Fin de poema
Juan Tallón
Sotelo Blanco Edicións, Santiago de Compostela, 2013, 134 páxinas.
Juan Tallón (Vilardevós, 1975) é, na miña estima un dos narradores emerxentes máis relevantes da literatura galega, e tamén da que se pode ler en castelán porque as súas obras están comezando a ser traducidas e editadas en español. Un autor moi interesante porque as súas tres novelas ata agora editadas (A autopsia da novela, 2007, A pregunta perfecta, 2010 finalista do premio Lueiro Rei dese ano, e Fin de poema, 2013, obra gañadora do devandito premio o pasado ano) acreditan unha escrita innovadora, vangardista, fragmentaria, minimalista e metaliteraria por veces, que nada ten que ver con tanta (pseudo)literatura, irrelevante e comercial que con frecuencia alaga o mercado.
A novela que comento, recentemente saída dos prelos de Sotelo Blanco, é unha mostra paradigmática dos anteriores xuízos. Mais con esa forma de enfrontar a construción dunha novela, Juan Tallón non se converte no último mohicano, senón que se xunta a esa tendencia representada por moitos dos grandes escritores actuais que novelan doutro xeito, convertendo a escritores, artistas ou intelectuais en personaxes de ficción, convencidos de que as fronteiras entre realidade e ficción andan revoltas na narrativa actual e as vidas ou intres desas vidas poden ou deben ser recreadas en invencións perfectamente ficcionais.
A trama de Fin de poema, malia que se concentra en momentos da vida de catro grandes poetas do pasado século, non é biografía, fabula vidas. Fin de poema preséntanos, nunha ollada moi perspicaz, un fragmento da vida de catro poetas (Cesare Pavese, Gabriel Ferrater, Alejandra Pizarnik e Anne Sexton). En concreto, das súas últimas horas con vida, o que dota á narración dunha especial intensidade, ás veces agónica. As súas obras, as súas atroces tempestades, ganduxando todo iso tendo en conta circunstancias tanto familiares como culturais, políticas e históricas. O autor contextualiza o tempo narrativo co tempo histórico a través de pinceladas sutís, ás que cómpre estar atento. Unha trama, pois, que recrea ficcionalmente anacos de vida persoal, literaria, mesmo editorial, as angueiras, medos, os seus infernos (cancro, alcohol, psicoses, paranoias…) destes catro poetas, as noites das súas vidas, as súas experiencias vitais, as súas torturas, as súas tendencias suicidas, o seu camiño pola cerna da angustia ata chegar finalmente a esa fenda definitiva: o suicidio.
Unha novela que quere estar a altura da riqueza interna dos personaxes elixidos, todos eles poetas cultos que sementaron unha enorme influencia nos seus contemporáneos e nas xeracións posteriores. Xa que logo, Juan Tallón novela fragmentos de vida de persoas, transformadas en personaxes, deambulando entre o soño e a vixilia, entre a vida e a morte, ata que chegan ao límite, ao muro onde todo comeza a fender. O texto busca narrar esa “fenda” que se produce nos suicidas, o que ten moito de reto literario, pero tamén de reto existencial, porque ninguén sabe o que pasa nesa premorte, nos instantes finais, pola cabeza das persoas que van poñer fin as súas vidas. Mais, secasí, o libro é unha declaración de amor á poesía por parte do autor e por parte dos personaxes que mesmo nos intres finais das súas existencias tratan de afondar nas consecuencias que motivaron, nalgún dos casos, o seu silencio poético. Novela pois, malia a súa brevidade, complexa, rica, de varias lecturas.
Fin de poema non é unha novela lineal senón fragmentaria. Porén hai nela un fío condutor, un centro oculto, que une estes fragmentos: a experiencia vital, enteiramente humana, destes personaxes, que lle confire unidade ao texto e que impide que eses fragmentos de vida se espallen dun xeito caótico. De maneira que ao final os diversos fragmentos son como teselas dun grande friso da desesperación e da morte como única saída posible. Estrutura sen dúbida moi acertada, dividida en cinco secuencias por autor e disposta de tal maneira que a intensidade se reparta ao longo de todo o texto. Un relato lineal motivaría que o desenlace vital de cada un dos catro poetas se producise ao final, mais a disposición elixida polo autor favorece que o desenlace se produza ao longo de toda a obra. O autor consegue, co tratamento temporal do relato, que cada unha das cinco partes nas que se divide o conxunto, estea dotada dun comezo, un desenvolvemento e un desenlace. Esta proposta literaria favorece a vertixe do texto, que acada regularmente puntos de grande intensidade. Non hai caídas no ritmo narrativo, e iso, en boa parte, débese ao modo no que se estrutura o relato.
Existe, de por parte, un finísimo vínculo, chamémoslle fío, entre os catros relatos, malia tratarse de catro vidas independentes e pertencentes a xeracións distintas de poetas, que ademais non tiveron relacións persoais entre si. Por exemplo, na historia de A. Pizarnik aparece referido un libro de Gabriel Ferrater que lle envía desde París Julio Cortázar. No texto hai asemade metaliteratura. Poño por caso o proceso de creación poética de Alejandra Pizarnik. Trae asemade a conto o texto a presenza doutros moitos escritores do século XX. Pero a novela non está afogada en textos poéticos, aínda que os hai, mais son moi oportunos. Por exemplo os versos de Alejandra Pizarnik: “Como non extraio as miñas veas / e fago con elas unha escada / para fuxir ao outro lado da noite”

Juan Tallón
Coido ademais que o autor describe perfectamente os ambientes, sobre todo os ambientes humanos, os pensamentos, a corrente de vida e de morte que circula polas veas destes poetas. Reflicte así mesmo un bo número de anécdotas que fan que a súa lectura sexa mesmo entretida.
É salientable o emprego que se fai nesta novela da técnica minimalista, ou mellor dito quizais, da elisión, porque aquí non hai un editor que, como fixo Gordon Lish cos relatos de Raymond Carver, pode o texto. Pero o autor, polo que xa dixen, soamente relata dunha forma explícita no peche da novela, o suicidio de Gabriel Ferrater. Con todo, ao longo do desenvolvemento do texto, vai deixando suficiente información para que o lector, sen narralo explicitamente e sen nos estarrecer cos outros suicidios, saiba perfectamente cal foi o dramático final de Cesare Pavese, Alejandra Pizarnik e Anne Sexton, poetas que un día ficaron sen versos, nun negro silencio, nun insoportable baleiro que os precipitou de xeito irreversible nesa estremecedora fenda. A calidade do texto de Juan Tallón mergullará o lector nesa agonía, sen tremeduras nin sentimentalismos, e ao mesmo tempo amosaralle o seu anverso: a forza da vida.