Libros perigosos

Libros peligrososLibros peligrosos web ampliadoooooooooooo
Juan Tallón
Larousse Editorial, Barcelona, 2014, 271 páginas

Malia que Juan Tallón segue a ser un escritor “sen pose nin carreira” e non lle gusta tomarse en serio, está a consolidarse como tal, tanto na narrativa galega como na escrita en castelán. No ano no que andamos, Juan Tallón sacou do prelo dous libros tan orixinais como peculiares: Manual de fútbol. Un libro fuera de juego e esta peza, Libros peligrosos, editada recentemente por Larousse. Un libro de non doada clasificación xenérica, mais que pode ser lido como unha singular novela de libros. Unha novela verbo de cen libros, sobre unha selección de libros que acolle no seu seo novelas, relatos, poemarios, ensaios, tratados de filosofía. Obras literarias que no seu día pasaron pola peneira dun lector teimoso e ao mesmo tempo un chisco heterodoxo.
Juan Tallón achéganos as reflexións que no seu caletre suscitaron eses libros, lidos con ollo atento e á vez cínico e un pouco pillabán. Unha lista de libros que non debe de ser interpretada como unha listaxe redonda, canónica, porque nin existe o mellor escritor nin os mellores cen libros.
Xa na lectura inaugural percibimos a marca, os azos e folgos das súas “recensións”. En pouco máis de media plana, Juan Tallón achéganos as claves máis clarificadoras dunha novela, dun poemario, dun diario, dunha autobiografía, dun ensaio ou dunha densa obra filosófica. Son cen títulos amalgamados de tal xeito que chegan a constituír unha novela de libros. Conectados entre si, ou ao menos por parellas, de forma enxeñosa e, por veces, argallante. Un reto que semella imposible de acadar, mais o autor consegue vencellalos por lazos escriturais.

Juan Tallón

Juan Tallón

 

Sorprenden polo insólito da relación as conexións de Dino Buzzati e Parménides, de Juan Rulfo e William Faulkner, de Philip Roth e Kant, e a do profesor de Könisberg con Iñaki Uriarte; de Onetti con Kafka, de Mario Levrero con 2666 de Bolaño, ou do “non” de Álvaro Cunqueiro a José Manuel Lara e o “non” de Wittgenstein ao seu editor.
Juan Tallón, como outrora fixera Henry James, traballa desde o envés do espello e elabora desde ese reverso textos verbo do mester escritural: Comentarios luminosos, que se sitúan máis alá ou máis acá -ou quizais nas estremas- da crítica literaria. Mais, ao mesmo tempo que nos ofrece aos lectores informacións curiosas, fainos partícipes dun cadoiro de sensacións qeu a el lle produciron de escritores imprescindibles, á marxe de épocas e de xéneros. Son eses “libros perigosos” porque algunha vez o subxugaron, ou se viu na obriga de lelos sen chegar a entendelos nin na primeira nin na segunda lectura. Xustamente o que agardaba o seu autor -Wittgenstein neste caso-. E cuxas pegadas nos achega arestora como incorrixible letraferido.

(Texto publicado o día 25 de novembro de 2014 no xornal El Correo Gallego. Para ver o orixinal, pinchar aquí)

“Libros peligrosos” de Juan Tallón, hoxe nas librerías

Libros peligrososLibros peligrosos web ampliadoooooooooooo
Juan Tallón
Larousse Editorial, Barcelona, 2014, 271 páxinas
(AVANCE EDITORIAL)

Non cabe dúbida de que o ano que andamos, 2014, está a ser o das tullas cheas de Juan Tallón. Dous libros tan orixinais como peculiares no seu haber. Algúns xa o presentíamos cando o 4 de setembro de 2010, tiñamos o pracer de ler e declarar finalista do Certame de Novela Curta Manuel Lueiro Rey a súa proposta metaliteraria, A pregunta perfecta (O caso Aira-Bolaño). Hoxe Juan Tallón edita con regularidade en castelán. Dúas pezas de distinta fasquía publicadas neste ano: Manual de futbol. Un libro fuera de de juego, editada por Edhasa, e este libro de libros peligrosos, unha ollada  aos libros dos grandes autores pasados polo seu cribo persoal, que hoxe Larousse Editorial acaba de poñer nas librerías de todo o estado. Porén Juan Tallón segue a ser un escritor “sen pose nin carreira” e non lle gusta tomarse en serio.
Como benvida a esta orixinalísima proposta literaria no día no que inaugura a súa vida de cara aos lectores e en espera dunha repousada e meditada reflexión sobre o mesmo, ofrezo a presentación editorial que sobre este libro “peligroso” nos achega o seu selo editor de arestora: Larousse Editorial; si, esa editorial de enciclopedias e dicionarios que hoxe tamén experimenta outros camiños editoriais, entre eles a narrativa.

Juan Tallón encamado polo virus dos libros peligrosos

Juan Tallón encamado polo virus dos libros peligrosos

“No seu paseo por 2000 anos de literatura, Juan Tallón escribiu un libro que nin el mesmo sabe en que xénero clasificar, mais iso é o de menos. Os lectores van gorentar a particular visión que este autor aínda mozo ten dun cento de títulos que son de «obrigada lectura», por mor das máis variadas razóns. Este índice comentado de «libros peligrosos» que publica Larousse Editorial acolle no seu seo novelas, contos, poemas, ensaios, tratados de filosofía e «artefactos literarios» tan suxestivos como o volume que lles da acubillo.
A Tallón non lle son alleos ningún estilo, autor ou época: os Crímenes ejemplares de Max Aub e El mejor de los mundos de Quim Monzó, a monumental 2666 de Bolaño ou os condensados relatos das Ficciones de Borges, clásicos da literatura hispana como Cien años de soledad, Conversación en La Catedral ou Pedro Páramo altérnanse con El guardián en el centeno, Trilogía USA, La señora Dalloway, El hombre sin atributos ou Bella del Señor. Nesta viaxe apaixonante tamén aparecen Parménides. Kant ou Wittgenstein, e o relato avanza suavemente, relacionando a Giovanni Papini con Martin Amis, a D.H. Lawrence con Gay Talese, a Bret Easton con Mario Levrero ou a Georges Perec con Flaubert sen que se vexan as costuras.
Tallón gusta da frase rotunda e é un mestre no emprego das citas. Desde a primeira páxina atrapa o lector, que devora atónito, sen posibilidade de se relaxar, a súa prosa ateigada de ironía e humorismos. Ao describir a pegada das súas lecturas abre infinitas posibilidades a aqueles que se aventuran no seu libro e, tal como el mesmo di verbo de Faulkner, pon na pista os seus lectores, “das hortas máis fermosas ás que se pode ir roubar froita no verán”. Son todos “libros peligrosos” polo que teñen de aditivos, pracenteiros, desconcertantes, imprescindibles, enmeigantes…como o propio Tallón”