VIDAS CRUZADAS NUN CURSIÑO POR PUNTOS

Por puntos

Manuel Portas

Editorial Galaxia, 2019, 251 páxinas

 

O debut na narrativa de Manuel Portas foi unha das grandes novidades da literatura de noso no ano 2010. Desde entón, outras cinco pezas narrativas e dous dos premios literarios máis importantes do sistema literario galego; e a mesma calidade acrecentada se cadra en cada nova peza. Tal é o caso de Por puntos, Premio Blanco Amor 2018. Unha novela coral que reúne nun cursiño a un conxunto de seres humanos quebrados por varias circunstancias da vida. Acoden os fins de semana para recuperaren os puntos do carné de condución que perderon por diversas circunstancias, e no pecado vailles a penitencia, como lles di a autoridade chulesca do curso.

Persoas cheas de vida, de humanismo; na miña estima, o retrato do mundo nunha clase de recuperación de puntos: a perfecta ama de casa que acepta o papel de “muller de” ata que pilla o home séndolle infiel; o mozo ao que perde a velocidade;  a muller de cincuenta anos, trinta e cinco deles viúva co alcohol como única válvula de escape; o substituto que tamén exerce de arrebatado poeta, que vai para recuperar os puntos que vendeu, o home que aos corenta e cinco anos asume a súa homosexualidade, ou Tupé con fama de matón. Tamén Rosa a encargada do café. Estes son algúns dos compoñentes dese protagonismo coral. Manuel Portas fainos saber das súas vidas, angueiras, traballos e problemas que entre si, sen se decatar , van tecendo unha malla de complicidades para fuxiren da soidade na que se atopan ensumidos, ata chegar ás desavinzas ou ilusións amorosas. Namoramentos case de adolescentes, aloulados e pegañentos, mais case que sempre enganosamente fanados.

 

Manuerl Portas

Tales son os personaxes da novela, ateigados de humanismo, da  intimidade que vai nacendo entre eles mais Manuel Portas o único que fai é contarnos a vida, descartando tanto nesta novela como noutras achegas, o relato de grandes feitos, de grandes persoeiros. Emporiso a  novela avanza a bo ritmo, cunha estratexia narrativa sinalada polo mesmo autor. A teoría do iceberg: omisión, un certo minimalismo, fixándose o autor nos elementos da superficie, mais, ao meu ver, debaixo desa oitava parte que aparece encol da auga, déixase sentir, sen ningunha dúbida, a posición crítica e subxectiva do autor.

Novela ademais cun plus de aventura, de estratexias para ligar, con sutís doses de humor; e un idioma no que, mais unha vez, domina a frescura, a espontaneidade e o sabido dominio do galego. Eis o retallo dun libro de xente que está farta de non ser querida.

 

(Texto publicado no xornal Faro de Vigo o 5 de xuño de 2019)

Advertisements

Pequenos dramas anónimos*

Un dedo manchado de tinta

Manuel Portas

CD: Letra de Clara Pino. Música de Abel Rubén e Clara Pino

Editorial Xerais, Vigo, 2011, 367 páxinas.

 

Sen prolegómenos e de forma serodia entrou hai un ano Manuel Portas nos eidos da creación literaria. Foi coa súa primeira novela, Denso recendo a salgado, que recibimos   como unha realidade literaria consolidada. Recunca agora con Un dedo manchado de tinta, unha novela cunha estrutura singular e innovadora: ganduxada co fío e a agulla de cinco historias que o lector empeza a ler sen se decatar de que entre elas hai unha relación aparente, subterránea quizais, que reflicte esa condición estocástica  da vida nunha xeografía urbana como a cidade de Santiago, onde conflúen e interactúan, vidas anónimas, mundos ateigados de experiencias comúns ou dramáticas. Advírtello ao lector testán, xa desde os prolegómenos, o alter ego do escritor: isto non é unha novela, ou polo menos non é unha novela ao uso. Xa que logo, unha das poucas fórmulas narrativas innovadoras, experimentais e con trazos metanarrativos, que cómpre ensaiar no nos país, aínda que se corran riscos e xurda un cadoiro de interrogantes e pasmos nalgunha crítica.

As cinco historias desenvólvense en cadanseu capítulo, ao xeito de novelas breves.  Unha pluralidade de voces que acoden  e acoutan o xogo da realidade e da imaxinación e reflicten a diversidade social que se atopa en calquera das nosas cidades. Novela de personaxes que converten, porén, esta achega de Manuel Portas nunha peza coral que reivindica a humanidade daqueles que nunca ou case que nunca foron tratados como seres humanos e que teñen conciencia de que a felicidade é algo alleo as súas existencias. Tal é o vivir de Alberte, o funcionario municipal, teimudo na busca dos familiares dos vellos emigrantes galegos; o de Malulú, o emigrante senegalés, vendedor ambulante que só pola cor da súa pel se ve enleado nun asunto criminal; tamén as duras experiencias no cárcere dun home acusado de violar a unha menor, filla da súa parella e a dramática decisión desta de crer á filla ou ao home do que está namorada. Ou a vivencia doutra nai, a sindicalista Cristina, comprometida coa xustiza e coa verdade nun despido improcedente. Finalmente, os riscos extremos dunha avogada e investigadora privada nun asunto de corrupción nunha recualificación urbanística. Heroes ou antiheroes de pequenos dramas anónimos que comparten afectividades desbaratadas, fracasos existenciais e radiografan biografías de seres do común. As súas aventuras/desventuras convértense, no conxunto desta peza, en fraccións vitais dunha novela sobre a vida, moi existencial, narrada con frescura e asemade profundidade.

* Texto publicado no suplemento Faro da Cultura, páxina VI, do xornal Faro de Vigo, o día 8 de setembro de 2011.

Manuel Portas