Ulises fala galego

 

Ulises

James Joyce

Tradución de Eva Almazán, María Alonso Seisdedos

Xavier Queipo e Antón Vialle

Introdución de Víctor Freixanes

Editorial Galaxia, Vigo, 2013, 1001 páxinas.

 

   En 1926, catro anos despois da súa edición orixinal en lingua inglesa, Ramón Otero Pedrayo traducía ao galego e publicaba na revista Nós algúns fragmentos da novela Ulises de James Joyce, introducindo por primeira vez nunha lingua peninsular textos dunha das obras que están na cumieira da narrativa contemporánea. Mais o Ulises, a que é para moitos escritores e críticos a mellor novela en lingua inglesa do século XX, seguía sen ter unha versión íntegra na lingua de noso. Ata arestora. Porque un equipo de catro persoas con perfís complementarios acaba de traducir para Editorial Galaxia este “opus magnum” da literatura universal. Xa que logo, desde hoxe Leopold Bloom, Stephen Dedalus e Molly Bloom falan galego. E todos nós podemos gorentar na lingua propia ese 16 de xuño de 1904 no que os tres personaxes arquetípicos percorren Dublín, invertendo e subvertendo de xeito antiheroico os temas típicos homéricos.

   No trazado de Ulises, ese libro que nunha primeira ollada semella caótico e desestruturado, do que o seu mesmo autor confesaba que introducira no texto tantos enigmas e quebracabezas que os críticos estarían ocupados durante séculos discutindo sobre o mesmo, cómpre salientar, por riba de todo, a consagración do que o mesmo Joyce chamou “parole intérieure”, o monólogo interior,  a expresión do pensamento de cada personaxe, como se fose gravado en directo. Engádase a todo isto o simbolismo épico; a atmosfera naturalista coa que o autor retrata a capital irlandesa; a habelencia coa que fai xurdir fermosura desde as tebras da sordidez; o papel protagónico da linguaxe neutral que fai posible que internamente poidamos convivir con seres mediocres que reflicten acaidamente a natureza indixente da condición humana.

   De certo, neste libro recoñecémonos todos como pobres seres, sempre parlantes por dentro  ou por fóra, aínda que inseridos, non no noxo e na angustia, senón na compaixón da linguaxe e na música da fermosura. A publicación na lingua de noso deste clásico moderno contribúe a que o sistema literario galego poida considerase culturalmente normalizado. As grandes obras da literatura universal deben formar parte do noso patrimonio cultural. Como un dos grandes mananciais de reserva, o Ulises de Joyce estará desde agora ao noso dispor en intres de penuria ou fartura.

 (Este texto foi publicado o día 26 de decembro de 2013, no xornal El Correo Gallego de Santiago de Compostela. Para ver o orixinal, pinchar aquí)

James Joyce fala galego

 

Ulises

James Joyce

Tradución de María Alonso Seisdedos, Eva Almazán

Xavier Queipo e Antón Vialle

Introdución de Víctor Freixanes

Editorial Galaxia, Vigo, 2013, 1001 páxinas

 

   Hai tan só unhas datas mantiña nesta bitácora que o sistema literario galego conta con non moitas mais si con algunhas das grandes obras clásicas da literatura universal vertidas a nosa lingua. Salientaba cinco: A divina comedia, A Cartuxa de Parma, Os noivos, os Sonetos de Shakespeare e o Fausto na tradución de Lois Tobío. Descoñecía, cando isto escribín, que Editorial Galaxia estaba a piques de sacar dos seus prelos a tradución completa ao galego de Ulises de James Joyce na súa colección Clásicos Universais que acolle as obras fundacionais da tradición literaria contemporánea.

   Porque Ulises  é para moitos críticos e estudosos a mellor novela en lingua inglesa do século XX, e seguramente a más discutida, obxecto de controversias, e a máis influinte da modernidade literaria. Ese libro que nunha primeira ollada semella caótico e desestruturado,  do que o seu mesmo autor afirmou que introducira no texto tantos enigmas  e quebracabezas que os críticos estarían ocupados durante séculos discutindo sobre o mesmo, é sen dúbida o cume da revolución que a narrativa europea experimentou nas primeiras décadas do século XX. Escritores como Marcel Proust, Franz Kafka ou Virginia Woolf son protagonistas senlleiros dese período, xa que ampliaron dun xeito radical as posibilidades da novela contemporánea. A reconstrución minuciosa dunha vida, o absurdo como resposta á deshumanización da sociedade, a atencións ás máis insignificantes sensacións, o mergullo na vida interior e a súa representación caótica comezaron, grazas a eles, a ter cabida  na novela contemporánea. Mais se o interese do lector é elixir unha soa obra e un so autor emblemático que interprete de forma rigorosa e cabal a ruptura coa novela decimonónica, esa sería sen dúbida o Ulises e James Joyce o autor escollido. E porén, segundo José María Valverde, un dos tradutores da novela ao español, o Dublín de Joyce é equiparable ao Londres de Dickens ou ao París de Balzac.

   Entre os trazos más importantes deste opus magnum cómpre salientar, sobre todo, a consagración do que o mesmo Joyce chamou “parole intérieure”, o monólogo interior -“stream of  consciouness, segundo as palabras de Willian James-, a expresión do pensamento de cada personaxe como se fose gravado en directo que se aprecia en todo o libro, pero nomeadamente no epílogo da novela, no coñecido monólogo de Molly Bloom que reproduce ese río do pensamento que flúe libre e sen barreiras, monologando sobre temas moi diversos e verbo dunha manche a de lilainas cotiás.

   Mais ese día na vida de Leopold Bloom, un odiseo contemporáneo con cornamenta que o 16 de xuño de 1904 percorre o seu Dublín natal e o doutros dous personaxes, a súa muller Molly e o mozo Stephen Dedalus, invertendo e subvertendo  de xeito antiheroico as materias típicas homéricas, acubilla moitas outras claves que converten a obra na máis influinte  do pasado século, segundo os analistas que a apoiaron. Entre os seus méritos: o simbolismo épico, a atmosfera naturalista, coa que o autor retrata a cidade de Dublín, a acuidade coa que fai xurdir algo fermoso desde as tebras da sordidez, facendo asemade que conflúan, colidan e, case como nun bucle, remitan unhas a outras ou se rexeiten, un mundo de acontecementos múltiples desde Homero aos procesos psíquicos ou á liturxia católica, como mantén Umberco Eco. Ou o papel protagónico da linguaxe, unha linguaxe

James Joyce (Foto: Gisele Freund)

neutral que fai posible que poidamos convivir internamente con seres mediocres. Ulises, como escribe  J. M. Valverde, escandalizou máis que polas pequenas obscenidades, porque nas ringleiras deste libro recoñecémonos todos como pobres seres, sempre parlantes por dentro ou por fóra.

   Desde hoxe Leopold Blom, Stephen Dedalus e Molly Bloom falan galego. Na lingua de noso podemos gorentar, xa en versión completa e o que puido ser noxo e angustia ficará na nosa mente como compaixón da linguaxe e música da fermosura.

   Unha obra de tanta ricaz complexidade, que cambiou as maneiras de entender o mundo (Víctor Freixanes, páxina 11), aconsellou aos responsables da editorial viguesa que a versión do Ulises ao galego correse da man dun equipo de catro persoas con perfís distintos e, por iso mesmo, complementarios: tradutores profesionais e un escritor que se atopa nas vangardas da actual narrativa galega. Xa que logo, María Alonso Seisdedos, Eva Almazán, Xavier Queipo e Antón Vialle son os responsables de que o galego conte desde arestora con este galano literario. Un clásico moderno, un título imprescindible, teño para min, para que os sistema literario galego poida considerarse culturalmente normalizado. É necesaria a incorporación das grandes obras da literatura  universal a unha lingua minoritaria como a nosa. Elas deben formar parte do noso patrimonio cultural. Son os mananciais de reserva onde, en intres de penuria ou de fartura, poderán beber os creadores galegos. Beizón pois á Editorial Galaxia e ao equipo de tradutores