Maternosofía

 

Maternosofía

Inma López Silva

Editorial Galaxia, Vigo, 2014, 169 páxinas

  

   Varios títulos tanto en narrativa como en ensaio sobre o feito teatral e outros asentados nas fronteiras xenéricas fan que a voz aínda nova de Inma López Silva sexa arestora unha voz consolidada da literatura de noso, capaz ademais de nos ofrecer propostas literarias frescas, innovadoras e moi suxestivas, que acostuman transitar polas sendas dos discursos antitópicos e desacralizadores.

   Unha mostra requintada é o seu último libro, Maternosofía, unha tentativa de reflectir, desde a propia perspectiva vivencial, os temas e teimas do embarazo e da maternidade.

   A eses asuntos íntimos e persoais achégase a autora dun xeito confesional, reflectindo en forma de diario as vivencias e reflexións da súa primeira preñez e maternidade. Relato da singular experiencia verbo do que significa a preñez dunha primípara  tanto a nivel físico como psíquico, co plus engadido de verse obrigada a contradicir  moitas e estendidas crenzas sobre a mesma e a maternidade, que teñen máis de construcións sociais que de posicións científicas. Ao longo do diario lemos as vivencias e vicisitudes do seu embarazo, esteando a autora a súa escrita nun gorentoso e desenfadado sentido do humor.

   Mais se algo cómpre salientar neste libro son as ideas-eixo que, fundamentadas nomeadamente no sentido común, escintilan á par do relato vivencial. O que a autora chama “ideas parvas” verbo da preñez, alicerzadas en tópicos moi difundidos, como tal, que a muller non está completamente realizada sen ser nai, e que a esta tarefa ten que dedicar día e noite. Ser nai en exclusiva, “full time”.

  

Inma López Silva

Con moito sentido común, non exento de información e desde un feminismo sobre todo práctico, a autora rexeita e refuta a tendencia naturalista de converter as nais en escravas da maternidade, obrigadas a parir con dor, ser nais abnegadas, a obsesión fundamentalista da lactancia natural -para a autora unha opción que a muller pode escoller ou non como dona do seu corpo-, ter instinto maternal, do que a embarazada primípara non atopa nin rastro.

   Endalí que a autora, que pensa que unha muller traballadora europea, cun certo grao de cultura non pode atopar a súa vocacións absoluta nesa maternidade “full time”, se senta unha herexe descrida, defensora, porén, da identidade que lle quere proporcionar a súa filla: non a capacidade de parir que xa ten de seu, senón a de pensar e razoar como ser humano máis alá das condicións físicas.

(Texto publicado o 6 de maio de 1014 no xornal El Correo Gallego de Santiago de Compostela. Para ver o orixinal, facer clic aquí)

                                     

“Maternosofía”: desmitificación da maternidade desde o sentido común

 

Maternosofía

Inma López Silva

Editorial Galaxia, Vigo, 2014, 169 páxinas.

 

   Hai unha ducia de anos que Inma López Silva, daquela flamante ganadora do Premio Xerais de Novela, manifestaba que a literatura galega reclamaba voces novas. Naquel intre -xuño do ano 2002- quen isto escribe, logo de ler o segundo libro da autora, Rosas, corvos e cancións, así como o relato “Caso Torneiro” que tamén leva a súa sinatura, xa apostara pola  narradora de vinte e catro anos, porque nas súas achegas ficcionais  atopaba as marcas dunha narrativa de verdade, capaz de nos enmeigar con historias que apreixan a nosa atención e fan estourar a nosa imaxinación.

   Varios títulos, tanto de narrativa como de ensaio sobre o feito teatral, e outros asentados nas fronteiras xenéricas, fan que a voz nova de Inma López Silva sexa arestora unha voz consolidada, capaz ademais de ofrecernos propostas literarias frescas, innovadoras e moi suxestivas que, abofé, corren polo vieiros dos discursos antitópicos e desacralizadores.

   Como mostra, este libro, Maternosofía, un intento de reflectir desde a propia perspectiva vivencial os temas do embarazo e da maternidade. Concordo coa autora de prólogo, Malós Cabrera, que Maternosofía é a obra máis persoal e íntima de Inma López Silva. En efecto, a autora achéganos dun xeito confesional e valéndose do formato do diario, as súas vivencias e reflexións verbo do seu primeiro embarazo e maternidade. Vivencias íntimas que a autora relata para todos os lectores, sen sentir ningunha caste de candoroso pudor porque, confesa, a maternidade/parternidade é algo moi común que experimenta a meirande parte da xente.

   Relato pois da singular experiencia do que significa a preñez dunha primípara, tanto a nivel físico como psíquico no contexto de difundidas e estendidas posicións e crenzas sobre a mesma e a maternidade – nomedamente sobre o instinto maternal- que teñen moito máis de construcións sociais que de carga instintiva.

Inma López Silva

   Mais se algo cómpre salientar neste libro son as ideas-raíz que con luz propia e ben fundamentadas escintilan á par do relato das vivencias do seu embarazo. O que Inma López Silva chama, sen ter pelos na lingua, desbotar ideas parvas sobre a preñez que parten case que todas do falso paradigma, alicerzado en tópicos moi estendidos, de que a muller non está completamente realizada sen ser nai, e que a esa tarefa ten que dedicar as vinte e catro horas. Ser nai en exclusiva, “full time”, sen facer nada máis. Con moito sentido común, desde un feminismo sobre todo práctico e unha posición progresista, a autora rebate e sente indignación ante a tendencia naturalista de converter as nais en escravas da maternidade: obrigadas a parir con dor, a ser unha nai moi abnegada, á lactancia natural, obsesión fundamentalista do Sistema Sanitario Público -é para a autora unha opción  que a muller pode escoller ou non como dona do seu corpo-,  a ter instinto maternal, do que a embarazada primípara non atopa nin rastro nos seus nove meses de preñez. Porque todo iso non é natureza -a carga instintiva nos seres humanos é mínima-, é algo cultural, froito da redefinición do rol feminino  desde posicións sentimentais herdadas de padróns patriarcais e machisitas que infantilizan a muller preñada e pretenden paralizar a súa actividade cerebral.

   Libro sobre todo lúcido, realista, desmitificador e anti-sublimación da maternidade, moi apropiado para ser lido nomeadamente por mulleres e homes que estrean  maternidade/paternidade. Xa que logo, e para que esas parellas, e sobre todo os suxeitos femininos, poidan contrastar opinións, ata penso que non sería unha iniciativa desacertada que o Servizo Galego de Saúde llelo regalase ás mulleres que empreñan e paren por primeira vez, xunto con esa “espada de Damocles”, O libro de saúde da embarazada, portador dos grandes mitos verbo da maternidade, co que na actualidade as agasallan.

Dez anos de intrahistoria literaria

Tinta

Inma López Silva

Editorial Galaxia, Vigo 2012, 153 páxinas.

 

 

Regresa á narrativa Inma López Silva e faino cun libro de relatos que, segundo a autora, pecha un ciclo na súa narrativa breve, un ciclo temporal que vai desde a publicación de Rosas, corvos e cancións (2000) ata o ano 2010. Relatos sen un claro fío editorial condutor, porque na presente entrega, Inma López Silva artella un libro de estrutura moi aberta, como un firmamento sen fronteiras no que ten cabida calquera caste de historia, sen que entre as mesmas aprecie o lector ningún nexo de unión. Recoñéceo a escritora na nota prologal do libro: relatos xa previamente publicados que se editan arestora nun único volume para salvalos da dispersión e do esquecemento. Os lectores, xa que logo, “non atoparán máis unidade que a das teimas, obsesións, as paixóns e a tinta que me correu polas veas ao longo dos dez últimos anos.”

Non están afastados, porén, estes seis relatos das preocupacións temáticas e estéticas da escritora, das teimas dalgunha das súas novelas  e dos embrións e mesmo personaxes doutras.. Está asemade presente nestas pezas breves de Inma López Silva o pulso da vida nas súas variadas e múltiples manifestacións. A vida, os seus problemas e enigmas, ollados desde distintas miradas, pero narrados case que sempre desde o protagonismo feminino.

Nesta escolma de relatos atopamos un variado  e amplo monllo de historias, evocacións, teimas e vivencias sentimentais. Como tal, a capacidade de instalarse nunha vida inventada, na propia perfección fabuladora para ser feliz. A historia que se desenvolve entre Galicia, Buenos Aires e París, lugares nos que agroman as vivencias dalgúns dos seus personaxes: a nai que vive nun mundo de plumas e brillos, o fillo que pasa a vida facendo fotos, retratando o vento e contentándose coas cartas perfumadas que María Casares escribía desde París, e os soños, tristuras e desenganos doutros personaxes baixo a barbarie da ditadura de Videla.

Outro personaxe feminino rememora sesenta anos despois e diante do fillo do asasino que deu as ordes, o día no que no 37 queimaron vivo o seu pai e o drama dos afogados en auga fervendo na adega dou bou Eva, tamén no 37, sen que ninguén dese un chío. Todos preferiron morrer antes que a tortura ou a delación.

Entre ninfas, fadas e lembranzas espectrais  do pasado, outra muller, espírito libre e soñador rexeita o título de licenciada que por caridade lle quere conceder a universidade de Cambridge, que llelo negara cincuenta anos antes pola súa condición de muller. A xustiza, pensa, é moitas veces unha cuestión de vinganza que, en termos reais, se reduce ao orgullo de recibir unha desculpa.

A prosa da autora enguedéllase no penúltimo relato na sorprendente ocorrencia dun cura católico inglés, decano nunha pequena universidade e troskista convencido, que un día decide deixalo todo e marchar porque lle deu por facer o Camiño Xacobeo, preñando canta muller fea atopase. Un verdadeiro mesías de mulleres, porque foder tamén é facer o ben, lembra a voz relatora.

Inma López Silva

Pecha a colectánea o relato “Caso Torneiro: 1898-1975”, a contribución de Inma López Silva a aquel volume do ano 2000, Narradoras, que demostrou que en Galicia a narrativa feminina tiña moitos mananciais ateigados de imaxinación e forza creativa. O relato quere ser a transcrición dun manuscrito apócrifo que informa das razóns que fixeron que Francisco Franco, malfadado  polo meigallo e Toñito Torneiro, fose como foi.

En resumo, unha restra de relatos de temática heteroxénea como xa quedou dito, mais con algunhas constantes:  a ironía, o mergullo na memoria para fabular, querenzas e referencias ao universo teatral e ao mundo anglófono, protagonismo feminino. En canto ás formas, cómpre dicir que estes contos non son inxeis lambetadas, esteados na linealidade narrativa como acontecía nas súas primeiras entregas. Son relatos que, salvando as distancias, se asemellan á rica complexidade estrutural de Concubinas  e nos que se intercambian voces narrativas, espazos, tempos, técnicas diversas e que demandan, xa que logo a complicidade dun lector activo.