Cadernos Ramón Piñeiro, número XXI

Cadernos Ramón Piñeiro (XXI): Correspondencia habida entre Xosé Mª Álvarez Blázquez  e Isidoro Millán González-Pardo.

Edita: Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, Santiago de Compostela, 2012, 121 páxinas.

 

Acaba de ver luz un novo número dos Cadernos Ramón Piñeiro que edita o Centro do mesmo nome baixo a dirección de Luís Alonso Girgado  e Ramón López Vázquez. Alédame dar noticia, máis unha vez, da aparición deste número XXI, porque a publicación, aínda que non teña unha periodicidade predeterminada, achéganos cada ano varios números monográficos, coa finalidade de recoller distintas contribucións practicamente descoñecidas do noso patrimonio cultural, espalladas en revistas, xornais, publicacións periódicas xa fenecidas, ou mesmo en arquivos familiares como acontece no número que comento.

Isidoro Millán

Con efecto, este número XXI dos Cadernos Ramón Piñeiro recolle un epistolario, a correspondencia cruzada entre Isidoro Millán e Xosé María Álvarez Blázquez, desde agosto de 1961 ata xuño de 1984. Cartas que, como atinadamente  e nun rexistro poético, escribe no prólogo Xosé María Álvarez Cáccamo, “traen noticia saudosa de vida en labaradas que prenden na memoria e alentan o rumbo imaxinario do regreso, da duración sen morte” (páxina 11).

Correspondencia, conversas de máis de vinte anos entre dous amigos, que dá comezo con tres cartas en castelán (as do ano 1961) e prosegue cun amplo epistolario na lingua de noso a partires de xaneiro de 1966. Novas familiares, pescudas e achados no eido da nosa literatura nos séculos escuros, hipóteses etimolóxicas, orixe de topónimos e antropónimos, proxectos editoriais e moitos outros quefaceres e angueiras intelectuais enchen esta correspondencia. Non están ausentes, porén, asuntos polémicos como a presentación da baixa de Isidoro Millán como académico numerario da RAG, en carta dirixida ao daquela presidente da institución, Domingo García Sabell, descontento o primeiro coa configuración da Academia e para “decrarar a vacante… e dispor incontinente doutra praza de Numerario que se proviste, en xente aliada e segura, ao voso mellor gosto e poder de votos” (páxina 74).

Xosé María Álvarez Blázquez

Intercalado entre as cartas VIII e IX, os editores inclúen  o primeiro fascículo dun folletín por entregas, publicado en Pontevedra no ano 1849, que leva o título de EL CARNAVAL, obra dun “neófito escritor”, o avogado e escritor festivo e rexoubeiro, pontevedrés da Moureira, Xosé Ramón Franco Méndez. Álvarez Blázquez fai relación na súa correspondencia desde opúsculo e verbo do mesmo escribe dous “Parrafeos” e un “Comento”. Prosa galega do noso Pre-Rexurdimento, cuxos fragmentos en galego analiza Rosario Álvarez nun documentado estudo co que se pecha este número que rescata para todos nós un epistolario moi suxestivo e esclarecedor  e pequenas alfaias ata o de agora descoñecidas, pero que forman parte das nosas letras.

Os Cadernos Ramón Piñeiro

Cadernos Ramón Piñeiro (XVII): Bibliografía e hemerografía de Ramón Piñeiro.

Cadernos Ramón Piñeiro (XVIII): Cartas de Ramón Cabanillas a Isidoro Millán en modo de antífona.

Cadernos Ramón Piñeiro (XIX): Homenaxe a Fernando Pérez-Barreiro Nolla

Edita: Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

Santiago de Compostela, 2011.

 

Foi no ano 2003 cando o Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades sacaba á rúa o primeiro volume dunha nova colección: os Cadernos Ramón Piñeiro. Recollía aquel primeiro número da nova colección dous breves ensaios sobre a obra de Ramón Piñeiro. Desde entonces, con perseveranza e unha certa irregularidade temporal, dezanove volumes, tres deles neste ano 2011, levan recollidas certas partes descoñecidas do noso patrimonio cultural, sobre todo o legado epistolar entre figuras sobranceiras das nosas letras no pasado século. Dirixen con acerto a colección os profesores Luís Alonso Girgado e Ramón López Vázquez.

O primeiro dos números monográficos publicado neste ano, o XVII, recolle a bibliografía e a hemerografía actualizadas de Ramón Piñeiro. Complétase así o traballo compilado no terceiro volume destes cadernos, publicado no ano 2003. Aquela “contribución” á produción escrita de Ramón Piñeiro era necesario poñela ao día polo feito da designación do pensador de Láncara para o Día  das Letras Galegas do ano 2009. En efecto, unha manchea de textos e reedicións das obras de Piñeiro foron publicados ao longo dese ano. Analizaban a súa figura e a súa obra nas súas distintas dimensións. Esta nova edición, corrixida e aumentada daquel Caderno III modifica de forma significativa a bibliografía pasiva de R. Piñeiro. Un equipo formado por Luís Alonso Girgado, Alexandra Cillero Prieto, Élida Abal Santoruum, María Cuquejo Enríquez, Teresa Monteagudo Cabaleiro e Montserrat Vázquez Riveiro responsabilizáronse desta compilación bibliográfica completa e, ao mesmo tempo, selectiva do ideólogo galego.

En edición, introdución e notas de Luís Cochón, o número XVIII dos Cadernos publica a correspondencia dirixida por Ramón Cabanillas a Isidoro Millán. Francisco Fernández Rei, coñecedor como poucos da vida e da obra do seu conterráneo Cabanillas, escribe un   necesario e preciso limiar contextualizador destas vinte e nove cartas de Cabanillas a Isidoro Millán que “a parte dunha constante manifestación de afecto  a un mozo lingüista, constitúen un excelente documento sobre a xeira final do Cabanillas novamente entregado á causa do galeguismo” (páxina 8). O volume recolle non só a correspondencia epistolar de Cabanillas ao humanista Isidoro Millán, fillo, senón tamén outras cartas a diversas persoas próximas a Cabanillas por razóns familiares ou por motivos intelectuais (Elisa González Pardo, Isidoro Millán Mariño, Francisco Fernández del Riego, Filgueira Valverde…). E así mesmo, un epílogo no que Isidoro Millán matina e pondera a posibilidade da creación dunha institución (“Seminarium Linguae Gallaecae Investigandae”), que tería como obxectivo a investigación da nosa lingua e a creación dun Gran Dicionario Galego.

A través desta correspondencia podemos percibir o proceso creativo de Ramón Cabanillas nos anos da posguerra, os proxectos que non pasaron diso e a decadencia física dunha persoa optimista e retranqueira mesmo nos seus derradeiros anos. Material imprescindible, xa que logo, para o cabal coñecemento dun home e dunha época da literatura galega ateigada de brétemas.

O avogado, escritor, xornalista e políglota Fernando Pérez-Barreiro Nolla (Ferrol, 1931-Lancaster 2010) é unha figura  descoñecida case que de todo entre nós, malia o seu intenso labor cultural e os premios e distincións -o último o Premio Castelao da Xunta de Galicia no ano 2009- dos que se fixo merecedor. Velaí pois a oportunidade deste volume que recupera o seu epistolario con Ramón Piñeiro, unha pequena pero significativa parte do seu pensamento (Apartado IV. Selección de textos) e os testemuños de persoas a el moi achegadas: a súa muller Teresa Barro, os amigos X.L. Franco Grande, Eduard Punset (ambos compartiron traballo nos servizos exteriores da BBC), Camiño Noia, Francisco Fernández Naval e Xulio Ríos, entre outros.

Os editores, Luís Alonso Girgado, Nicolás Vidal e Alexandra Cilleiro Prieto agasállanos cunha crono-bio-bibliografía imprescindible para achegármonos á andaina vital e intelectual dunha figura tan afastada dos dogmas e, á vez, tan próxima ao mellor da cultura europea, como de Fernando Pérez-Barreiro Nolla afirma X.L Franco Grande.

Diría por último que todos estes volumes e outras publicacións editadas pola Xunta de Galicia  ou por organismos e institucións oficiais non deben ficar amoreados nos sotos dos edificios institucionais, senón espallados entre as bibliotecas e centros de ensino do noso país, xa que son libros que pertencen a toda a cidadanía galega.