non empecen o vigor narrativo da que, penso é a mellor novela da escritora.

(Texto publicado no xornal Faro de Vigo o día 1 de febrero de 2018)

Oportuna cartografía dos feminismos

 

Feminismos

Olga Castro / María Reimóndez

Prólogo de Belén Martín Lucas

Edicións Xerais, Vigo 2013, 292 páxinas.

 

   “O feminismo aconteceu cando as mulleres aprenderon a dicir EU”, escribiu Gayle Greene. E este aprender a dicir EU, noutras palabras, o feminismo como conxunto de reivindicacións artelladas sobre una alicerce teórico, aparece por primeira vez -e como un froito mái da mesma- durante a Ilustración. Nun momento no que parecía que agromaban e se facían realidade os ideais ilustrados e da Revolución francesa (“liberdade, igualdade, fraternidade”), algunhas mulleres tiveron a coraxe de facer uso da política para reclamar os seus dereitos nesa sociedade dos iguais. Aínda que houbo precursoras tanto na antigüidade (Grecia, Roma), como na Idade Media e no Renacemento, como acertadamente se recolle neste libro enciclopédico, realmente foron mulleres aleitadas nos ideais da Revolución francesa -pensemos por exemplo en Olympia de Gougues ou Mary  Wollstonecraft- as que puxeron en valor as teorías e as prácticas feministas.

   De todo iso, das orixes e expansión dos feminismos polo mundo enteiro e nos diversos territorios da actividade humana, é unha excelente mostra este libro escrito a catro mans por Olga Castro e María Reimóndez. Con espírito á vez enciclopédico, totalizador e divulgativo, as autoras achégannos un cobizoso proxecto: dar conta “dos feminismos na xeografía e na historia”, como escribe a prologuista, Belén Martín Lucas. Todo aquilo que pode resultar relevante para podermos ter unha idea cabal dos feminismos está presente nesta publicación.

   Con esa finalidade estruturan as autoras a súa visión de conxunto do que se entendeu e entende por feminismo,en varios bloques ou seccións.  “As voces múltiples dos feminismos”, a primeira delas, é un percorrido polas xeografías desas inmensas revolucións pacíficas que son os feminismos: En Ocidente, cunha cala especial en Galicia, en África subsahariana, América Latina e o Cribe, na antiga URSS, China, India, Magreb, Oriente Medio, países árabes, Xapón. “Temas planetarios” dos movementos feministas (segunda sección), na que teñen cabida asuntos importantes de hoxe e de sempre como a globalización, violencia de xénero, a sexualidade, a orientación familiar, a maternidade, entre outros. Coa súa polifonía, os feminismos traballan nunha rede de cuestións ineludibles para todas as sociedades (páxina 149). Considero que é xustamente nas distintas análises deste bloque onde o volume amosa un trazo máis ensaístico e mesmo acertadamente reivindicativo. Son  salientables, na miña estima, os capítulos dedicados ao ciberfeminismo: a necesidade de ocupar (okupalo) o recurso tecnolóxico de internet, moi masculinizado ata o de agora, para as loitas feministas. E asemade esoutro no que as autoras repasan a historia do ecofeminismo e reflexionan sobre as súas distintas correntes (conexión muller-natureza, relación entre natureza e xénero, feminismo ecoloxista).

Olga Castro e María Reimóndez na presentación de "Femenismos" na Aston University (Birmingham)

   Velaquí unha breve sinopse dun libro sen ningunha dúbida moi relevante. O gran manual dos feminismos escrito na lingua de noso. Libro non soamente útil, senón tamén imprescindible para termos esa acaída visión de conxunto sobre esa revolución pacífica, pero ao mesmo tempo crítica frente ao que nos presentan, que está mudando as sociedades para facelas máis democráticas. No ano 1994 Alicia  Puleo preguntábase quen lle teme ao feminismo. Moitos, respondía, incluso nas ringleiras da progresía. Este libro, cartografía dos feminismos, escrito nun ton totalizador e divulgativo, mais non carente de rigor e espírito crítico, axudará a homes e mulleres a desterrar temores verbo dos feminismos e a apreciar o seu potencial  transformador, revolucionario.