A forma das nubes

A forma das nubes

María López Sández

Editorial Galaxia, Vigo, 2012, 95 páxinas.

 

   Leo con pracer este debut no xénero narrativo de María López Sández, As formas das nubes, sen esquecer algo que esta moza, doutora en Teoría da Literatura e Literatura  Comparada, escribía no ano 2007 nun ensaio que lle valeu o Premio Ramón Piñeiro de Ensaio: “A erotización da paixase foi fundamental para a empresa colonial ao converter a xeografía nun corpo maduro para a conquista. Hai, logo, un hábito cultural que marca  a paisaxe como feminina que ten moito que ver co papel dominante dos homes nas actividades culturais que conforman a nosa visión da paisaxe” (Paisaxe e nación, páxina 186). Palabras que comparte en boa medida quen sexa consciente desa tradicional dicotomía natureza / cultura, con claras proxeccións e atribucións xenéricas. Pero  por motivos igualmente fundados cómpre rexeitar e rexeito os tópicos que soen acompañar as pezas de literatura intimista -así foi cualificada por algún membro do xurado que lle outorgou á novela o Premio de Narrativa Breve Repsol 2012: se unha muller escribe unha novela intimista, resulta feminina. Se o fai un home é profunda.

   Profunda e escrita con riles poderosos é esta Forma das nubes coa que hoxe nos agasalla a Editorial Galaxia. Novela intimista certamente que afonda na personalidade da protagonista -soamente sabemos que se chama C-, nas estratexias do eu e na repercusión do que acontece fóra sobre a súa personalidade, na súa evolución desde o momento no que con trece anos emprende unha viaxe, ata a súa idade adulta. Cunha temperá aprendizaxe do desamor, co bloqueo da dimensión emocional, concentrándose unicamente no sexo, ata que chega o amor e as súas barreiras son tan inútiles a hora de evitar o namoramento como fáciles de erguer de novo cando chega a traizón.

   A escrita de María López Sández ispe a protagonista diante do lector deixándolle axexar nas interioridades do seu eu, nas súas vulnerabilidades, nas vivencias dunha vida que nace e nos sentimentos cando  a traxedia se asenta no seu fogar. E faino cunha pragmática narrativa na que, entre outros recursos, a autora combina habilmente analepses  e proleses , que lle permiten amalgamar planos temporais, mesturando o pasado co presente, tratando, porén, de construír realidades novas. Eses retallos do pasado son as teselas existenciais dun friso vivencial ao que  a protagonista quere darlle sentido, interpretalo, como fai como cando, ao mirar o ceo, contempla as formas das nubes e as converte en signos ou en enigmas.

María López Sández

                                               

Obra pois de formato biográfico -mais sen esquecer o seu carácter ficcional-  e cuxo referente non é a autora. Discurso narrativo na acepción de Todorov, como corresponde a accións en movemento, aos avantares dunha vida. Discurso narrativo moi afastado de calquera sedución de lirismo poético, pero un libro que non despreza as palabras e cree no seu valor performativo no sentido que lle deu Austin.

   A forma das nubes, como máis arriba quedou sinalado, fíxose merecedora de Premio de Narrativa Breve Repsol 2012. Outro premio outorgado á literatura non ás vendas, nin tampouco á afouteza da innovación.