O “Fausto” de Lois Tobío

 

MICRO ENSAIOS LITERARIOS

   Nunha rigorosa e documentada investigación de Antón Figueroa publicada no último número de A Trabe de Ouro,-un número que dadas as actuais circunstancias espero que non sexa o derradeiro- verbo da filóloga, hispanista e  galeguista alemá  Margot Sponer, temos  a oportunidade de comprobar o que esta investigadora fixo pola lingua de noso. Non só é a autora dunha das primeiras teses de doutoramento sobre a lingua galega Altagalizische Urkunden (“Documentos do galego antigo”), senón que tamén recibiu na sección hispánica do “Romanisches Seminar” da Universidade de Berlín  a visitantes españois e galegos de notable importancia. Entre eles, a Vicente Risco e a Lois Tobío. Lois Tobío deixou o seguinte testemuño sobre Margot Sponer: “Era unha rapaza máis ben pequena e delgada, moi churrusqueira e graciosa e moi seria e competente no seu labor”.

   Teño para min que grazas a influencia de Margot Sponer e outros profesores alemáns como o investigador Ernet Gamillscheg, Lois Tobio (Viveiro, 1906–Madrid 2003) fíxose un experto na lingua alemá, ata o punto de que a el lle debe  a nosa lingua algunhas das traducións do alemán ao galego más significativas.

   Lois Tobío foi un daqueles mozos galeguistas que no outono de 1923 se xuntaron na Casa do Castro de Ortoño para asinar a acta fundacional dun agrupamento de investigadores de temas do pais. O caracter antipanteónico  e a arela de formar investigadores quedan reflectidos no nome co que acordaron identificar a institución: “Seminario de Estudos Galegos”. Lois Tobío encargouse de dirixir a sección de Ciencias Sociais, Xurídicas e Económicas e  a súa primeira tarefa foi estudar os aspectos fiscais dunha  futura autonomía galega e ir preparando o anteproxecto dun Estatuto Galego. A rebelión militar de 1936, fíxolle correr a mesma sorte de tantos galeguistas exiliados en terras de alén mar. No ano 1963 normalizouse a súa situación persoal e Lois Tobío reintégrase á carreira diplomática e ás angueiras e quefaceres do galeguismo do interior, distinguíndose como tradutor do francés, do inglés e nomeadamente do alemán.

  Lois Tobío mercara en Berlín no ano 1921 un exemplar do Fausto de Goethe e desde esas datas converteuse nun dos seus libros de cabeceira. A partir de 1976 decide traducilo ao galego. Foron vinte e dous anos da súa vida dedicados a esa tarefa. Anos de traballo minucioso, de rigor e fervor lingüístico. O resultado foi unha tradución colosal, á que ningunha outra se lle asemella nas linguas peninsulares. Dese modo, o Fausto de Goethe, unha das grandes obras da literatura universal, comezou a falar galego, un galego que se axustaba á normativa oficial daqueles anos, por se alguén tivese algunha reserva.

   O sistema literario galego conta non con moitas, mais si con algunhas das grandes obras clásicas da literatura universal vertidas á lingua de noso. Cinco son, na miña particular estima, as máis salientables: A divina comedia, traducida por Dario Xohán Cabana,editada con primor polo Goberno galego e que recibiu, como debe de ser, dúas axudas á tradución da Conselleiría de Cultura, baixo dous conselleiros de distinto cariz político, ao menos naqueles anos: Alexandrino Fernández Barreiro e Alfredo Conde. A Cartuxa de Parma de Stendhal, en versión de Germán Palacios; Os noivos de Manzoni que podemos gorentar grazas a excelente tradución de Xavier Rodríguez Baixeras. Ambas as dúas subvencionadas pola Administración galega, feito que era de xustiza. A modélica edición de os Sonetos de Shakespeare que no ano 2011 traduciu ao galego Ramón Gutiérrez Izquierdo e que tamén recibiu unha axuda da Consellería de Cultura e Turismo. A quinta é o Fausto, traducida por Lois Tobío e editada en febreiro de 1997. Mais o Fausto incorporábase á nosa lingua e convertíase xa que logo nun elemento normalizador, ser ter recibido ningunha axuda económica dos cartos públicos, porque alguén, nun acto 

Lois Tobío

de discrecionalidade   pitoña, por non empregar outros cualificativos, non o considerou de interese prioritario. Negóuselle un recoñecemento económico a un galeguista histórico e non se fixo o que se debería ter feito, nese caso concreto, para contribuír a que o galego se converta  nunha lingua moderna da cultura. O inxente traballo tradutor de Lois Tobío, memoria discreta do galeguismo, recibiría porén o Premio de Tradución Plácido Castro.

   A anécdota axúdanos, así mesmo, a comprender a política de certas casas editoras, a súa fuxida das grandes obras literarias, patrimonio da humanidade, pero que non se lerán en ningún centro de ensino, e a súa decantación pola obra secundaria, de lectura doada e facilmente vendible.