Novidades de Rinoceronte Editora

 

   A recensión de hoxe será unicamente un comentario informativo. Para dar noticia de letras e libros. Non é o que máis gorenta o comentarista porque do mesmo estará ausente aquilo que precisamente é a esencia da crítica literaria: a valoracións persoal, o xuízo dos haberes e deberes dun produto literario. Será noutro momento, logo da lectura repousada destas seis novidades de Rinoceronte Editora. Hoxe limítome a informar de xeito sumario e externo baseándome, sobre todo, nas presentacións editoriais, destas pezas de ficción, vertidas á lingua de noso en traducións rigorosas que nos chegan da man dos membros dese equipo de tradutores profesionais que colaboran, xa desde hai anos, para que vexan luz en galego as obras máis emblemáticas e representativas da literatura estranxeira nos seus distintos momentos. Porque son sete as coleccións de Rinoceronte Editora nas que podemos mergullarnos na procura do libro devecido que arestora xa podemos ler na nosa lingua (Audiolibros, Bagaxe de Peto, Clásica, Contemporánea, Novela gráfica, Poesía, Vétera). Mérito pois de Rinoceronte Editora, ese selo editorial que Moisés Barcia tivo a acertada e venturosa idea de fundar en Cangas do Morrazo no ano 2005.

 

 

Un día na vida de Iván Denísovich

Aleksandr Solzhenistsyn

Tradución do ruso: Martín Andor

Colección: Clásica

 

   O autor, Aleksadr Solzhenitsyn (1918-2008) foi un dos grandes escritores rusos do pasado século. Arrestado en  1945 por criticar a Stalin, pasou once anos nos campos de traballo e no desterro. Ao regresar, converteuse nun dos grandes desidentes da Unión Soviética. Nas súas obras opuxo os valores da xente do común á brutalidade do réxime. Logo da publicación en Occidente de Arquipélago Gulag, a súa magna obra, foi privado da cidadanía soviética. Premio Nobel de Literatura en 1970.

   Un día na vida de Iván Denisovich achéganos á figura dun  humilde labrego,un dos millóns de cidadáns que, sen saber ben como nin por que, acaban nos campos de traballos forzados soviéticos como presos políticos. Acusado de ser espía tras escapar do cativerio alemán durante a guerra, Iván Denísovich é condenado a dez longos anos en Siberia. Aprenderá deseguida a arte da supervivencia e dará testemuño de que nin sequera a crueldade daquelas condicións pode crebar a unha persoa honesta e espelida. Este minucioso retrato da vida cotiá dos campos penitenciarios, infundido dunha poderosa mensaxe humanista, abraiou a sociedade soviética, por primeira vez publicamente confrontada coa realidade da represión stalinista. Un día na vida de Iván Denísovich é merecidamente considerado un clásico do século XX.

 

 

Infancia

J. M. Coetzee

Tradución do inglés: Rafael Salgueiro

Colección: Contemporánea

 

J. M. Coetzee (Cidade do Cabo, 1940), profesor de literatura, tradutor, crítico literario é un dos grandes escritores de Suráfrica. Foi o primeiro escritor que acadou dúas veces o Booker Price. Aos seus moitos galardóns, sumou o Premio Nobel de Literatura no ano 2003. Actualmente reside en Australia  e obtivo a nacionalidade dese país.

   Infancia narra a historia dun neno de dez anos que vive en Worcester, unha pequenalocalidade ao norte de Cidade do Cabo, cunha nai pola que sente un complexo amor-odio, un irmán pequeno e un pai que detesta. Na escola é o primeiro da clase, un alumno modélico; na casa, un pequeno déspota. O medo, a vergonza e o engano que o atormentan en Worcester contrastan coa liberdade e paixón que sente pola granxa familiar, Voëlfontein, e polo veld, a chaira surafricana erma e inhóspita. J. M. Coetzee guía con man sobria e elegante esta viaxe polo seu intenso mundo interior, e fai unha afinada composición do tempo e do lugar que lle tocou vivir na Suráfrica da década dos cincuenta. Infancia é o primeiro dos tres volumes da triloxía de memorias ficticias do Nobel de Literatura, que continuará con Mocidade e Verán.

 

 

Mocidade

J. M. Coetzee

Tradución do inglés: Iolanda Mato Creo

Colección. Contemporánea

 

   Ambientada na década de 1950, Mocidade conta a historia dun mozo que leva tempo pensando en fuxir a Europa desde o seu país natal, Suráfrica. El coida que estudando Matemáticas, lendo poesía e aforrando diñeiro, estará preparado para vivir a vida con intensidade e convertela en arte. Porén, ao chegar a Londres non atopa por ningures poesía nin romanticismo. Ao contrario, sucumbe a unha vida monótona como programador informático. As aventuras azarosas e sen amor non supoñen un alivio. Falto de inspiración, deixa de escribir e comeza unha escura peregrinaxe na que é posto a proba continuamente. Un retrato da loita dun home novo para atopar o seu camiño no mundo, con tenrura pero sen medias tintas.

 

 

Verán

J. M. Coetzee

Tradución do inglés: Susana Collazo

Colección. Contemporánea

 

O protagonista de Verán é John Coetzee, un escritor que comparte co autor deste libro procedencia, profesión, obras e Premio Nobel. Só que na ficción xa está morto. A través das conversas que mantén un biógrafo inglés, o relato reconstrúe a vida do personaxe entre os anos 1972 e 1977. A súa curmá, unha bailarina brasileira e outras persoas que o coñeceron pintan un Coetzee zoupón con escasas habilidades sociais, nun fresco que se move entre o emotivo e o cómico.

 

 

O rei branco

György Dragomán

Tradución dio húngaro: Jairo Dorado Cadilla

Colección: Contemporánea

 

   O autor György Dragoman (Târgu Mures, Transilvania, 1973) é un escritor e tradutor romanés, mais de fala húngara. No ano 2002 publicou a súa primeira novela, Genesis undone. Coa súa segunda novela, O rei branco, conseguiu o éxito internacional, aos ser traducida a unha trintena de idiomas.

O rei branco conta a historia de Djata, un neno de once anos que vive só coa súa nai na Romanía dos anos 80, despois de que requirisen a presenza do seu pai nun “centro de investigación” durante unhas semanas. O tempo pasa e o pai non volve, xa que en realidade foi internado nun campo de traballos forzados por opoñerse ao goberno. Mentres, o neno vai medrando entre as pelexas cos outros rapaces, os xogos, a descuberta da sexualidade, as desilusións e o choque co mundo dos adultos, no contexto de represión e medo dun sistema totalitario que se esfarela. A través de 18 capítulos, ou relatos interconectados, Dragomán ofrece o retrato que un neno pinta dunha sociedade onde a violencia xera violencia, un fresco que combina o horripilante co humorístico.

 

 

O edificio Yacoubian

Alaa Al Aswany

Tradución do árabe: Fátima Tourari

Colección: Contemporánea

   Alaa Al Aswany (O Cairo, 1957) é un intelectual egipcio de gran prestixio internacional. Desempeñou un papel importante no rexeitamento e caida do réxime de Mubarak. No ano 2002 publicou O edificio Yacoubian que se converteu na novela máis vendida en lingua árabe. Está traducida a máis de trinta idiomas e no ano 2006 foi adaptada ao cine.

   A novela xira arredor do edificio Yacubían e dos personaxes que no mesmo habitan. En pleno corazón do Cairo, tras os muros do esplendoroso e decadente edificio Yacoubian, crúzanse a diario todo tipo de personaxes, coas súas debilidades e soños. Entre eles, Taha, o fillo do conserxe que cae nos brazos do islamismo tras ver frustradas as súas aspiracións a policía; Zaki Bei, un vello aristócrata nostálxico doutros tempos; Hatem, o xornalista homosexual que se enfronta a un mundo cada vez máis intolerante; ou Busayna, que acepta os convites do seu xefe para axudar económicamente a súa familia.    
A través destes personaxes, Al Aswany ilustra a sociedade exipcia actual e a marca que a Historia recente foi deixando nela, ao tempo que aborda, cun ton despoxado de xuízos, asuntos tabú como a corrupción política, o auxe do fundamentalismo relixioso, as desigualdades sociais ou a ausencia de liberdade sexual.

Advertisements