O realismo máxico de A. Riveiro Coello*

No verán do ano 2001, lin por primeira vez a novela Homónima de Antón Riveiro Coello. Daquela no Suplemento literario Correo das Culturas de El Correo Gallego publiquei a miña primeira reseña desde texto que o autor dedica a Pedro Páramo e a Aureliano Buendía. A novela de Riveiro Coello acaba de ver a súa segunda edición e no Faro da Cultura de onte, 25 de novembro, publiquei unha segunda reseña que agora teño o pracer de reproducir con pequenas modificacións:

EMBRUXO E VIOLENCIA EN TZATAPLÁN

Riveiro Coello, A., Homónima, Editorial Galaxia, 2010, 16 €.

Volve ás mans dos lectores galegos Homónima, unha das primeiras novelas de Antón Riveiro Coello, que contribuíu a consolidalo como narrador eficiente, admirador e aprendiz do realismo máxico. Abondan as verbas concisas da dedicatoria ( “ A Pedro Páramo e Aureliano Buendía” ) para percibir as intencións do autor. E abofé que as consegue, ao menos na escrita coa que veste a súa trama, porque polas páxinas da novela arrastran as súas obsesións personaxes mesturados de realidade e fantasía, cuxas vidas lindan co presente e co pasado, coa certeza e a alucinación, coa vida e coa morte, nun clima de vitalidade, embruxo e violencia, celme do México profundo. Pois en terras mexicanas desenvólvense as pescudas dese escritor que, a través de Internet, descobre que en México existe alguén co seu nome e apelidos. E na busca dese homónimo viaxa a aldea imaxinada de Tzataplán, ancorada nas terras secas e regañadas do deserto, coa intención de inscribir a vida do que supón seu avó, nunha novela. Na xeografía azteca recibe golpes, pancadas e intentos de asasinato ata que se decata de que todos os habitantes desa aldea curtida polo abafo e o sol, teñen que ver, dunha ou doutra maneira, co parente homónimo ao que asasinaron. Comeza así unha historia pola que transita unha restra de parentes e un labirinto de parentescos no que é doado que o lector perda o fío condutor do relato. E tamén seres estrafalarios que semellan tirados da irracionalidade dos soños e que acercan o relato ás contornas do realismo máxico.
Homónima é unha novela que se nutre, como outras do autor, de planos superpostos, da recuperación das fazañas dos devanceiros e dos periplos máis ou menos novelescos, dos seus parentes, os personaxes actuais. Desde o punto de vista estrutural a obra é unha novela que acubilla outra novela. A historia do homónimo pouco a pouco vai sendo substituída pola do protagonista actual. Salienta así mesmo o especial tratamento do tempo, de forma que pasado e presente se confunden e superpoñen. O estilo dunha prosa elaborada, cun traballo minucioso coa linguaxe que rebenta nunha ricaz adxectivación, en comparacións e metáforas insólitas, aínda que por veces artificiais, o dominio na caracterización dun amplo abano de personaxes, e sobre todo o retrato desa atmosfera abafante, ateigada de embruxo e violencia fan que, ao lermos as páxinas de Homónima, nos semelle estar ollando as prosas dos autores que o escritor toma como padróns, mais non a maxia e a forza das súas tramas.

* Publicado no Suplemento  Faro da cultura do xornal Faro de Vigo, o 25 de novembro de 2010.