Textos teóricos de Roberto Vidal Bolaño

Cardernos Ramón Piñeiro (XXV): Roberto Vidal Bolaño. Escritos sobre teatro.

Edita: Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, Santiago de Compostela, 2013, 147 páxinas.

 

   O pasado 17 de maio saíu do prelo un nove volume dos Cadernos Ramón Piñeiro, co que esta  colección, destinada a recoller partes descoñecidas do noso patrimonio cultural (textos, bibliografía, homografía, epistolarios…) acada o número XXV. O novo volume, en edición de Luís Cochón e  coa colaboración de Lorena Domínguez Mallo, dedícase por enteiro a publicar algúns textos teóricos de Roberto Vidal Bolaño que o dramaturgo escribiu verbo do teatro de noso.

   Recolle asemade catro achegas de amigos e/ou persoas próximas  a Vidal Bolaño, ao que acompañaron co seu apoio ou labor crítico. Achegas que lle serven de pórtico á edición dos textos do dramaturgo. Podemos así ilustrarnos cun breve escrito de Luís Cochón (“Que quedará do cómico?”) no que  o editor deste libro-caderno repasa as súas propias vivencias, asistindo durante trinta anos “de amizade, de leria, conversas, discusión e cariño” ao quefacer humano e dramatúrxico de Vidal Bolaño, “un santiagués de Vista Alegre”, que sendo “poeta  nunca deixou de ser cómico ou ó revés”.

   Gustavo Luca, noutro texto así mesmo breve (“Fábula do poeta na cadea”), reivindica a honradez intelectual irreprochable do teatro de Roberto Vidal Bolaño dentro do noso panorama teatral, malia as censuras e os ostracismos. Manuel Quintans Suárez, nun texto de maior fondura, analiza o tratamento do mito no teatro de Vidal Bolaño, e máis en concreto, na peza Días sen gloria. Finalmente Xan Vieito (“A querer ser cómico”) escribe a historia do grupo de teatro Antroidio  e a do papel que Vidal Bolaño desenvolveu naqueles anos, unido á figura doutro home ligado á escena e vencellado a Roberto, Xaquín García Marco. Non prescinde Xan Vieito dun rico anecdotario que acompañou algúns das viaxes e actuacións do grupo teatral.

   Oito textos de Roberto Vidal Bolaño, algún deles inédito outros tirados de programas de man ou de distintas publicacións, constitúen o corpo do volume. Saliento entre eles, unha unidade didáctica escolar, “O espacio teatral”  na que o dramaturgo fai un percorrido pola historia das distintas formas de arquitectura teatral, desde que colleu forma en Babilonia, Exipto, Xudea, Grecia… ata os séculos XIX e XX nas distintas coordenadas xeográficas. Considero asemade de gran

Roberto Vidal Bolaño

interese o particular itinerario que fai Vidal Bolaño polo teatro de noso, desde a herdanza do século XIX (Rexurdimento, Irmandades da Fala, o teatro Nós, o teatro na emigración e no exilio, teatro de posguerra) ata  un presente que culmina no ano 1984 coa creación do Centro Dramático Galego. Unha suma de contribucións que fixeron posible que Galicia dispuxese da posibilidade de se outorgar un teatro de seu. Non son menos interesantes as reflexións do home de teatro arredor da obra dramática de Otero Pedrayo (“Teatro con T maiúsculo”).. Un inédito, escrito entre o ano 2000 e 2001 (“A propio intento”), un “texto testamentario do autor a prol da promoción da escrita e aposta en escena de novos textos dramáticos”, pon cabo a este novo número dos Cadernos Ramón Piñeiro.

   Unha publicación oportuna que recupera para a cultura de noso o pensamento teórico do seu dramaturgo seguramente máis importante ata o de agora: Roberto Vidal Bolaño.



Rescatado do aire das ondas

Álvaro Cunqueiro (1911 – 1981)

Entrevistas e reportaxes: Manuel Pérez Bello

Coordinación: Luís Alnso Girgado e Lorena Domínguez Mallo

Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, Santiago de Compostela, 2013.

 

Unha venturosa coincidencia fai que poidamos gorentar ao mesmo tempo dous verdadeiros meirós cos que nos agasalla Editorial Galaxia e o Centro Ramón Piñeiro, que recuperan texto e voz dese Señor das maxias e das palabras que foi Álvaro Cunqueiro como articulista en lingua galega, no primeiro caso, artigos recollidos no libro O mundo que teño de meu ao que lle prestarei a merecida  atención outro día. E a entrevista e reportaxes que con e sobre Cunqueiro emitiu o Centro rexional da TVE en dúas ocasións: no ano198’, poucos meses antes do pasamento do escritor co gallo do doutorado “honoris causa” pola Universidade de Santiago, a concesión do Premio da Crítica e a entrega do Pedrón de Ouro a carón da casa de Rosalía. Dez anos máis tarde, a mesma entrevista, ampliada con varias reportaxes, foi de novo emitida na Semana das Letras Galegas dedicada ese ano a lembrar a figura de Cunqueiro.

Hoxe en día, este material constitúe un verdadeiro galano, un piar dentro da cultura galega que interesa a todos aqueles aos que lles importa a lingua de noso. Un fermoso agasallo comezando polas ilustracións, tanto da cuberta dos dous  CD, da man de Isaac Díaz Pardo, como a do fascículo no que se reproduce unha parte substancial da entrevista do ano 1980, da autoría de Siro López.

Como escribe Manuel Pérez Bello, no medio da avalancha de recoñecementos, xurdiu unha longa conversa con Álvaro Cunqueiro, que quixo ser un seguimento da traxectoria vital do escritor, estruturada en catro capítulos: Cunqueiro como poeta, narrador, dramaturgo, xornalista e escritor plural. En cadanseu destes capítulos, a entrevista emitida de novo no ano 1991, incorpora outras reportaxes. Así X. L. Méndez Ferrín fai unha atinada valoración de Cunqueiro como poeta. Tamén como inventor de traducións de poetas estranxeiros que escribiron en idiomas que o mindoniense descoñecía. Recreacións libres, xa que logo, como tamén mantén Darío Xoán Cabana que analiza a vertente de Cunqueiro como narrador. Manuel Lourenzo fai o mesmo co Cunqueiro dramaturgo, na mellor tradición teatral galega, ao lado de Otero Pedrayo. Finalmente para estudar a faceta de Cunqueiro como xornalista e escritor plural, a reportaxe sérvese das opinións de Francisco Armesto e Anxo Tarrío. Dous poemas do escritor recitados por Salvador García Bodaño e Claudio Rodríguez Fer poñen cabo a esta ampla reportaxe hoxe rescatada para todos nós.

Álvaro Cunqueiro

Na entrevista a Cunqueiro abrolla a meirande parte dos temas e teimas do escritor nas diversos xéneros que frecuentou, mais coido que teñen un especial significado, sobre todo tendo en conta o ano e as circunstancias nas que Cunqueiro se expresou, a emotiva homenaxe que lle tributa á lingua  de noso, a manifestación de que Merlín e familia é o seu libro preferido, a afirmación de que o castelán lle sabe tamén a pan fresco na boca, aínda que sempre foi unha cousa secundaria na súa escrita. E na mesma liña, a declaración inequívoca de que non cre no bilingüismo, que a súa lingua de fondo é o galego, idioma no que pensa e ao que se mantivo sempre fiel, a fala da súa pequena patria galega.

Sinalo algo negativo neste produto editorial que mestura o papel co audiovisual. Ao meu ver, o fascículo que acompaña os CD, queda demasiado curto cando recolle soamente unha parte da entrevista de Álvaro Cunqueiro. Coido que é unha mágoa que non poidamos gorentar, na palabra escrita, todas as que saíron da boca do escritor, así como as atinadas análises que realizaron os xa amentados escritores e intelectuais galegos que interveñen nas distintas reportaxes. Con todo, beizón a Luís Alonso Girgado e Lorena Domínguez Mallo, coordinadores da edición e a todas e todos os que interviñeron  para que esta impagable entrevista e reportaxes non se perdan no aire.

Álvaro Cunqueiro en La Noche

“Los días” en La Noche

Álvaro Cunqueiro

Edicións de Luis Alonso Girgado e Lorena Domíguez Mallo

Colaboración de Anastasio Iglesias Blanco

Librería-Editorial Follas Novas, Santiago de Compostela, 2012, 488 páxinas.

 

   Se algo salta á vista nunha primeira ollada deste volume publicado por Follas Novas en edición encomiable de Luis Alonso Girgado e Lorena Domínguez Mallo, é o infatigable labor de Cunqueiro do que falan os dicionarios. No ano 1955 recoñecíase que aínda que xa existían algunhas recompilacións dos seus artigos de prensa en libros, a meirande parte dos mesmos aínda agardaban ser reunidos  en publicacións unitarias. Desde entón moito se ten traballado nesa liña, ata o punto de que os editores rexistran vinte e seis libros, en galego ou en castelán, que recollen artigos de Cunqueiro, publicados en diversos medios. Unha amplísima bibliografía,  xa que logo, á que arestora se lle engade este volume que recompila as colaboracións de Álvaro Cunqueiro no xornal santiagués La Noche, que desapareceu en decembro de 1967 dando lugar a actual cabeceira, El Correo Gallego. Cunqueiro como xornalista xerou exquisitas fabulacións “con tendencia á ucronía, (e) equilibrada mestura de humor e erudición” (Dicionario da Literatura Galega, I). Tocou os temas máis dispares e mesmo o erotismo non lle foi alleo e forma parte dalgunhas das súas colaboracións, como tal na páxinas eróticas de Bazaar  (1977-1979).

   Aínda que Cunqueiro pensaba que periodismo e literatura eran irreconciliables e confesou que foi xornalista por necesidade como un medio de subsistencia, recoñeceu, porén, que o xornalismo lle ensinara a arte da brevidade, da claridade e da sinxeleza. Hoxe é lexítimo pensar que os miles e miles de artigos en revistas e xornais e esa disxuntiva xornalismo / literatura non significou un atranco significativo no seu labor como creador literario. Remítome as súas obras.

   O xornal vespertino La Noche foi unha das incontables cabeceiras de prensa nas que Cunqueiro colaborou. La Noche foi un xornal  que en tempos difíciles soubo manter un talante galeguista baixo a dirección de José Goñi Aizpurúa  primeiro e máis tarde,  de Borobó. Colaboradores como Vicente Risco, Otero Predrayo, Filgueira Valverde, Méndez Ferrín, Cunqueiro…prestixiaron o labor do xornal santiagués. Por galeguista e tras a denuncia dun coronel de Ourense, tal como confesa Cunqueiro, foi prohibido e desapareceu o xornal compostelán .

   Neste medio colaborou activamente Álvaro Cunqueiro quer con artigos soltos, quer cos que integran a serie “Los días”, que son os que recolle este volume. Douscentos trinta e tres artigos publicados entre o 22 de setembro de 1959 e o 9 de outubro de 1962. Artigos todos eles en castelán, mais con frecuentes incrustacións en galego e un Postludio de Luís Cochón igualmente na lingua de noso. Artigos de temas moi variados, escritos moitos deles desde a maxia, que foi o motor de moitas de obras de creación literaria do escritor mindoniense. Con coexistencia do real e do soñado, do universal e do galego, e que non perseguen informar baixo criterios de actualidade, de signo exteriorista, senon dar conta de vivencias persoais e íntimas, nacidas baixo o pulo dunha lectura ou da lembranza dun libro escrito por el.

   Se ben Cunqueiro colaborou con revistas falanxistas e medios xornalísticos da ditadura, entre eles El Alcazar, estes artigos, agora recompilados,  están depurados dese xorne ideolóxico, proselitista e retórico, característica da súa escrita xornalística dos anos trinta e corenta. O que prima nestes artigos é a inmensa capacidade fabuladora do mindoniense, ao servizo da literatura xornalística. Artigos, pois, para embarcarnos a partir de temas cotiáns en singraduras fantásticas.

Álvaro Cunqueiro

   Paga a pena e é de xustiza salientar a edición de Luis Alonso Girgado e Lorena Domínguez Mallo, así como o Postludio de Luís Cochón. Os editores agasállannos  cunha ampla introdución  contextualizadora da obra xornalística de Cunqueiro e unha compilación moi preto do que é unha edición crítica, con profusión de anotacións ao pé de páxina. O Postludio de Luís Cochón afonda e reinterpreta algúns dos temas do labor xornalístico e literario  de Cunqueiro e as súas circunstancias. Da última das súas calas tiro esta referencia do amigo de Cunqueiro, Alberto Casal, que xustifica compilacións como esta: “Y sobra decir que los tuyos  revisados -los artículos- tienen un interés perenne que debe pasar de la hoja de periódico al tronco macizo del libro” ( páxina 434).