Lois Pereiro, lido, analizado, traducido

Que lle podo ofrecer a quen me intente? Monográfico Lois Pereiro

GAELT

Coordenadores: Anxo Angueira e Teresa Bermúdez

Edicións Xerais, Vigo, 2011, 170 páxinas.

 

Edicións de textos inéditos, reedicións, biografías, antoloxías e ata achegamentos comiqueiros á biografía do poeta en banda deseñada. De todo deu, e en cantidades superiores á de anos anteriores e quizais tamén en calidade, o Día das Letras Galegas deste ano 2011, dedicado a Lois Pereiro. Botábase de menos, porén, o ensaio, o estudo monográfico verbo da obra, do significado da figura de Lois Pereiro ou da súa peculiar estética.

Chéganos arestora este pequeno volume, como froito dun proxecto concibido  dentro do Grupo de Análise e Estudo da Literatura e a Traduloxía (GAELT) da Universidade de Vigo, coordenado, nesta entrega, por Anxo Angueira e Teresa Bermúdez. O feito de ser Lois Pereiro un escritor complexo, senlleiro, pero transgresor, con non doada adscrición  no sistema literario galego, cun perfil biográfico igualmente peculiar, ateigado de tensións vitais, fai moi oportuna esta achega, composta de colaboracións, a súa figura e a súa obra.

Estrutúrase o volume en cinco seccións: retratos, análise, documentos, traducións e creacións. Xosé Manuel Pereiro, Paco Macías e Fermín Bouza revelan, nas súas breves colaboracións, algúns trazos que completan a biografía de Lois Pereiro ou a súa relación, por exemplo, co mundo da edición. A sección documental reproduce o texto dun recital no Pub Moka, en xaneiro do 96, no que Manuel Rivas fixo de presentador de L. Pereiro.

Son gabables así mesmo as traducións de varios dos poemas do poeta monfortino ao alemán, catalán, éuscaro, francés, inglés e italiano. Na sección de creación, os poetas Xabier Cordal, Estíbaliz Espinosa, Chus Pato e Dores Tembrás, dialogan cos seus versos ou prosas poéticas co poeta Lois Pereiro.

Con todo considero, en estima moi subxectiva por suposto, que as achegas máis salientables deste volume atópanse nas catro análises que sobre a obra de Pereiro escriben Manuel Forcadela (adscrición xeracional), Teresa Seara (dialéctica vida/morte na obra de Lois Pereiro), Xavier Seone (os planos existenciais e ontolóxicos) e Alberto Valverde (a linguaxe underground na poética de Pereiro). Constitúen catro aproximacións -penso que as únicas  publicadas ata o de agora- feitas desde o pensamento á vez rigoroso e afouto á obra poética dun lírico nada convencional.

Lois Pereiro

Fago unha pausa especial no artigo de Manuel Forcadela, por mor da fondura da súa análise. Partindo dunha acaída diferenciación entre “autoría real” e “ficción de autor”, considera o analista que cómpre ter en conta a análise das prácticas textuais de Pereiro e non o fetichismo que suscitou e segue a suscitar a súa imaxe, nomeadamente despois da súa morte. Tal diferenciación é necesaria para que non se perda no ocultamento a figura poética de Lois Pereiro. Calquera das etiquetas coas que se ten identificado a poesía da Xeracións dos 80 (autor intelectual, comprometido, hedonista, lector cultivado, culturalista, profesor, viaxeiro, cosmopolita, gastrónomo) non abonda por si soa para definir as prácticas textuais de Lois Pereiro, que se afasta, en non poucos trazos, do modelo de “ficción autor” da Xd80. A conclusión de Manuel Forcadela  é que Lois Pereiro representa unha ficción de autor dos noventa con prácticas textuais dos oitenta (“Droga, enfermidade, marxinalidade, cosmopolitismo, autodestrución , desolocación, morte, aniquilación, nostalxia, existencialismo son as bandeiras que se erguen fronte a aqueloutras mencionadas atrás”, páxina 34).En calquera caso, Manuel Forcadela resístese a deixar a marca Lois Pereiro en mans dos que queren facer  do poeta monfortino un  instrumento arrebaladizo en contra da Xd80. Lois Pereiro e a súa poesía atópanse nun “dos extremos da longa corda que tensa a  xeración dos oitenta, unha xeración tan diversa nos seus contido e formas que resulta precipitado reducila a unhas poucas fórmulas máxicas”, paxina 37).

Penso, con todo, que o verdadeiro interese do traballo de Manuel Forcadela áchase, á marxe dos intentos de adscrición xeracional de Lois Pereiro   -ata podemos fantasiar nunha condescendente rexouba do poeta fronte a estes intentos taxonómicos-, na análise  da figura do poeta, elaborada con acuidade a partir da diferenciación deses dous conceptos fundamentais e clarificadores: as prácticas textuais do autor real fronte ao fetichismo da súa imaxe.

Un lúcido manifesto de Lois Pereiro

Modesta proposición e outros ensaios

Lois Pereiro

Edicións Xerais, Vigo 2011, 83 páxinas.

Reitero o que escribín con ocasión da edición da única novela da autoría de Lois Pereiro: unha das consecuencias máis beneficiosas e perdurables do Día das Letras Galegas é a publicación de moitos textos escritos polo homenaxeado, inéditos un, outros editados, se ben espallados en revistas e xornais. No volume que comento, recolle Edicións Xerais a parte máis importante e significativa da prosa ensaística escrita por Lois Pereiro. En  Modesta proposición e outros ensaios recompila, en efecto,  Xerais dez textos ensaísticos do escritor monfortino, seguidos da derradeira entrevista (unha conversa entre Lois Pereiro e Manuel Rivas), e tres anexos nos que M. Rivas e Miguel Munárriz  esbozan o retrato de Lois Pereiro e analizan a súa obra.

Pola súa dimensión, novidade e radicalidade do seu pensamento, estimo que o texto más relevante do presente volume é o ensaio en cuxo título Lois Pereiro non aforrou palabras nin intertextualidades: “Modesta proposición para renunciar a facer xirar a roda hidráulica dunha cíclica historia universal da infamia”. Trátase dun breve ensaio estruturado en seis secuencias, que foi publicado orixinariamente  no número 27  de Luzes de Galiza (ano 1996) e incluído ao ano seguinte por Espiral Maior en Poemas para unha Loia. A persoa que mellor coñece a vida e a obra de Lois Pereiro, seu irmán Xosé Manuel, testemuña que estas prosas foron escritas na época febril dos últimos meses da vida do poeta e dan fe da súa curiosidade e preocupación pola vida. Nun intre no que as utopías do pasado estaban esvaecéndose, Lois Pereiro non se limita a levitar por riba da situación social e política do mundo que lle tocou vivir, senón que amosa, malia o trasfondo escéptico que transuda, unha radical carraxe e unha semellante determinación de loitar polos ideais que deberían facer do mundo unha sociedade máis xusta.

Un opúsculo – alegación, xa que logo, para espertarnos do marasmo fatalista. O escritor comeza exteriorizando o punto de partida: sigue estando de parte da Beleza e da loita polo que sempre foi considerado moralmente xusto e evidente, mais apandando con tantas traizóns e agresións na historia que non nos permiten ser inxenuos, porque a vítimas de antes pretenden ser agora verdugos. A súa situación ideolóxica, allea porén a calquera militancia política, nútrese coas mesmas ideas que cando tiña dezaseis anos. Os seus ideais aliméntanse  cos mesmos libros e autores,  a maioría deles cultivadores dun pensamento libertario de esquerdas. Ao analizar a situacións actual, o que atopa son malos tempos para a reflexión e a resistencia, sumidos nun “imperio zombie” de Microsoft mental e de autoestradas da información. E sobre todo, unha impoñente capacidade humana para crear horror e facer ilimitado o mal. Así pois, a eterna historia criminal do poder, que non pertence, como no caso de Borges ao campo da ficción, senón que é ben real: sempre houbo amos e escravos.

Lois Pereiro

Desde estas premisas, Lois Pereiro anticipouse máis de tres lustros a Stéphane Hessel e cunha prosa de moita maior calidade, a convocarnos á indignación e á sabotaxe (páxina 19). O ensaísta tampouco elude dirixir a súa ollada sobre o seu propio contorno, sobre Galicia: “E aquí entre nos ‘os bos e xenerosos’ cos demais, seguimos a sufrir os nosos ‘tempiños’ coma sempre, neboentos, queixosos e inmutables, sen rebeldía activa, sospeitando da nosa propia sombra e das intencións dos demais”(páxina 21). Verdugos, pois, da nosa propia autoestima e dignidade.   Finalmente amosa o escritor o seu espírito libertario e rebelde sobre todo na súa militancia lingüística: “porque quero, me peta e me dá a gaña”.

Velaquí algunhas das ideas desta chamada de Lois Pereiro. A lóxica do seu pensamento é inapelable. L. Pereiro estaba claramente da parte dos que intentaban non contribuír a esa rolda universal opresiva e maldita e mesmo nos propón armas para a loita: dinamita contra os seus futuros disfraces, ironía contra os seus enganos publicitarios. O Amén final desta pequena alfaia en forma de ensaio confirma de xeito solemne a vontade de non ser cómplice do que nos indigne ou avergoñe.

Lois Pereiro literaturizado*

A palabra exacta. Biografía de Lois Pereiro

Antón Lopo

Editorial Galaxia, Vigo 2011, 185 páxinas.

 

 Poucas plumas con tantas credenciais no seu haber como a de Antón Lopo para achegarnos a biografía literaturizada de Lois Pereiro, o poeta que ventou a morte durante boa parte da súa existencia, pero que xamais deixou de crer na vida. Antón Lopo, desde a coordinación dos Suplementos “Revista das Letras” e “Chineses”, agasallounos coas imaxes máis fermosas e cos textos máis lúcidos verbo do poeta monfortino. As páxinas dos “Chineses” do mes de xuño de 1996 estaban dedicadas a Lois Pereiro. A recaída que segaría a vida do poeta o 24 de maio dese ano, abortou a cita. A entrevista pactada daquela aparece arestora en forma de libro. Unha biografía, A palabra exacta, que fende as pautas canónicas do xénero e nos abeira á existencia e á obra de Lois Pereiro, a partir de entrevistas  coas persoas máis achegadas a ese  corredor de fondo da vida e da escrita. É a palabra exacta da nai que nos transfire os fitos fundamentais da vida do fillo: a infancia que pasa comendo papas porque lle arrincaran os dentes de abaixo pola dor das enxivas; a derradeira etapa, un monte de ósos cuberto por una pel fina e a literatura convertida no seu último refuxio. O testemuño do irmán, que debuxa asemade a infancia de xogos, a educación recibida en castelán e o “galego antigo” que aprenden imitando aos feirantes monfortinos e reciben dos labregos do Incio. E a entrega de Lois á estética como agocho dun “dandy”, que moldea os seus espazos vitais de acordo cos impulsos da súa alma. Polas lembranzas de Piedade, o grande amor do poeta, a súa alma siamesa, sabemos que Lois escollera a vida e non as bibliotecas, que era un obseso da palabra xusta, da súa vocación “dandysta”, das viaxes iniciáticas, da intoxicación polo aceite de colza ata se converter nun esqueleto extravagante.

Antón Lopo

Antón Lopo dálle voz así mesmo á irmá, a Fernando Saco e Manolo Rivas, amigos e compañeiros do piso de Madrid, onde se practicaba un galeguismo libertario. Por eles coñecemos a adición á heroína, as tentativas de desintoxicación, a fuxida do tobo de Monforte onde tanto inzou a droga. E para alén destas “hemorraxias invisibles” e dos “erros cometidos na vida a contrafío”, Lois Pereiro e os seus poemas. Poesía existencial, por veces magoada – un entrelampo no medio da enfermidade, en palabras de M. Rivas – outras na que o verso agatuña con carraxe pola árbore da vida.

Este é o Lois Pereiro que, a través do calidoscopio de familiares e amigos, retrata Antón Lopo, afatándose do ton haxiográfico para detallar as pequenas e grandes miudezas que converten a vida dunha persoa en algo exclusivo, de seu. O xornalista monfortino, sen falsear a realidade, literaturiza con man mestra e de tal xeito a existencia de Lois Pereiro que o seu relato acaba atrapándonos como se fose ficción.

* Este texto foi publicado o día 20 de abril de 2011 no xornal El Correo Gallego. Para ver o orixinal pinchar aquí

 

Lois Pereiro, Náufragos do paradiso

Náufragos do paradiso

Lois Pereiro

Editorial Galaxia, Vigo 2011, 103 páxinas.

 

   Un dos efectos máis rendibles e perdurables do Día das Letras Galegas é, sen dúbida, a eclosión de moitos textos escritos polo homenaxeado. Inéditos uns, e espallados outros en revistas e xornais. É o que está a acontecer cos textos literarios de Lois Pereiro, cuxa obra editada como libro reducíase a tres títulos, todos eles de poesía. Soamente os que tiveron un contacto frecuente co escritor monfortino sabían das súas incursións na narrativa e no ensaio. Son estes os que están agromando nestas datas en forma de textos editados. Un dos máis novidosos e interesantes é esta súa única novela, Náufragos do paradiso. Acompañan a novela un pequeno relato,  “Insomnio”, baseado nun dos capítulos da mesma, e un Limiar moi esclarecedor que nos chega da man de Xosé Manuel Pereiro. Sabemos así que Lois Pereiro comezou a escribir o texto desta nouvelle a finais dos 70, con vinte anos, durante a súa estadía en Madrid. O texto foi retomado e retocado en varias ocasións e finalmente apareceu publicado en Luzes de Galiza, ao ano seguinte do pasamento do poeta.

Nesa Introdución podemos esculcar os trazos do narrador que Lois Pereiro puido chegar a ser. Define o prologuista este texto como “Novela inacabada pero non incompleta”. Termos que semellan incompatibles, mais non o son, pois, en efecto, a novela non carece de ningún elemento para ser ese proxecto que o autor matinou e iso demóstrao a páxina final na que semella que podemos estar lendo unha sorte de desenlace. Pero, ao mesmo tempo, é unha novela inacabada, xa que seguramente o escritor pensaba someter o texto a novas revisións, co fin de perfeccionalo.

Náufragos do paradiso é unha novela de difícil categorización, especialmente se o lector / crítico non é capaz de traspasar as coordenadas canónicas da novela  tradicional e o seu esquema estrutural: presentación, desenvolvemento, desenlace. Eses acontecementos están ausentes do texto de Lois Pereiro. Mesmo se trata dunha ficción sen argumento, mais non sen tema, que neste caso non se extrae fundamentalmente da historia, senón de todas e cada unha das liñas deses oito capítulos que lle dan forma, da puxanza desa prosa poética coa que o escritor de Monforte narra este rodopío de sentimentos e experiencias de vida.

Desde a primeira escena, nunha sorte de congreso onírico, que se inicia co acordar de Aián dun soño que fuxía, aparecen os outros personaxes: Lisania, Mimsi, Helena e, sobre todo, a personalidade atormentada  de Bernald, trasunto literario do escritor, na súa inexorable travesía cara á “pálida beleza da morte prematura. A eterna historia do que vence” (páxina 35). A presenza da morte é un elemento importante neste texto e en toda a obra do poeta, pois en definitiva, como se apunta no Limiar, lembrando a Borges, Lois Pereiro escribiu durante toda a súa vida un único libro. Xa dixera o monfortino que, se os poetas non saben expresar a morte na súa obra, o que escriben é totalmente prescindible.

Lois Pereiro

Como prolongación da visión onírica da que está imbuído o texto, cómpre salientar o seu carácter simbólico. Esa prosa de elevada intensidade poética estanos falando de realidades intanxibles alén das palabras: o sentido da noite, da amizade, do desexo, do sexo, das arduas relacións interpersoais , do amor, unha hemorraxia histérica que, ao non internarse nas veas, crea pouco a pouco as bases da agresión. Da vida chea de ruído e furia, das fronteiras entre a cordura e a tolemia.

O estilo da prosa non soamente é moi elaborado, malia a falta desa revisión definitiva. Tamén é moi denso, debedor do rexistro poético. Estilo enumerativo, ornado con moitas aliteracións (“A verde viaxe verde, non era rubia”, páxina 40). Penso así mesmo que, xa aos vinte anos, Lois Pereiro soubo prever e detectar as sendas por onde camiñaría a narrativa hoxe en día na vangarda. Unha narrativa na que o debilitamento  das barreiras entre os xéneros, novela – poesía no seu caso, e a intertextualidade son prácticas fundamentais. Náufragos do paradiso é unha boa proba. Tamén niso foi Lois Pereiro un adiantado.

En canto á lingua, boto en falta criterios de edición. Seguramente que o orixinal presentaba algunhas erratas, erros tipográficos e outros relacionados coa propia normativa xerada polo autor. Nada se nos di verbo dos criterios cos que se edita este texto, criterios que semellan erráticos nalgunhas ocasións. Así emprégase o adverbio fóra con til e sen til (“Fora del, noutra parte” páxina 38; “Fóra da liña que fago no tempo”, páxina 44). Hai outros erros como o emprego de rota como sinónimo de ruta. Rota é un galicismo que significa, segundo o Dicionario da Real Academia  Galega, camiño na neve. Xa que logo, non semella aconsellable o seu emprego na frase “na rota do soño” (páxina 42). Se a escolla é pola propia normativa do autor, non parece entón moi coherente normativizar, entre outras palabras, espacio (espazo), diferencias ( diferenzas),  pois así é como as escribiu Lois Pereiro. Con todo, estes erros, non desmerecen os méritos da única novela de Lois Pereiro, mais deberían estar ausentes na edición deste texto fundamental para coñecer unha nova faceta dese escritor que ventou o alento da morte durante toda a súa existencia, pero moi poucas veces deixou de crer na vida.

A póstuma furia amatoria de Lois Pereiro

Conversa ultramarina

Lois Pereiro

Edicións Positivas, Santiago de Compostela 2010, 118 páxinas.

Foi Piedad R. Cabo a que fora parella e “cómplice ata o final” de Lois Pereiro, quen decidiu que tiña que ser Positivas a que editara este diario – carta inédito do poeta monfortino. E o editor, Francisco Macías, aceptou encantado. E non só porque Positivas foi o selo que editou os dous únicos libros que Lois Pereiro escribiu en solitario (Poemas 1981 – 1991, Poesía última de amor e enfermidade 1992 – 1995), senón sobre todo pola empatía que en vida e despois da morte semella existir entre unha editora pequena, “heterodoxa”, refuxio dalgúns dos malditos do sistema literario galego, e un poeta como Lois Pereiro que recibiu cualificativos coma estes: “poeta da disonancia e da paixón” (Chineses 7 / 6/ 1996), “ conduce ao lector polos camiños da poesía da experiencia. Poesía como un arreguizo, poesía dura e descarnada” (Helena González), poesía “con resonancias metálicas, frías, que cumpren a función necesaria para plasmar un mundo caótico” (XGG).

Lois Pereiro, membro dunha xeración perdida na que el mesmo se inclúe, cunha vida a tumba aberta, escribiu estes textos de Conversa ultramarina entre os meses de marzo e xuño de 1995. Unha longa carta, concibida a xeito dun diario e dividida en dúas partes. Dirixida á muller que sempre amou aínda que xa había tempo que deixaran de ser parella. Nunha “Nota á edición”, asinada polo filólogo Hugo Martínez, dáse noticia da orixe, datas e vicisitudes da obra, así como dos criterios de edición destes textos que Lois Pereiro escribiu con absoluta liberdade, mesturando idiomas (galego, español, inglés), e nos que prevalece non a corrección lingüística, senón a necesidade de comunicación coa persoa cuxas almas considera que son pouco menos que siamesas.

Lois Pereiro ( Foto: Nacho Santás )

Tanto o editor como o prologuista coidan que Conversa ultramarina pode lerse como o limiar de Poesía última de amor e enfermidade. Lois Pereiro está a experimentar por aquelas datas a segunda oportunidade que lle dera a vida. É consciente deste seu segundo renacer, mais tamén da precariedade do momento. Xa que logo, concéntrase en amar (“conxugando as verbas vivir e amar / en primeira persoa do plural / reducidos ás formas do presente” (…)  “mentres bordeo a fronteira entre dous mundos”, Poesía última de amor e enfermidade, páxinas 35, 45 ). Esa mesma obsesión amorosa aparece nunha entrevista que, asinada por Dario Janeiro, foi publicada o 25 de xaneiro de 1996. Confesa Lois Pereiro que escollera a forza da vida despois dun proceso autodestrutivo  máis mental que físico. A súa resurrección leva o nome do libro de poemas que acaba de ver publicado. Logo fai referencia a un texto de Raymond Carver que en boa medida define  a teima que está vivir o poeta monfortino: “Raymond Carver escribiu xusto antes de que a morte o levara: ¿E conseguiches o que querías desta vida? Conseguino, si. ¿E que querías? Considerarme amado, sentirme amado na terra. Se escribimos, se rimos, se nos vestimos todas as mañás é simplemente para que nos queiran”.

Os pequenos fragmentos desta carta – diario amosan sobre todo profundas vivencias, as intimidades e reflexións dunha persoa con inmensas ganas de vivir, que escribe á marxe de calquera sentido lóxico e que necesita facer patente as súas necesidades de amor. “Cando non podo estar con quen amo, intento amar a quen está comigo. Non sei se está ben, e non sei se está mal, pero así de momento, non vou perdendo altura e me manteño nas alturas”. Nunha escrita fondamente existencial e fragmentaria na que fan acto de presenza todos os referentes artísticos e literarios de Lois Pereiro e na que a mesma diversidade lingüística enriquece o texto, porque non é algo caótico, senón que responde, en efecto a un “patrón vivencial” (Hugo Martínez), que Lois Pereiro ten en conta en función da destinataria das entradas (castelanfalante) ou da expresión das súas propias experiencias e do diálogo consigo mesmo.

Velaquí pois un texto imprescindible para coñecer o poeta. O testamento vital dun home que venta o alento da morte, pero que aínda cre na vida e que estaba a punto de escribir o seu memorable e estremecedor epitafio: “Cuspídeme enriba candos pasedes / por diante do lugar no que eu repouse / enviándome unha húmida mensaxe / de vida e de furia necesaria”