A NANA FIDELIA TIÑA O RITMO NAS TETAS

As miñas nanas negras

Amalia Lú Posso Figueroa

Tradución de Isaac Xubín

Kalandraka Editora, Pontevedra, 2019, 184 páxinas.

 

Grazas a excelente tradución ao galego de Isaac Xubín podemos ler na lingua de noso Vean, ve mi nanas negras, y viaxar cos  ritmos de Amalia Lú Posso Figueroa ás terras chocanas, na Colombia que mira ao Pacífico; e  toparnos, quilómetros máis abaixo co Bulevar do Ron en Buenaventura (Departamento del Valle del Cauca), ese lugar desolado coa rapazada negra a revoar. Mais xa Antón Avilés de Taramancos en  Nova Crónica das Indias observara  que de noite a música transforma aquel curral fedorento nun escenario de fantasías. Xente variada no Bulevar do Ron. Mariñeiros de todos os navíos ancorados no porto. Contrabando, droga, mafia negra, mafia branca. Mullerío. Mulleres negras, brancas, loiras. Mulatas de quince anos como estrelas escuras. Unha noite inverosímil atoparía Avilés algo do transfundo da infancia, o Andrucho que viñera no Olga de Le Havre, barco de moito mar que levara a primeira remesa de armas para a guerrilla unificada do baixo Caquetá, fundadada e dirixida polo comandante Marulanda.  No porto de Buenaventura, Avilés de Taramancos e Andrucho cantan cantos de mocidade e xa se decatan do ritmo, da alegría, dos días de festa das mulleres do Chocó.

Amalia Lú Posso Figueroa é natural de Quibdó, ao norte de Buenaventura, pero tamén chocoana: “O río Atrato levou os meus ollos a viaxar, a chirimía coa súa música, ensinoulle o meu corpo a mexerse e as miñas nanas negras encheron de fantasías as interminables tardes cheas de relatos barulleiros.” Un libro breve no que a autora recompila vinte e cinco contos, transcricións das súas homenaxes á narración oral da súa terra natal, o Chocó colombiano ancorado entre o Caribe e o Pacífico. Relatos que foron orais e que deixan nos que teñen o privilexio de escoitalos de viva voz, os sons da narradora, o sabor dos movementos insinuantes, os seus contoneos, desvergoñas que desbordan a sensualidade de Amalia Lú, se ben sen perder nunca a elegancia aristocrática.

E sobre todo un canto á vida, unha exaltación dos ritmos, o punto de  partida de todo. En efecto, cada nana negra que Amalia trae á escena leva na herdanza dos seus xenes o ritmo nunha parte do seu corpo que exerce como compás e leme: as tetas, as nalgas, as axilas, o nariz, o susuné, boca, corazón: “As mamilas das tetas de nana Fidelia sinalaban o sur e o norte, o oriente e o occidente, arriba e abaixo, o centro e o dentro, simbolizan sempre a ruta axeitada” (páxina 11). A nana Limbana Pretel tiña o ritmo no susuné. Bella Paz Murillo Palomeque, a nana Bella, a muller máis fea que se contemplara en todo Quibdó e nos seus arrabaldes tiña o ritmo na boca. Outras nanas chocoanas levan o ritmo no corazón, no pan, que é como lle chaman no Chocó á vulva, no talón, nos ollos, nas cadeiras, no clítoris, no embigo, na ollada no saudar, nas costas, entre as pernas. E así vinte e cinco chocoanas movidas polos ritmos. Contos que son ritmo e son baile, pel e corazón;  e pequenas historias en consonancia con natureza dos ritmos.

Contos amalgamados coas partes do corpo que amosan a ledicia dos días, esa festa que consiste en estar vivo hoxe e mañá..

 

Amalia Lú Posso Figueroa

 

Relatos que son una viaxe á Colombia menos coñecida, ata esa rexión do Chocó, noutrora terra de escravitude, onde a pel e negra e a terra fértil,  e os días veñen un tras outro ao ritmo de nana. Relatos que constitúen un xesto de afirmación da cultura local da rexión do Chocó, e unha reivindicación   dunha literatura nacional colombiana máis inclusiva que recoñeza o protagonismo da rexión do Pacífico Colombiano, das mulleres afrodescendentes, da figura da nana, do erotismo feminino que si ser o único empoderamento persoal e cultural, é algo importante. Colombia, grazas a visión dunha escritora, formada desde nena na oralidade, xa non é soamente o río Magdalena, Aracataca ou Macondo. Como repite a autora, os relatos, verdadeiras recreacións literarias das mulleres que ocuparon a súa nenez, enchen de fantasías as interminables tardes ateigadas de relatos buliciosos e metéronme o “corrinche” de gozar con todos os ritmos que ten o meu corpo. Así pois, un recoñecemento a identidade cultural e una recuperación da oralidade

Advertisements

Cervatos

Cervatos

Lucia Novas

Kalandraka Editora, Pontevedra, 2017, 94 páxinas.

 

A miña salutación para Cervatos, un libro senlleiro de Lucía Novas, unha poeta aínda nova, que desde o ano 2010 non publicaba un poemario independente, malia ese gusto ou obriga de encadear palabras  na súa mente, pois que iso é a poesía para a autora: “a necesidade máis íntima, a substancia da vida…círculos purificadores, pomadas reconfortantes”, como escribe na súa autopoética. Con este poemario que nestas datas publica Kalandraka Editora na prestixiosa colección Tambo, a poeta instálase nunha nova banceira , arriscada sen dúbida, mais sen carruncho. A de pór en palabras a “beleza do efémero, dos obxectos superfluos  e das atmosferas kitsch”. Poesía pois do fuxidío, da variabilidade, da indeterminación, dos retallos que están na esencia do vivir, como esa cadeíña fina, o fento silvestre, on encaixes “sobre a pel /extraviados”. Mais tamén do amor e do desexo, que xorden como abrollos e que devoran mesmo desde a nostalxia ou que nacen “na liña moura do teu ventre”.

Pero, sobre todo, poesía en. Poesía esteada no vigor das palabras da lingua de noso, na súa eufonía, no efecto da súa sonoridade e harmonía que actúan na función rítmica do poema. Cada palabra pode ser un poema. Abonda con ler o primeiro: os gatos monteses, os arandos, os lobos, as tobeiras, as crisálidas, as orquídeas…as saias con amidón, as cabanas, os teixos, o cuarto da costura,o xenxibre, as campánulas…

 

 

Lucia Novas

Poesía híbrida erguida coa técnica da colaxe. Unha escrita lírica que, ao xeito de certas artes plásticas, combinas materiais moi diversos, procurando un experimentalismo que acentúa a complexidade orgánica e a tensión polisémica do texto. Un procedemento que empuxa o poema por esa vía da trangresión posmoderna dos xéneros literarios. Lírica, xa que logo, esteada na superación do concepto tradicional de poesía. A poeta non é cativa nin da métrica nin da rima, xeradoras por veces de mares de versos aprisionados. Versos anisosilábicos, versificación libre e aberta, mais non por iso carecente de forma. A  voz lírica de Lucia Novas asume con éxito a retesía de crear novas ancoraxes para os seus poemas, esculpindo, estirando, engrosando as posibilidades da lingua, a verdadeira patria do/da poeta.

(Texto publicado no xornal El Correo Gallego de Santiago de Compostela, o día 30 de xaneiro de 2018. Para ver o orixinal, facer clic aquí)

Novela de iniciación e camiño

 

Tantos cabaliños lindos

Cormac McCarthy

Tradución de Eva Almazán

Faktoría K de Libros (Kalandraka Editora), Pontevedra, 2013, 301 páxinas

 

 

   Gregario solitario e estudoso dos sistemas complexos, Cormac McCarthy está considerado, porén, como un dos grandes escritores vivos da narrativa norteamericana. Kalandraka Editora ofrécenos agora a posibilidade de ler na lingua de noso o primeiro dos volumes que compoñen a Triloxía da Fronteira, en acertada tradución de Eva Almazán.

   A novela de McCarthy narra en efecto unha historia de fronteira. Ambientada no ano 1949 nas terras estremeiras entre Texas e México, o autor centra a súa trama no personaxe de John Grady, un mozo de dezaseis anos, fillo de pais separados que, tras a morte do seu avó, acorda fuxir a cabalo cara México, acompañado polo seu mellor amigo, Rowlins, para atoparen todo un mundo marcado pola dureza e a violencia: paisaxes áridas, penedosas, tan inclementes como o desarraigamento do que son acaída metáfora.

    

Cormac McCarthy

Unha novela de aprendizaxe con resonancias épicas, de camiño interior e xeográfico que nos achega personaxes solitarios, de poucas palabras, na procura de si mesmos, mergullados na ferocidade dunha terra de fronteira. Ateigada de escenas dignas das mellores películas do oeste e escrita co estilo e a feitura propia da narrativa de McCarthy: unha acción que transcorre con lentitude, con diálogos parcos, mais moi potentes como se reflectisen a sequidade do ambiente. Maxistral construción dunha trama onde, a diferenza da desolación faulkeriana, ten cabida unha certa esperanza in extremis.

 

(Texto publicado no xornal Faro de Vigo o día 20 de xullo de 2013)

Unha dicotomía na historia alternativa de Mark Twain

 

Un ianqui na corte do Rei Artur

Mark Twain

Tradución de Carlos Acevedo

Faktoría K de Libros (Kalandraka Editora), Pontevedra, 2013, 433 páxinas.

 

   Samuel Langhorne Clemens (1835-1910), máis coñecido polo pseudónimo Mark Twain, adoptado en lembranza dos seus anos de piloto fluvial (“marca dous” ao botar a sonda), non pretendeu ser máis ca un escritor modesto, sen aspiracións de alta cultura. Porén, hoxe en día está considerado como un dos grandes clásicos universais que nos ofrece a literatura norteamericana. Dunha das súas obras, Huckleberry Finn recoñece o mesmo Hemingway,  que xurde toda a literatura moderna norteamericana. Escritor de xinea progresista, na súa obra que el nunca pensou que puidese ser propiamente literatura, déixase sentir un talante popular, humorista, por veces corrosivo  aínda que as críticas máis acedas e duras foron arrancadas dos seus manuscritos pola súa muller. Como pano de fondo da súa obra, cómpre ter en conta a grande expansión e popularidade da narrativa norteamericana que no século XIX acadou a súa idade de ouro. Literatura en xeral puritana, que ten en Mark Twain un perfecto contrapunto, xa que se converteu nun crítico radical da maneira de vivir norteamericana e, sobre todo, da ideoloxía que a alimentaba. As súas obras máis coñecidas son As aventuras de Tom Sawyer (1876)  e Huckleberry Finn (1884). Non obstante, escribiu outros libros que acadaron a fama. Un deles é A Connecticut yankee in King Arthur’s court ( 1889) e que arestora nos ofrece Kalandraka Editora en tradución de Carlos Acevedo.

   Nesta obra, así como en Personal recollections of Joan of Arc (1896), Mark Twain emprega o recurso do desprazamento temporal cara ao pasado da historia para conseguir un resultado humorístico. Un ianqui na corte do Rei Artur  está escrita coa intención de inserir as ideas relixiosas e políticas, así como os coñecementos tecnolóxicos do século XIX nunha ficción  satírica de cabaleiros  que se desenvolve no reino de Camelot.

   A novela preséntanos o diario ficticio dun mozo norteamericano, Hank Morgan, especialista metalúrxico, que tras recibir un golpe na cabeza, esperta transportado cara atrás no tempo, no ano 528, nos gloriosos anos do Rei Arturo. Capturado e levado ao castelo real, é condenado a morrer na fogueira. Mais o americano bota man dos seus coñecementos para predicir un eclipse solar e líbrase así da execución. Pensando que  posúe poderes máxicos, o Rei Arturo noméao ministro a perpetuidade. Coa axuda de Clarence moderniza o reino, cos ollos postos non no altruísmo, senón no negocio, como el mesmo

Mark Twain

confesa. Un labor que non lle resultará doado pola aciaga influencia  das institucións: a igrexa e a monarquía nomeadamente, inimigas do progreso tecnolóxico e de todo aquilo que soe a modernidade.

   Unha novela concibida orixinariamente como unha sátira, aínda que os seus dardos cambian de destino ao longo da obra: comeza satirizando os tópicos románticos e os males da Idade Media (superstición, tiranía, escurantismo, o poder da nobreza e da Igrexa Católica, a monarquía absolutista) contrastándoos cos valores do progreso, da democracia e da tecnoloxía, pero nunha sorte de xiro apocalíptico, Mark Twian, na segunda parte da novela, termina pondo en cuestión a superioridade do progreso moderno e a industrialización que cavan  o seu propio sartego porque ninguén é capaz de controlar as súas bases. Endalí, que ao final Merlín acabe con Hank Morgan. O mito da superstición e a ignorancia fanse co triunfo e sobrepóñense ao espírito científico.

   Así pois, unha viaxe no tempo cara ao pasado cunha clara lección: a tecnoloxía é capaz de acadar conquistas sorprendentes en moitos campos, pero, ao final, non é quen de transformar a mentalidade da xente para que se afasten da superstición e as persoas pensen por si mesmas.

 

A creba do soño americano

 

 

Pastoral americana

Philip Roth

Tradución de Fernando Moreiras

Faktorís K de libros ( Kalandraka Editora), Pontevedra, 2013, 469 páxinas.

 
 

   É un verdadeiro agasallo para unha lingua e os seus falantes a tradución e edición na mesma dunha peza literaria como Pastoral americana de Philip Roth, un dos grandes escritores norteamericano vivos. Ata hai unhas semanas toda a obra do escritor nado en Newark estaba vertida ao castelán. Ningunha á lingua de noso. Secasí, arestora xa podemos gorentar en galego da primeira novela da “Triloxía americana” de Roth, Pastoral americana.

   Philip Roth ergue a súa novela arredor do soño americano e o seu doloroso esnaquizamento a finais dos anos sesenta.A novela, en efecto, pode ser lida como a gran saga verbo da construción dese soño e a súa tráxica fenda no seo dunha familia xudía americana, que Roth nos achega  a través da historia de Seymour Levov, un mozo xudeu, modelo paradigmático dese home nacido para ser un heroe, con todas as garantías para triunfar na vida.                                   

Philip Roth

  

A encarnación, pois logo, do soño americano. Mais no decurso da novela, co pano de fondo da guerra de Vietnam e as protestas de moitos mozos e mozas, entre eles a filla de Levov, sobrevén a traxedia e o esborrallamento  da vida e da familia do protagonista. Roth ilustra de xeito maxistral a creba desa maneira de ver o mundo: a idea de que Estados Unidos é o pais  dos triunfadores. Ese soño encova unha besta de mil caras que o autor reflicte con gran acuidade. Excelente e crúa metáfora pois do esfarelamento dun soño.

 (Texto publicado o día 6 de xuño de 2013, no suplemento Faro da Cultura, páxina VII, do xornal Faro de Vigo)