Memoria e experiencia. Viaxe-ficción pola Galicia interior

todo-ser-humano-e-un-rio.Todo ser humano é un río

Manuel Veiga Taboada

Edicións Xerais,Vigo, 2016, 276 páxinas

 

Con Todo ser humano é un río engade Manuel Veiga un novo banzo a súa obra narrativa, neste caso unha proposta de liñaxe especialmente metaliteraria que non se refire a un mundo representado (finxido ou imaxinado), senón a un conxunto de paisaxes, vilas e persoas reais, en diálogo ademais cunha rica intertextualidade literaria. Narrativa híbrida na que, como O Danubio de Claudio Magris ou Os aneis de Saturno, Os emigrantes de W.G. Sebald, o autor convídanos a seguir os seus pasos, non soamente ao longo dun río, senón tamén por varias localizacións, paisaxes, vilas e unha casa moi especial, dos que flúe un torrente de impresións e suxestións ocasionadas no autor por eses lugares e pola xente coa que se atopa. Un dos máis importantes piares do libro son as viaxes, nutridas con  profusión de citas e autores, encontros, reflexións, mesturadas con pequenos relatos cunha finalidade reivindicativa: a da Galicia interior, a través da memoria, do coñecemento e da experiencia.

Se ben a tonalidade do libro e o plano do contido son os amentados, podemos diferenciar na obra unha arquitectura tripartita. No primeiro compoñente, a montaña galega do Leboreiro  co seu cumio máis elevado, o totémico e mítico Penagache, amósanse como os claros protagonistas. Nunha incursión o autor e outras persoas reais intérnanse nesas terras e montes fronteirizos, capaces de deter o tempo, e alí conviven cos seus segredos e as súas xentes. Unha viaxe á procura de castelos, mais na que só atopan ruínas, leiras convertidas en silveiras, rastros desolados por causa da emigración. Un mergullo vital na Galicia interior con prodigalidade de referencias históricas, citas e autores traídos a conto. Nunha sección máis ensaística, o autor contrapón  os traballos do mar e do campo, a vida rural e da cidade. A seguir o nó do libro é un retrato e unha cala na propia familia, a historia familiar en Monforte, centrándose sobre todo nos devanceiros,nos avós e bisavós, no pai e na nai e na propia existencia. Reproduce asemade historias da vila, das súas rúas e barrios, dos veciños en tempos de angustia, e noutros días menos aciagos. Un relato memorialístico ateigado de historias tráxicas e costumistas, relatadas cunha tonalidade cálida e á vez dramática. Neste fresco de vidas non falta Manuel María residente e Monforte a maior parte da súa vida. Mais o poeta nacionalista foi pouco recoñecido na vila. Están presentes igualmente Lois Pereiro, o poeta dandi e Sabela Ojea, tamén poeta, dependente do alcohol, e outros personaxes menos coñecidos, veciños da vila ou nados na comarca, posuidores dunha historia de seu neste percorrido polas terras de Lemos. Remata o libro co capítulo “Casa vixiada” que nos achega a historia do Pazo de Muíños de Antero. Recreación do seu pasado, dos seus segredos e intimidades e crónica do presente dun pazo no que se hospeda o autor. Unha verdadeira memoria pacega.

 

Manuel Veiga Taboada

Manuel Veiga Taboada

Libro híbrido, como xa quedou sinalado, erguido sobre distintos materiais, que amalgama viaxes, recuperación da memoria, ensaio, biografía. E estado nun centro ben visible: a Galicia do interior, rescatada a través da memoria e da experiencia. Malia a súa condición heteroxénea, reclamo que este libro de Manuel Veiga, ademais de xornalismo de viaxes, sexa considerado como ficción; unha ficción con moitos personaxes reais e autorreferente porque o autor traballa coas técnicas da ficción historias reais. A ficción e a obxectividade non se opoñen. O trazo máis característico dunha obra de ficción non é que a historia non sexa verdadeira, senón o emprego e alongamento de varios recursos que producen “o efecto do real” ata un extremo fulgurante. E iso cúmprese neste libro.

 (Texto publicado no xornal Faro de Vigo 0 día 10 de novembro de 2016)

Memoria xeracional desde os días da Transición

 

Os xornalistas utópicos

Manuel Veiga

Edicións Xerais, Vigo, 2013, 269 páxinas.

 

   Manuel Veiga foi e segue a ser un defensor da novela de autor, un autor, no seu caso, comprometido coa realidade e coa historia, sobre todo da segunda metade do século XX. Un monllo de pezas literarias -narrativa e ensaio- acompañan a súa traxectoria  literaria desde que no ano 1998 debutase con As ruínas da cidade amada. Virían despois outras pezas de ficción como O exiliado e a primavera (Premio Xerais 2004) ou Lois e Helena buscándose nun día de tormenta (Premio García Barros 2006). Achéganos arestora Os xornalistas utópicos, un banzo máis na súa obra, aínda que sen perder ese horizonte memorialístico, neste caso non o da historia dos vellos galeguistas, dos que fixeron a Guerra Civil e dos exiliados, senón da xeración que se fixo adulta nos anos da Transición.

   Un fresco de vidas, coas súas persoais historias, ás que lles tocou vivir nos últimos trinta anos  a partir de 1977. Porque Manuel Veiga viviu a Transición en plena mocidade e na presente novela dá testemuño da súa xeración, no contexto daquela léveda de ilusións, proxectos e utopías, olladas desde o altor do paso dos anos, case que corenta anos despois.

   A novele centra a súa substancia no protagonismo e nas vivencias da xente común; nun xornalista, alter ego do autor, que dirixe un pequeno xornal galeguista e de esquerdas e que, en primeira persoa, á altura do ano 2007, narra os atrancos e dificultades que ten que superar un medio das súas características no fragor da loita pola supervivencia dos medios no noso tempo. Esta primeira parte da novela permítenos ollar as vivencias,

Manuel Veiga

case que o día a día, dun xornalista galeguista e de esquerdas desde a Transición ata hoxe. Mais, como o mesmo autor ten sinalado, non é esta unha novela sobre o xornalismo, senón desde o xornalismo.

   Con bo tino a novela retrotráenos,  nunha acertada e oportuna analepse., e con cambio de voz narrativa, aos anos da nenez rural do narrador e ao seu traslado a Madrid para estudar xornalismo naquela facultade aínda en construción “capricho do xornalista azul Emilio Romero” Alí estuda e sobre todo vive a barafunda dos anos da Transición que, porén lle permiten entrar en contacto con todo aquilo que a ditadura agachara ou prohibira: asembleas, música, libros,  a presenza da droga, liberación sexual… Unha etapa que, malia o afastamento de Galicia, lle suporía, unha toma de conciencia e unha opción por un galeguismo de esquerdas. Outros capítulos achégannos relatos dispares doutros personaxes cos que contacta o xornalista narrador e que nos permiten ter unha visión polifónica sobre  o protagonista e os feitos acontecidos nos días da Transición, en anos posteriores e tamén na actualidade co protagonista traballando como xornalista en Vigo e vendo como as súas ilusións desaugan no desazo do desencanto.

   Novela moi rica. Autobiografía ficcionada ou ficción autorreferencial con claras repercusións no plano enunciativo, tanto cando nos atopamos cun narrador en primeira persoa como cando a voz narrativa transita ata a terceira. Prosas nas que o autor amalgama distintas voces, rexistros e estilos, con moitos personaxes reais agachados, aínda que non sempre baixo nomes ficcionais. Cun emprego deliberado e insistente da inertextualidade. A referencia a autores e libros, sobre todo doutras literaturas, forma parte da esencia e da técnica deste libro, porque esta é outra desas novelas que comezamos a ver no sistema literario galego, que establecen un diálogo coa literatura universal. Referencias alleas que non son enfeites narcisistas, senón elementos enriquecedores do tecido textual e que gorentamos, sobre todo aqueles que pensamos que todos os libros se atopan unidos e que se vai duns a outros, aínda que sexa casualmente. Con Roberto Bolaño, un do autores cos que emparenta  e no que abebera esta novela, podemos dicir que Manuel Veiga erixe tamén, sobre todo na segunda parte da novela, a historia ou a referencia a escritores en todo un xénero. E todo iso nun libro escrito cun estilo claro, directo, moitas veces conversacional, fuxindo á mantenta de amavías e artificios literarios. Altamente recomendable, pois logo a lectura desta novela, rebordante, na miña estima de innovación, frescor  e gordura literaria.