Un anano nas cortes europeas

memorias do famoso anano Joseph BoruwlaskiMemorias do famoso anano Joseph Boruwlaski, cabaleiro polaco
Joseph Boruwlaski
Tradución de Rodrigo Vizcaino
Rinoceronte Editora, Cangas do Morrazo, 2014, 90 páxinas

Memorias do famoso anano Joseph Boruwlaski, cabaleiro polaco é unha aposta interesante que nos achega en galego Rinoceronte Editora na colección Vétera, xa que nos permite coñecer a historia deste célebre anano, que viviu a cabalo entre os séculos XVIII e XIX, e sobre todo explorar da súa man as cortes europeas nun intre no que o mundo se debatía entre o Antigo Réxime e o Século das Luces. Nas cortes e nos pazos do Antigo Réxime era moi frecuente a presenza destes anormais monstros da natureza, considerados, porén, coma un signo de distinción e exclusividade, que cumprían a función de servir de diversión para a realeza e para a aristocracia. Entre estes seres anormais os máis valorados eran os ananos cando os seus corpos estaban ben proporcionados. Ao reuniren comportamentos amenos e afables, os ananos paseábanse polos salóns señoriais gozando dunha vida suntuosa a cambio de divertir a cortesáns e cortesás. Xente pis “de pracer” -así lles chamaban- que reis e nobres tiñan nos seus pazos pouco menos que como xoguetes ou trebellos de divertimento.
Co cambio de época (paso do Antigo Réxime ao mundo burgués e pre-industrial), o ananos verán modificado o seu status, non o seu rol. En poucos anos pasaron de viviren entre luxos, a teren que ganar o sustento amosando as súas habilidades diante dun público moito menos opulento e requintado.
As memorias do anano Joseph Boruwlaski teñen o interese de evidenciar este cambio de tempos. O traumático que foi para el e para os seus iguais o paso de divertir a reis e nobres, os seus benfeitores, a sentir a humillación de ser un espectáculo burlesco para a plebe, exhibíndose a cambio de diñeiro. Esa é precisamente a razón pola que Joseph Boruwlaski escribe as súas memorias: “redacteinas para render contas ante min mesmo das diferentes situacións nas que me atopei” (páxina 13).
Boruwlaski naceu no ano 1739 preto de Halych, na Rusia polaca. Pais humildes, de estatura media. Tiveron seis fillos, tres de estatura normal e outros tres, entre eles o protagonista e voz narrativa, por debaixo da altura dos cativos ordinarios. Porén non padecían ananismo e estaban ben proporcionados. Aos quince anos foi acollido pola súa benfeitora, a condesa Humieska que o leva a Viena e preséntao ante a Raíña Emperatriz, que o considera unha das cousas máis divertidas que nunca vira. Gaña as bondades de cantos o coñecen aínda que á vista dos demais non era máis ca un boneco. Esperta a mesma curiosidade en Munic e noutras cortes europeas, e vai adquirindo unha ampla e refinada educación, feito que provoca os celos e as vinganzas doutros ananos.

Joseph Boruwlaski

Joseph Boruwlaski

Unha das secuencias máis interesantes das memorias de Joujou -así lle chamaban- é o relato nos que nos achega a súa atracción por sexo feminino, do que, confesa, dependía a nosa felicidade. É así como se namora de Isaline Barboutan, unha moza acollida pola súa benfeitora. Relátao nun episodio que ocupa boa parte das memorias de Joujou. Malia ver no seu tamaño o único obstáculo para alcanzar a felicidade, remata por dicirlle á moza que a amaba, mais non como fai un neno. Despois de moitos rexeitamentos, a nai da moza dá o seu consentimento para a voda, sen contar coa aprobación da filla porque o anano conta coa protección dun príncipe e ve no casamento un asunto vantaxoso. A partires da voda verase na obriga de se exhibir a cambio de diñeiro por distintos países de Europa.

Maís que os feitos, aventuras, viaxes e personalidades ás que Boruwlaski coñece -María Antonieta, o Príncipe de Gales e reis de media Europa-, as memorias deste home miniatura, mais de gran talento, permiten que nos acheguemos a prácticas do Antigo Réxime, herdeiras das festas e entretementos con vellos bufóns medievais. Unha época na que o feito de posuír un destes monstros da natureza era considerado un signo de exclusividade das clases sociais máis poderosas. Fronte a esas prácticas, o comportamento do protagonista, reflectido nestas memorias, é unha verdadeira lección sobre a igual dignidade dos seres humanos, sexa cal for a súa condición física.