Hai que matalos a todos
Héctor Carré
Edicións Xerais, Vigo, 2015, 309 páxinas
Malia que non é esta a súa primeira achega á narrativa, Héctor Carré é profesionalmente sobre todo un home de cine e o cuño cinematográfico está moi presente nesta novela, Hai que matalos a todos, tanto na súa trama como na súa estrutura e desenvolvemento. A novela é un verdadeiro thriller ateigado de intriga e suspense, cuxa acción leva o lector ao lamazal dos sumidoiros do poder, mesturando os ingredientes da novela negra e do xornalismo de investigación. Precisamente a novela comeza cunha homenaxe aos xornalistas asasinados nos últimos anos, homenaxe que se reitera ao longo do relato a aqueles xornalistas que co seu traballo impiden que só os poderosos refiran a verdade como a eles lles convén.
Con gran dinamismo e ao xeito cinematográfico H. Carré artella unha trama na que conflúen tres fíos condutores: unha parella que, ao saír dunha discoteca ven e gravan sen pretendelo como un coche atropela a un home que cruza a rúa cambaleando. O vehículo pertence ao parque móbil da Casa Real e o seu condutor é o príncipe herdeiro da coroa de España que foxe sen prestar auxilio ao desgraciado que acaba de atropelar. Os manexos dun xornalista co que a parella se pon en contacto, para vender e publicar o vídeo. E na mesma liña, as manobras sucias e mesmo criminais dun axente do CNI para neutralizar a divulgación do mesmo, xa que danaría de xeito irremediable ás esferas máis altas do poder e suporía un grave risco para a coroa, sobre todo no tempo actual de desafección da cidadanía coa clase política e coa monarquía. Na estrutura narrativa vanse alternando estas tres fías argumentais así como os narradores: primeira persoa e dous narradores omniscientes heterodiexéticos. Un ritmo áxil. Unha boa caracterización dos personaxes, nomeadamente emocional, aos que dota de vida propia. Un marco escénico variado e ben pincelado que leva a acción por Madrid, A Coruña, Casablanca, Buenos Aires, Rianxo e Edimburgo; e un tempo recente no que o príncipe aínda non era rei, pero xa se falaba da posible abdicación do seu pai, acrecenta o dinamismo do desenvolvemento da acción novelesca, que desde a ficción roza o sensacionalismo ao facer referencia aos hábitos pouco correntes do presidente do goberno que aparece morto en estrañas circunstancias nun hotel da capital arxentina. Ou a grave acción delituosa do príncipe herdeiro da coroa; así como as frecuentes paraxes nas formas de delincuencia urbana, chantaxistas, e sobre todo nas sentinas máis agochadas do poder.
A novela presenta atinadas reflexións verbo desas zonas escuras do poder, o maquiavelismo dos servizos secretos, a inviolabilidade do rei incluso nos asuntos privados. Acedas reflexións asemade sobre o mundo virtual ou sobre a necesidade das novas tecnoloxías (“Xa nos eramos persoas. Eramos móbiles”), e os problemas do xornalismo no mundo actual. Hai que matalos a todos comparte certos trazos da literatura folletinesca: ten que ver coa novela negra, mais non descansa no eixe temático que acostuma definir o xénero. Hai “mortes matadas”, pero o cerne argumental non se alicerza nos esforzos dun detective por esclarecer un feito misterioso, senón nas tres fías antes amentadas. En resumo, unha historia entretida que no demanda un lectorado esixente, con moitos enredos, algunhas escenas truculentas e outras pouco cribles, mais que seguramente será do agrado do gran público e que, ao mesmo tempo presenta interrogantes, tanto éticos como legais e de grande actualidade.
(Texto publicado o día 18 de xuño de 2015 no xornal Faro de Vigo)